13:44 Xoves, 23 de Outubro de 2014
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

18-05-2012

Todas as medidas propostas, quer por gobernos quer por axencias de cualificación, céntranse en dúas ideas-chave: competitividade e esforzo

Cultura do esforzo e sistema educativo

Valorar (17)

XOÁN COSTA



Dun tempo a esta parte, todas as medidas propostas polos diferentes gabinetes, quer de gobernos quer de axencias de cualificación, destinadas a anular as conquistas socias dos derradeiros cincuenta anos, céntranse en dúas ideas-chave: competitividade e esforzo. Ora ben, o desvío semántico que o sistema aplica a estas palabras, sobre todo a “esforzo”,  fai que o seu significado sexa ben distinto do que achamos no dicionario.    

Fiel a todas e cada unha das consignas neoliberais, o ministro de Educación, José Ignacio Wert, asegura que a reforma académica que prepara o Goberno e que chegará ao Congreso despois do verán para entrar en vigor progresivamente a partir do curso 2013-2014, se centrará, entre outros, no argumento da necesaria recuperación da cultura do esforzo, eixo este en que asentaba a Lei de Calidade (LOCE) promulgada polo goberno Aznar e cuxos plantexamentos máis negativos agora pretende recuperar o Partido Popular a través do señor Wert coa anuencia da Consellaría de Educación da Xunta de Galiza.

A cultura do esforzo  

Se acudirmos ao dicionario comprobaremos que a  palabra esforzo aparece definida como: Actividade dun individuo que emprega as súas forzas físicas, intelectuais ou de vontade, para conseguir algo vencendo unha resistencia interior ou exterior; tamén é ese o valor que a inmensa maioría dos falantes lle atribuímos. Mais, como acontece nos derradeiros tempos con outras moitas palabras, o sentido de “esforzo” derivou, no vocabulario das políticas neoliberais, cara a outro campo significativo: esforzo agora é igual a competencia, loita pola sobrevivencia, en consonancia coa concepción da cultura do traballo” que este goberno reflicte na súa política económica e social ao proclamar que todo o mundo debe ter un emprego, precario, se for preciso, aínda que para iso haxa que rebaixar as prestacións por desemprego para que o traballo resulte rendíbel, incrementar a idade de xubilación ou eliminar os obstáculos normativos que dificultan a mobilidade no posto de traballo.    

Neste contexto fórxase a teoría da cultura do esforzo que, trasladada ao sistema educativo, os ideólogos do sistema explican afirmando que “é seguro que desta forma (refírese á situación que se daría de non se adoptaren as reformas) non prepararemos os nosos alumnos ou os nosos fillos para esa necesaria loita pola vida; é seguro que por ese camiño non os afaremos a superarse e esforzarse nas múltiplas dificultades que a vida lles ha de plantexar. E é que vivir, non nos enganemos, esixe esforzarse. No esforzo subxace un profundo sentido vital. Con efecto, todo ser vivo ha de se esforzar continuamente por adaptarse ao medio ambiente. Cando o ser vivo é capaz de realizar tal esforzo sobrevive, cando non pode realizalo, morre”    

En consonancia co anterior, a cultura do esforzo supón adaptación do sistema (e ao sistema) para a competencia a morte. Non se trata de valorar o traballo, o esforzo en si, senón de dirixilo cara a competitividade. Así o entende, e así o  reclama, o mundo empresarial: “Tense que producir un cambio sobre a cultura que tiñamos do gasto, do subsidio, de que nos arranxen a situación outros, por unha cultura do esforzo, do risco, do sacrifico,  di Miguel Garrido á altura presidente da Confederación Española de Xoves empresarios e hoxe Presidente da Academia Madrileña de Gastronomía e  Director da Cámara de Comercio de Madrid. (A citación está tomada da Guía para emprendedores, centro Emprende).    

O que no contexto da lexislación educativa se denomina cultura do esforzo é a condición necesaria para atinxir a situación que no mundo empresarial se denomina Entrepreneurship, concepto que non se corresponde coa habitual tradución por emprendedor, pois a cultura dos emprendedores diríxese cara a un modelo cultural que ha de marcar o fin do capitalismo tradicional  para substituílo por unha nova forma de pensar  centrada nas oportunidades, plantexada con visión global e levada a cabo mediante un liderado equilibrado.    

Nesta mesma liña,  a Comisión Europea insiste, e así o recolle no relatorio “Os obxectivos futuros concretos dos sistemas educativos”, na necesidade de transmitir, desde o ensino, con mensaxes claras, a necesidade de adoptar “un espírito de empresa” para animar, desde os doce ou trece anos, os escolares “a criar o seu propio negocio en lugar de buscar un traballo asalariado”

Sistema competitivo
 

Resulta curioso o feito de que un dos obxectivos das reformas educativas no Estado Español -e na UE- sexa facer o sistema competitivo de cara a unha economía competitiva seguindo as directrices de Lisboa para se tornar “na economía baseada no coñecemento máis dinámica e competitiva do mundo, capaz de garantir un crecemento económico sustentábel, con máis e mellores empregos, e con maior cohesión social”.   

Pois ben, neste sentido tense citado moitas veces o caso de Finlandia que, cun sistema educativo case cento por cento público e comprensivo, sen itinerarios separados até os dezaseis anos, obtén excelentes resultados en todas as análises internacionais. Pero é que ademais obtén o 4º posto no ranking das economías máis competitivas do mundo, segundo o informe Competitividade Global 2011-2012 do Foro Económico Mundial, demostrando que é posíbel un sistema educativo non segregador, inclusivo, con capacidade de formar cidadáns que se desenvolven dentro dunha economía altamente competitiva, e que non ten sentido facer reformas para tender cara a un modelo similar ao alemán que non figura entre os mellor valorados nos informes internacionais que tanto mencionan as nosas autoridades educativas.    

Por certo, no informe PISA de 2009, baseado na comprensión lectora, Galiza mostra un nivel de rendemento superior ao de Alemaña.    

As reformas que veñen apuntan cara a fórmulas que adiantan a separación do alumnado, para dirixir “os que non cumprisen os obxectivos" -unha expresión empregada por Wert -cara á Formación Profesional; reorganizarán a secundaria co fin de "anticipar a especialización educativa" ao tempo que se propón “revisar as condicións de promoción" nos cursos anteriores ao bacharelato. Así que, se cadra, o que procuran as reformas previstas non é mellorar a posición do sistema. Quen sabe...


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Presentacións da revista Terra e Tempo Nº 171 en Ferrol, Santiago e Lugo


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#com