04:49 Luns, 27 de Maio de 2013
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

01-08-2012

As importantes mobilizacións actuais de non ir acompañadas dunha necesaria politización poden acabar desaparecendo en pouco tempo

Non é unha crise económica, é unha batalla ideolóxica

Valorar (31)

DUARTE CORREA PIÑEIRO



Van alá perto de catro anos dándolle voltas á crise económica con propostas e contra-propostas, análises e contra-análises, receitas e contra-receitas, todo co suposto obxectivo de superala. E mentres, quen goberna no estado e na Galiza avanza inexorabelmente coas súas medidas de recortes dos servizos públicos e dos dereitos sociais e laborais; se ben é certo que lle corresponde agora ao Partido Popular a execución deses recortes a un ritmo acelerado debemos andar con ollo para non esquecermos quen abriron o camiño para os recortes actuais. Nin uns nin outros poñen en cuestión o marco e as políticas deseñadas, e semella ser a crise a única culpábel, unha crise provocada por uns especuladores financeiros aos que polo visto non é posíbel meter man dado que vivimos nunha sociedade de libre mercado e deben garantirse as liberdades dos mercadores aínda que sexa a costa da ruína do resto da poboación.    

Hai un tempo publiquei un artigo no que facía referencia á necesidade de recuperar as palabras loita e clase, dúas palabras fundamentais para podermos comprender a actual situación e analisar os acontecementos que se están a producir e que nos deixan sen alento en non poucas ocasións. E falaba na necesidade de as recuperar dado que durante décadas mantívose agachada a palabra loita baixo o manto dun posíbel e segundo nos dicían moi necesario pacto social, e a palabra clase desaparecera da nosa linguaxe  engolida polo chamado estado de benestar e o magnífico invento do pago a prazo que nos permitía abandonar definitivamente a condición de persoas para converternos en consumidores e consumidoras pasando a gozar dos chamados bens de consumo grazas a unha débeda bancaria amortizada  mes a mes ao longo de toda a nosa vida.

Non é a crise o verdadeiro problema, e quen pense que o é estará auto-enganándose ao igual que se auto-enganan quen dirixen a súa xusta indignación e impotencia contra a mal chamada “clase política” ao tempo que berran nas manifestacións o de “todos son iguais”, ou consideran positiva a redución do número de deputados do parlamento galego, a eliminación das subvencións públicas ás organizacións políticas e a redución de dereitos sindicais ou a eliminación do dereito á paga de nadal dos empregados e empregadas do sector público.    

Estamos diante dunha batalla ideolóxica, sendo a actual crise económica escusa ideal  para que os defensores do capitalismo tenten recuperar posicións eliminando dunha vez por todas os dereitos que foron conquistados polas clases populares; hoxe o sistema en Europa está nunha clara ofensiva ideolóxica  tentando afondar en políticas que foron postas en marcha no seu momento na Gran Bretaña e nos Estados Unidos por Margaret Thacher e Ronald Reagan respectivamente e que supuxeron un empobrecemento xeneralizado das súas poboacións co conseguinte drenaxe de recursos que posuían as maiorías sociais e pasaron a poder dunha minoría.    

E esta ofensiva do noso inimigo precisa que a enfrontemos con ideoloxía, dado que as importantes mobilizacións actuais de non ir acompañadas dunha necesaria  politización poden acabar desaparecendo en pouco tempo deixando en moitas das persoas que nelas participan o sabor amargo de aquilo que puido ser e finalmente non foi.    

Politizar é falar cada vez máis coa xente e explicar que non existe ese malvada  “clase política”  e que as distintas organizacións políticas, sociais ou sindicais defenden uns determinados intereses que son intereses de clase e que a contraposición duns intereses con outros provoca a lóxica loita de clases, por iso non todas as políticas son iguais e por iso precisamos de acompañar a acción de masas coa actividade política, para que os intereses das clases populares, que son a maioría social, estean sempre por riba dos intereses dos que defenden a explotación e a desigualdade como o natural.    

Neste tempo no que hai unha desafección xeneralizada pola actividade política non casual senón provocada a mantenta polo sistema para que quen son prexudicados polos recortes de dereitos non vexan alternativa maior que uns berros na rúa, debemos dirixir a forza desa  indignación cara os verdadeiros culpábeis que son os especuladores financeiros e aqueles dirixentes políticos que coa súa actuación fan totalmente certa e actual a frase de Karl Marx “…o goberno do estado moderno non é senón un comité para xestionar os negocios comúns de toda a clase burguesa…”, e ao tempo conseguir que apoien activamente a quen defendemos propostas de mudanza real partindo da necesidade de superar o actual marco e poñer en marcha políticas alternativas.  

Pódese facer pero só o daremos conseguido se ideoloxizamos e organizamos. 


[05-08-2012] Catuxa comentou:

A sociedade está desideoloxida e o BNG tamén. É difícil ilusionar a alguén dende posturas que pretenden que este sistema(capitalismo) só precisa dalgúns remendos, unha vangarda que se sinta cómoda no Estado do Benestar non nos vai levar moi lonxe. Precisamos na Galiza unha vangarda que manifeste claramente a necesidade de sair do sistema capitalista se realmente aspiramos a unha sociedade igualitaria ... fagamos posíbel outro mundo!!!

[01-08-2012] Milucho comentou:

Este artigo alerta do problema que lle impide avanzar tanto a chamada esquerda como ao propio BNG. A análise é perfecta compañeiro Duarte, pero como convencemos a xente de que a interpretación correcta é a nosa cando escoitan duas mil veces a interpretación do capitalismo e una a verdadeira? Moitos militantes do BNG están convencidos de que temos que axudar "cristianamente" na crise e rebaixarlle o salario e a dignidade aos alcaldes ou incluso aos funcionarios porque son "malditos e perversos chupóns". Un señor maior que andaba medio perdido a busca de papeis no Hospital de Monforte asumía que se terían que pagar no futuro seguros privados. Era un labrego xubilado que viviu con tres vacas.....Na última manifestación de Lugo contra os recortes a semán pasada un obreiro defendía que viña a manifestarse contra os políticos e que lle parecía ben que quitaran aos políticos e puxeran a gobernar aos militares. Europa xa é ideoloxicamente fascista. Cando menos, temos dous problemas serios: Non contamos con vangarda politizada, somos poucos. O aparato de propaganda que temos en fronte é esmagador, Os lectores de prensa diaria, comezando polo BNG rematan co síndrome de estocolmo pensando como "El país" ou "La Voz de Galicia", dous dos mellores propagandistas do Imperialísmo. Tes toda a razón, ou os conflictos levan a xente a organizarse baixo organizacións políticas ou rematamos como tantos movimentos que parecían a "revolución da SOCIEDADE CIVIL" e rematan sendo o sedante do sistema ou o cabreo con orientación facha de Rosa Díez. E hai algo que nunca demos enfocado ben. Os ricos teñen conciencia de clase e saben que canto canto mais nos enganen mellor, eles coñecen ao enemigo. Na esquerda seguimos coa idiotez de lamentarnos das nosas desgrazas e explicar como sufrimos os pobres. ¡Eso xa o sabemos e non fai mais que deprimirnos! Precisamos explicarlle aos da nosa clase como viven os ricos a conta nosa e como podemos quitarlle o que nos están roubando; pero non o estamos facendo.....

[01-08-2012] Antonio Gregorio Montes comentou:

Saliento a frase de Marx citada ó final. Non a coñecía, aínda que a rumiaba tódolos días.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#bautistaalvarez#code#org