12:01 Venres, 24 de Maio de 2013
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

24-07-2012

Non hai palabras para comunicar, coa debida contundencia e eficacia, a magnitude do roubo que se ten feito da nosa historia

Historia patria

Valorar (66)

FRANCISCO RODRÍGUEZ SÁNCHEZ


Miniatura do Tumbo de Toxosoutos


Non hai palabras para comunicar, coa debida contundencia e eficacia, a magnitude do roubo que se ten feito da nosa historia. É de tal entidade que só podemos valoralo e comprendelo cando se é consciente da eliminación, a apropiación indebida, a ocultación e a terxiversación a que foi sometido o noso pasado. Entón cobra sentido moito do que vemos, comezando polo noso patrimonio histórico-artístico, e moito do que ignoramos, o noso patrimonio documental. A etapa medieval, sexa cal for a forma de estabelecer a súa cronoloxía, é quizais a que foi sometida a maior servidume política, a unha determinada idea de España e os españois que esixía a eliminación de Galiza. Coido que é o roubo de maior gravidade polas súas consecuencias para a consciencia social colectiva. Até tal punto é así que, de reconstruírmos con veracidade a historia medieval da Galiza, moitos dos mitos e falsificacións na forma de estudar o que se denomina historia de España derrubaríanse. É máis, podemos afirmar que a construción da idea de España pola historiografía oficial fíxose á conta e contra a existencia do pobo galego, da súa historia medieval.

Hai análises, interpretacións, discursos e conclusións históricas que farían enrubiar a quen as enuncia, con só atreverse a constatar, admitir e interpretar debidamente o que a documentación da etapa medieval nos reinos occidentais da Península testemuña. Dá a casualidade, por exemplo, de que a información máis directa e abundante, elaborada por homes de entón e conservada até hoxe sobre os séculos IX a XIII, non é nin asturiana nin leonesa nin castelá. É galega. O Tumbo de Celanova, naturalmente espoliado e trasladado ao Arquivo Histórico Nacional de España en Madrid, é o mellor fondo documental sobre os séculos IX e X, especialmente. Non deixan lugar a dúbidas sobre cal era o epicentro, a orixe familiar e a base do poder dos reis, máis ben electos que hereditarios, que figuran como asturianos ou leoneses na historiografía oficial. Eran galegos. Tampouco deixan dúbidas sobre a consideración de Galiza como unha unidade cultural e lingüística, e unha entidade política, entre Douro e Ortegal, cunha clase dirixente que consideraba, de Mondoñedo a Guimarâes ou Porto, o seu espazo natural. Cantos en Celanova e no resto da Galiza saben que o mundo musulmá do califato de Córdoba vía o reino de Galiza, como a referencia política e económica máis senlleira da cristiandade peninsular?

Sobre os séculos XI, XII e XIII, as fontes primarias de información máis importantes están orixinadas na Galiza. Son o Tumbo de Toxosoutos, tamén espoliado e trasladado ao Arquivo Histórico Nacional de España, os Tumbos da Catedral de Santiago e a Historia Compostelá, reveladora crónica sobre a época de Xelmírez. Algúns arquiveiros especialistas, como Sánchez Belda, chegaron a sorprenderse, xa no ano 1953, de que o maior número de documentos medievais do Arquivo Histórico Nacional de España proviña de Galiza, non de Asturias nin de León, o que non resulta congruente coa visión historiográfica oficial. Non por iso se tirou ningunha conclusión para rectificar a historia. Malia non faceren mudanza algunha da visión dominante, cando os medievalistas queren reproducir imaxes da época de monarcas como Afonso VI, Afonso VII, Afonso VIII, Fernando II, Dona Urraca, Dona Tareixa e outros teñen que recorrer ás miniaturas dos Tumbos da Catedral de Santiago ou de Toxosoutos. A única crónica contemporánea dunha coroación real no século XII está na Historia Compostelá, onde fica moi claro onde naceu, onde se criou e foi educado e por quen Afonso VII o Emperador. A estrutura e orientación do poder político nos tres reinos occidentais, Galiza, León e Castelá, tivo até o século XIV unha marca galega moi determinante.

Podemos asegurar que o roubo ou desaparición da Compostelá ou de calquera dos Tumbos da Catedral significaría, desde calquera punto de vista, sobre todo do histórico, un atentado de maior envergadura, de máis graves consecuencias, que o do Códice Calixtino. Por certo, se este é tan importante porque non se dá a coñecer a súa existencia e o seu contido no sistema educativo galego? Como se pode entender que a súa desaparición obre o milagre da súa existencia, iso si, para seguir obviando ou ocultando precisamente a significativa información dun francés sobre o noso país, mentres se subliña o seu carácter relixioso e xacobeo? Será que unha parte moi importante da alma galega, representada, segundo o presidente da Xunta, Feixoo, no Calixtino, consiste en agacharse e censurarse e, cando xa resulta imposíbel, diluírnos nunha espiritualidade europea, española e católica? Mais as probas a prol da relevancia da Galiza na Idade media son contundentes; por iso ignorámolas. A devandita documentación é o corpo empírico dunha incuestionábel realidade política, a do reino de Galiza. Só por obra da manipulación máis arrogante e desconsiderada, destinada á nosa eliminación, se pode comprender o descoñecemento da mesma ou a súa lectura forzada para non cuestionar o statu quo oficial. A esta altura, non podemos deixar de subliñar a covardía, o colaboracionismo consciente coa censura, da maior parte da historiadores académicos, da Universidade galega sobre a Idade Media. Non é só que non sexan quen de mostrar as evidencias, senón que se comprometen, de forma entusiasta, co labor de eliminación do reino de Galiza, malia as contundentes probas empíricas, documentais. Este noso país é, pois, un dos casos nos que existen fontes primarias aquí orixinadas con abundante e rica información, mais á hora de elaborar, de contar a historia, convértese nun país inexistente...

Relendo a Galicia feudal, un libro de 1970, de Victoria Armesto, decatámonos de que custoso é avanzar na socialización das evidencias, nunha sociedade como a galega sometida a procesos de continua desmemoria e desinformación sobre si mesma. Referíndose a Fernando II e Afonso IX, o noso VIII, ela xa advertía que, “malia nas historias oficiais pasaren só por reis de León, eran máis que nada reis de Galicia” (p. 356). Corenta anos máis tarde, podemos asistir a exposicións, pagadas con diñeiro público, dirixidas por egrexios catedráticos de Historia Medieval da Universidade de Santiago, sobre o reinado de Afonso IX, por exemplo, comprobando abraiados que só existe o Reino de León e que A Coruña era unha cidade leonesa...As últimas Historias de Galicia en fascículos, editadas polas dúas empresas xornalísticas máis importantes de Galiza, da autoría de destacados membros da corporación universitaria, son desconsoladoras, precisamente na etapa medieval, pola contumacia en negar as evidencias. Porén, a forza dos feitos é tanta que, mesmo na Universidade de León, se teñen presentado teses de doutoramento que, contando coa análise do Tumbo de Celanova como ineludíbel, asumen que moitos nobres que foron dados como asturianos eran galegos, e que moitos dos reis do século X eran da nobreza galega, vinculados á familia de San Rosendo. Así o recoñece, por exemplo, Margarita Torres Sevilla en Linajes nobiliarios de León y Castilla, siglos IX-XIII (Junta de Castilla y León, 1999). Como se ve, non se discute o deseño ou esquema histórico previo, mais se ten a honestidade de reflectir o que os documentos sinalan. Outros historiadores, como Alfonso Ceballos-Escalera, tamén castelán-leonés, no seu libro sobre os Reis de León, editado en Burgos no ano 2000, recorrendo ás crónicas árabes do momento, escribe: “Ibn Idhari, cronista musulmá, xeralmente ben informado dos sucesos políticos leoneses, afirma que o califa Al Hakam recibiu a visita de Ordoño, fillo de Afonso o Xorobado, que era da familia dos Reis de Galiza e estaba en contra do seu curmán Sancho”. Naturalmente aquí, na historiografía universitaria, non se ten chegado nin a este nivel de aceptación da verdade histórica. Non en balde a institución cumpre unha función colonial.

Causa rubor escoitar en boca de historiadores galegos académicos a fácil descualificación das Historias de Galicia escritas por Vicetto, Murguía ou López Ferreiro, con perspectivas distintas, mais concordantes en fundamentarse nunha sólida base documental e nun afán por facer aboiar a historia que nos negan e rouban. O único pecado que cometeron aqueles historiadores foi esforzárense en demostrar, con dados e feitos incontestábeis, que Galiza existiu e existe, non adaptándose servilmente ao deseño de eliminación que a historiografía oficial española, con plena consciencia, foi artellando ao longo do século XIX, moi especialmente. Tiveron o valor e a capacidade necesarias para facelo. Moveunos un elemental patriotismo, aquel que nace do desacougo e da desconformidade por padecermos tanta ignorancia e desprezo por nós mesmos, inoculadas a través, entre outros medios, dunha visión da historia onde non existimos, contra toda evidencia e razón. Sen o seu inicial esforzo ciclópeo non teríamos unha tradición histórico propia, por máis fragmentaria e hostilizada que estea, que hoxe continúa con contribucións potentes e diversas aínda fóra do ámbito universitario. Ao seu favor, no caso da Idade Media en concreto, está a documentación de incalculábel valor que existe sobre o papel máis que relevante do noso país neste período histórico, malia tanta ocultación, destrución e desleixo co patrimonio. Para usala correctamente só se require amor pola verdade, sentido da inxustiza e un mínimo aprecio polo país...


anterior 1 2

[27-07-2012] francisco rodríguez comentou:

Agradezo todos os comentarios. Verbo do Tudense, desexo aclarar algo: o obxectivo deste artigo é combater a eliminación da actual Galiza do devalar histórico medieval pola historiografía española en xeral, non só a do XIX, a importancia da documentación aquí orixinada que sustenta a existencia do reino da Galiza e a máis que improcedente absorción de moitos fenómenos, poderes, institucións e persoas pola catagoría astur ou leonesa cando o máis correcto sería denominalas galegas. Polo demais, é case imposíbel en termos absolutos facer historia sobre a Idade media como se vivísemos nela e dentro da súa mentalidade. En ningún momento afirmo que a Galiza medieval correspondese cos límites da actual. Tiña unha maior extensión para o sul e para o Leste, pero a actual si foi o epicentro, non en balde ficou co topónimo e a documentación é de onde é. Estaremos dacordo que unha nacionalidade ten que recoñecer a súa historia, non ignorala, como se fai na Galiza, sendo o máis verdadeiros e rigurosos, pero non fuxindo do problema: que nos negan a nosa historia, con apropiación indebida por outros ou simplemente ocultándoa e manipulándoa. velaí a cuestión grave para a nosa sociedade. Desde o século XIII o concepto Galiza aplicábase xa ao espazo actual, incluído o Berzo e a Seabra, cando menos.
O Tudense comete unha anacronía, que comprendo, o uso da palabra estado, a todas luces abusivo para á época ao que me refiro no texto. Limítome a falar dun concepto medieval, reino, sabendo, ademais, que non había fronteiras definidas nin fixas como hoxe, senón relacións sociais e de poder máis maleábeis e cambiantes. En fin, o problema non está en intentar aclarar o noso pasado con conceptos do presente, senón en ocultar, descoñecer, ignorar todo o que, como pobo, temos ás nosas costas, incluído os poderes e os esforzos que sustentan todo o noso patrimonio monumental, pensar que sempre fumos unha terra marxinal e sen historia nunha entidade política, esa si existente, que se chama España.

[27-07-2012] Xoan comentou:

Moitas grazas. Estou descubrindo cousas das que non tiña nin idea. Ánimo, e segue nesta liña.

[25-07-2012] Tudense comentou:

Na Idade Media hispánica, e precisamente por influencia islámica, non se diferenciaba entre etnia e relixión. Había cristianos e musulmáns. Os primeiros escribían latín e os segundos árabe. Estaba a Umma, a nación islámica, e enfronte a cristiana. Os nomes empregados para describiren etnias ou pobos no sentido actual os árabes en xeral tomábanos dos romanos (chamaban rumi ou romanos aos gregos bizantinos, por exemplo), e por iso chamaban galegos aos cristianos, por seren da provincia da Gallaecia. Moitos estados medieváis importantes, coma Borgoña ou Aragón, non tiñan unha base étnica nin deron lugar a nacións ou pobos no sentido moderno. Outros pobos con moita conciencia nacional como vascos ou irlandeses nunca foron estados no medievo. Á intoxicación das historiografías decimonónicas non convén na altura responder con anacronismos como os que reflexa o autor do artigo. A pura verdade é suficiente: as nacionalidades modernas non corresponden en moitos casos cos estados medieváis.

[24-07-2012] Xurxo Allegue comentou:

Parabéns camarada, moitos esperamos que des luz á nosa historia roubada. Como tés feito con figuras senlleiras coma Rosalia e Castelao.

anterior 1 2
Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#bautistaalvarez#code#org