12:20 Martes, 23 de Setembro de 2014
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

28-03-2012

Négasenos o noso “dereito” a caer enfermos, como se ese feito fose algo opcional sobre o que nós temos capacidade de decisión

Despolitización e perda de dereitos, sinais de identidade do presente

Valorar (12)

PAZ ABRAIRA SOBRADO



Xa en varios artigos anteriores falei da perda de dereitos laborais que estamos padecendo. A presenza de gobernos que en lugar de facerlle fronte ás políticas europeas actúan como simples correas de transmisión destas levounos a unha situación moi grave na que a “xente normal” é a que máis padece.

Pero esta nova reforma laboral, como moi ben dicía a compañeira Andrea Galego, médico de atención primaria nun centro de saúde dunha das barriadas máis populares da cidade de Lugo, sácanos o que é un dos maiores logros da clase traballadora, o dereito á saúde. Explicábao moi ben ela, aducindo na súa argumentación que agora os traballadores e traballadoras non temos dereito a coller unha baixa (prescrición médica imprescindíbel para a recuperación do doente) e polo tanto négasenos o noso “dereito” a caer enfermos, como se ese feito fose algo opcional sobre o que nós temos capacidade de decisión.

Ninguén decide poñerse enfermo, ninguén quere estar enfermo, ninguén quere necesitar asistencia sanitaria nin unha baixa, pero estes feitos están fora da nosa capacidade persoal. E o grave de todo é que o temor da poboación traballadora é tal, que nin protestan. É tal o medo que se instalou no corpo da xente que todos dan grazas por ter traballo e aceptan cambios de horario, baixadas de salario, eliminación de dereitos básicos, só con tal de non perder o traballo. Incluso os traballadores/as que a día de hoxe teñen “asegurado” posto de traballo e salario digno están retraídos e non consumen, aínda podendo, polo medo ao futuro. E canto máis medo hai, máis poder ten a dereita para seguir impoñendo as súas medidas. Canto máis medo temos, máis débiles somos. Canto máis medo nos infunde o futuro, menos capacidade de reacción temos no presente. E se non reaccionamos no presente, non imos ter futuro.

Por iso resulta tan triste ver como hai persoas que ocuparon cargos públicos no BNG, militantes que foron membros de todos os organismo de dirección, aos que o único que lles preocupa é atacar ao BNG, a CIG,… atacar en definitiva a quen pelexamos polos noso dereitos, a quen traballamos para defender a este país, país con cousas boas e mas, coma todos, pero país ao fin, o noso país.

Escoitar a uns e a outros falar mal da que durante tanto tempo foi a súa casa crea en calquera de nós un sentimento de frustración polas horas de traballo compartidas, polas decisións tomadas en conxunto e que até este momento non foran cuestionadas. Aquí ninguén fala das cesións que facemos todos e todas para seguir adiante, dos acordos difíciles aos que se chega para manter a unidade, do respecto que sempre hai polas persoas a pesar das diferenzas existentes. Sabémolo ben en Lugo, onde despois de decisións colectivas da militancia, defendemos a cabezas de lista nalgúns procesos electorais que para nada contaban co beneplácito xeral, pero unha vez tomada a decisión, sempre foron candidatos/as do BNG e con eles/as se traballou arreo para lograr os mellores resultados para o nacionalismo galego. Mágoa que os que se van non poidan dicir o mesmo. Alá cada quen coa súa conciencia e coa súa actitude de antes e de agora. Iso si, que non neguen que non deixar os cargos públicos non é transfuguismo. Éo, por suposto que si. Éo estatutariamente e sobre todo e o que é máis importante para min, eticamente. Os cargos son do BNG, todos e cada un, non nosos. Porque foi o BNG quen decidiu o posto que ocupamos, posto que revalidaron os cidadáns co seu voto. Estamos aí porque fomos nas candidaturas do BNG e non noutras. Poden poñer todas as escusas que queiran, pero a realidade é a que é, e desde logo non os deixa ben parados.

É momento de traballar e non de darlle bazas ao PP para que siga mantendo a súa maioría absoluta, unha maioría que está arrasando coas clases populares, esas as que se dirixen as políticas do BNG.

Alá aqueles que poñen os seus intereses persoais por diante do que foi, do que é e do que ten que ser a alternativa nacionalista e de esquerdas deste país.


[28-03-2012 00:12] Eu comentou:

Mentres os tránsfugas que tanto falaban de abrirse á sociedade seguen falando do encantados que están de coñecerse e continúan a turrar contra o BNG, mesmo despois de marchar, o BNG, coa inmensa maioría da súa militancia, que fica onde sempre, fala do que preocupa de verdade á sociedade: emprego, sectores produtivos, cultura, lingua, nación. O tempo porá a cada quen no seu sitio, se é que non o fixo xa.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2014


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#com