Non se pode contentar a estafadores e estafados ao mesmo tempo

Un presidente indolente

HENRIQUE VIÉITEZ ALONSO


Fai uns días e como presidente do goberno manifestaba Mariano Rajoy que o Estado nin tivo nin ten problemas para financiarse. Razóns non lle faltaban pois non estaba pensando nin nas familias nin nas pequenas e medianas empresas e as dificultades que estas teñen para acceder ao crédito; estaba pensando nas grandes transnacionais e, sobre todo, no sistema financeiro, nas entidades bancarias. Efectivamente a banca, e tamén as caixas, metéronse no negocio da usura como o ladrillo, as hipotecas lixo e outras especulacións ruinosas e, como todo avaro, terminaron estragando o negocio e quedaron descapitalizadas. Como necesitaban liquidez, idearon toda unha manchea de productos financeiros de alto risco, como as participacións preferentes, para botar man e quedarse cos aforros familiares mentres os grandes xestores destas operacións retirábanse con pensións millonarias e outras indemnizacións.          

O que criaron foi a maior estafa xamais imaxinada, iso si todo legal, arruináronlle a vida a miles e miles de persoas que, en moitos casos, nin tan sequera foron informados no máis mínimo e xeraron un drama de magnitudes incalculábeis nunha situación de extrema pobreza derivada dunha alta taxa de desemprego e unha perda galopante do poder adquisitivo. E cando as persoas afectadas reclaman xustiza os gobernos din que nada poden facer para resolvelo, que a culpa é de Europa, máis o primeiro que fixeron foi darlle unha amnistía fiscal aos defraudadores e máis miles de millóns á banca.          

Que razón ten un ex-responsábel de negocios do banco Goldman Sachs (un dos principais responsábeis da crise) cando di que “adicabámonos a calotear ao cliente” ou mesmamente o presidente do comité de economía e desenvolvemento da OCDE ao manifestar que “é sorprendente que tan poucos banqueiros foran á prisión nesta crise”. Nin teñen medo nin vergoña, están amparados pola lei.          
Mentres, o Goberno galego desenvolve toda unha cortina de fume e desvía a atención cara outro lado, nunha manobra envolvente que ten como obxectivo difuminar responsabilidades e desorientar ás persoas afectadas. Que sentido ten falar dunha “completa estratexia de apoio e defensa das persoas afectadas”, dicir que abren doce oficinas para asesorar e reclamar cando xa estaban funcionando, para intentar convencelos de que a solución é a vía extraxudicial da arbitraxe para resolver os conflitos xurídicos derivados deste problema?.   Alberto N. Feijóo

De que parte esta Feijoo ao manipular e mentir sobre a súa responsabilidade política, ao instrumentalizar o Goberno ao servizo do partido cando di que a culpa é do anterior Goberno galego, si cando se emitiron as primeiras participacións preferentes el era vicepresidente do Goberno e as segundas xa era presidente do Goberno galego?. Pero o que máis chama a atención é que esta actuando de colchón e parapeto da banca e do Goberno do Estado fronte á reclamación de xustiza por parte das persoas afectadas. Por que avoga polo arbitraxe cando o que debe facer é cumprir o mandato do Parlamento galego e instar ao Banco de España e a CNMV para que promovan e, no seu caso, presten as autorizacións necesarias a Novagalicia Banco e outras entidades financeiras para dar solución á recuperación integra do investimento realizado polas persoas que subscribiron participacións preferentes na Galiza?.          

Por que oculta que estas persoas mercaron unha débeda eterna (a entidade emisora no esta obrigada a reembolsar o principal) pero que, transcorridos cinco anos dende a data de desembolso dita entidade pode, en calqueira intre, amortizar as participacións preferentes coa autorización previa do Banco de España. Esta é a chave da solución e é unha solución política; tomen as decisións que consideren oportunas para devolver integramente os cartos que lles estafaron ás persoas.             

No canto de poñerse á fronte das reclamacións das persoas afectadas; de abrir un expediente ás entidades por prácticas fraudulentas de consumo como fixeron outras comunidades autónomas e que xa as sancionaron; de pedirlle ao goberno amigo que habilite as medidas para solucionar esta estafa ou, mesmamente, xa que Feijoo foi o grande valedor do actual presidente de NovaGalicia Banco e o acompaña nas viaxes para captar investidores, que lle reclame a solución definitiva para as persoas subscritoras de participacións preferentes.          

Non se pode contentar a estafadores e estafados ao mesmo tempo, máxime cando eses aforros foron furtados mediante o engano e representaban o esforzo de toda unha vida de traballo ou eran o resultado dunha indemnización por despido, polo tanto vai sendo hora de que se poña do lado da inmensa maioría social e, sobre todo, de aquelas persoas que sofren os duros golpes dun sistema insaciábel, pois do que se trata é de poñer solución a un roubo descarado feito por bancos, caixas e grandes empresas que amparáronse na confianza e na lexislación vixente.


-----------------------------------------------------------------
[NOTA EDITORIAL.- A responsábel editorial desta publicación dixital, Terra e Tempo, recorda que as valoracións e opinións contidas nos artigos das colaboradoras e colaboradores habituais recaen integramente no ámbito da responsabilidade delas e deles. A directiva non asume como propias máis que as afirmacións do "Editorial" ou de "Xunta Directiva da Fundación Bautista Álvarez" que, con este nome, se publica á cabeza dos artigos do día. Tendo comprobado como é moi elevado o número de lecturas e comentarios dalgúns artigos -cousa que nos honra, naturalmente-, asistimos igualmente a unha utilización espuria da opinión dalgúns colaboradores, facéndoa extensiva á Fundación Bautista Álvarez ou á Unión do Povo Galego, partido que non ten responsabilidade sobre este dixital que edita a Fundación. Insistimos, por isto, en como o dixital Terra e Tempo, respeitando a liberdade de expresión dos seus colaboradores, non fai súas en absoluto as aprezacións particulares, sobre calquera tema, dos mesmos. Reservámonos, claro está, como en calquer publicación similar, o dereito de inserimento dos comentarios que cada artigo merecer, pois non damos nin daremos cabida a aqueles que conteñan insultos ou resulten difamantes ou inxuriantes para persoas, institucións ou organizacións.]
-----------------------------------------------------------------