Peta con forza o sol de verán. Despois de comer a xente decide ir á praia. Neste caso optan polo areal de Nemiña, alí onde o Bardo estudou o latín e escoitaba, sentado ao pé dos valados xunto aos Casás, o vento circio. Areal agredido por falsas políticas de progreso: casas, pistas e encoro que quita auga ao río Castro. Unha pista ascende pola ladeira e corta a inmensa duna que forma o monte Nen, o monte da Croa que cantaba o Bardo, e que cualificou como sitio vougo e areoso. A pista corta o normal funcionamento da duna, polo que é unha grave ameaza e non un beneficio. O importante é que haxa pistas. Coidar e respectar a natureza ou ter servizos sociais que atendan aos vellos que fican sós nas aldeas, non. Chegar en coche a todos os lados, si. Aquí dise que moitas destas pistas só serven para que teñan máis saídas os narcotraficantes, como se puido comprobar coa que se fixo á praíña de Arnela, xunto á Buitra.
Pero neste día de sol abafante prefiro agardar a que baixe o calor e saír a camiñar cos cans da casa polos camiños que teño andado moitas veces de rapaz. Chama o ledo andar polos camiños, dixera Otero Pedrayo camiño de Teixido.
Agora os cans do rural hai que sacalos a pasear. Antes ían coa xente ou co gando. Agora a xente vai cos cans. Gando xa non hai e, aquí, tampouco se traballan as terras. Lembro unha historia de vello: un veciño ía con certa regularidade a buscar mercadorías co carro a outra aldea onde había feira. O can sempre o acompañaba, sempre estaba disposto ao paseo xunto ao carro, pero ao chegaren a unha aldea (aquí dicimos lugar) desaparecía, aparecendo de novo ao deixar atrás o lugar e traendo sempre algo na boca que, naqueles tempos de fame, non era máis que un cacho de broa que se cocía cada quince días e que se ía quitando do forno segundo as necesidades. Era un can que paseaba só polas cociñas alleas.
Vicente Risco dixera que a terra dun débese andar a pé, que o camiño máis andado e máis visto “garda de cada vez en cada revolta unha sorpresa”. Pero para isto, dicía, o que compre e sabermos pór a alma onde pomos os pés.
Abofé, que dicían “os vellos d´antes” (expresión que aínda escoito cando ando polas aldeas e pregunto por algo: “eso tiñan que ser os vellos d´antes. Aghora non hai quen sepa deso”), que as sorpresas hainas, mais as que vou atopar son tristeiras.
Decido ir cara ao monte chamado d´A Pedra do Home. Chámase así porque nunha laxe a erosión debuxou o que semella o busto dun ser humano. Todos sabiamos onde estaba esta laxe: xunto ao camiño das Gándaras (aquí dicimos ghandra), polo que algunhas veces tería pasado o Bardo no seu faco camiño da súa pasantía. Mais a última vez que fun vela para ensinarlla ao meu fillo, non demos con ela, pois a zona estaba infestada de eucaliptos e as referencias que tiña desapareceran baixo a mesta eucaliptada. Antes todo isto era monte baixo, había gando e mesmo un par de leiras a cereal; foi dividido na década de 1920. Coa eucaliptización todo é igual, todo ten a mesma fisionomía e os vellos camiños son engulidos. Mais agora hai un tempo que cortaron aquí os eucaliptos e, aínda que volveron plantar de novo, o terreo está máis visible.
Pero as novas plantacións fanas empresas que tanto labran un monte aquí como van a Castela a atar palla, empresas que dispoñen de maquinaria que labra todo o que encontra por diante. Para esta xente unha leira de monte é só unha superficie cunha determinada cantidade de metros cadrados que hai que preparar para novas plantacións, case sempre, se non sempre, para eucaliptos.
Onde está a Pedra do Home, nunha planicie, quitouse historicamente pedra para choer as paredes dos prados (prado aquí é un monte pechado, non un pasteiro), pero sempre se respectou a pedra que deu nome ao monte. Agora as máquinas case a arrincan do sitio, pois labraron mesmo ao seu carón; ademais, está máis cuberta pola vexetación ao non ser limpada pola xente ou polo pastoreo. Co tempo a súa localización será imposible si non se xeoreferencia ou se sinala adecuadamente, pois por aquí xa non hai xente no monte e a pedra xa non é unha referencia para os poucos que pasan ao seu carón, sempre en coche ou en tractor. Xa non hai xente andando os camiños e, como cantaba o Zeca, só se lembra dos caminhos velhos / quem tem saudades da terra.
Non é unha pedra con carga histórica, pero si debuxou un territorio e forma parte dunha paisaxe cultural que nos trouxo até o século XXI. Polo tanto, remite á memoria colectiva dunha comunidade, e podería relatar aquí historias de vida de veciños nos que aparece referenciado este nome. O territorio é tal porque se identifica cunha realidade social, son espazos de identidade xerados pola historia e as vivencias en común, dando lugar ao sentido de identificación e pertenza, tamén ao de diferenza.
Cerca, a uns trescentos metros e ao outro lado do camiño, hai unha mámoa que, tamén, sufriu o proceso de eucaliptización, pois xa non é algo visible na paisaxe, algo que destaca no territorio e, probablemente, esta mámoa marcaba o límite entre o territorio histórico do mosteiro de Moraime e a xurisdición do conde de Altamira.
Sigo o meu camiño. Agora quero ir cara ao Campo das Pescas. Supoño que a orixe deste topónimo ten que ver que neste sitio, un campo que estaba a medio camiño entre as vilas de Muxía e Cee, paraban as pescas –as mulleres que ían vender peixe e levábano na cabeza- para descansar, quizais tamén, para reagruparse e pasar xuntas a Ponte Constante, pois tiña fama de que aquí saían ao camiño. A isto fai referencia velada unha copla: Pasei a Ponte Constante, /non a pasei por ladrón… Quen si saía era tamén a guardia civil para denigrar aos mozos que pasaban por alí nos anos inmediatos á guerra civil.
No Campo das Pescas se celebraba unha importante romaría, a primeira do ciclo do verán desta zona. Tiña moita sona porque había carreiras de cabalos. Naqueles anos escuros as romarías con carreiras de cabalos tiñan un plus de atracción. Pero a romaría desapareceu xa na década de 1960. Neste campo non había nin capela, nin cruceiro. Este, un bo exemplar, está ao pé do camiño e a máis de medio quilómetro, entrando xa no lugar de Vuiturón; a capeliña, é a parroquial de San Tirso, e tamén está distante do Campo das Pescas. Polo tanto había dous planos distintos da romaría e no Campo das Pescas só había merendas, baile e carreiras de cabalos, ningunha referencia ao sagrado. Os actos litúrxicos celebrábanse a case un quilómetro.
Teño gravada na memoria o itinerario que facíamos cando era rapaz e procuro buscar o vello camiño. Algo imposible nunha xeografía totalmente transformada e queimada. Aquí ardeu a comezos do verán e todo está negro: o chan é negro, as paredes están negras, os poucos piñeiros negros, as pedras negras. Só brotan os eucaliptos. Cando ardeu non apareceron “os do lume”, como por aquí chaman a estas brigadas, non apareceron porque foron recortados. Foron apagar o lume, como nos vellos tempos, os poucos veciños coa axuda de protección civil. Eis a política contra o lume deste goberno.
Algunhas leiras xa foron labradas e plantadas de eucaliptos. Os vellos camiños desapareceron. E o Campo das Pescas, tamén, e desapareceu totalmente comesto polos eucaliptos. Otero Pedrayo falaba de que os labregos tiñan unha gradación estimativa das sombras. Primeiro estaba a sombra do carballo, árbores que cualificaba como de valente tronco finamente enrrugado; despois viña a sombra dos castiñeiros e a dos piñeiros. Estes, dicía, recollen o paso dos aires en máis da metade de Galiza. Hoxe son engulidos polos eucaliptais, xa non son elementos da paisaxe, xa non hai gradación de sombras. Hai degradación da paisaxe histórica en beneficio dunha multinacional.
Incendios, pistas e eucaliptos conforman agora a imaxe dun monte arredado da xente, cando o monte ten que estar en comunicación co resto da paisaxe. Se non é así seguiremos tendo un problema co monte e seguiremos afondando na desterritorialización e na perda de identificación, creando espazos baleiros, sen recordos.
© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#bautistaalvarez#code#org