21:37 Domingo, 23 de Novembro de 2014
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

28-03-2012

Temos o dereito a sermos oídos e podermos falar na lingua que é nosa, sen artimañas, sen nos escondermos como galegas e galegos que somos

Somos pobos europeos con dereitos: o galego na UE

Valorar (41)

ROBERT NEAL BAXTER



Tras un breve saúdo en euskera e catalán, o día 13 de febreiro, Ana Miranda, eurodeputada do BNG, fixo unha intervención dun minuto de duración en galego no Parlamento Europeo que non foi interpretada cara ao español, mentres que “as cabinas de interpretación de inglés, francés e outras linguas traducírona sen problemas”. Así consta en acta: “La oradora interviene en gallego y pronuncia frases en catalán y euskera”.

A raíz dos numerosos comentarios que suscitou a difusión desta nova a través do seu muro no Facebook, quixera aproveitar para recentrar o debate non só no plano individual, senón tamén no terreo da defensa ideolóxica da lingua nacional da Galiza, mais non sen antes repasar unha serie de cuestións relativas ao desempeño do labor de intérprete na Unión Europea, xa que moit@s d@s comentaristas puxeren en dúbida a preparación e profesionalidade da intérprete en cuestión: “Ignorantes vocacionais”, “Unha auténtica vergoña! Non será que mandan xente a traballar por enchufe e non teñen nin a preparación en idiomas que se lles presupón?”, “E a esa tradutora páganlle polos seus servizos?”, etc.

Obviamente chama a atención que a interpretación si se realizou cara ao inglés e ao francés, o que indica probabelmente unha falta de vontade por parte da intérprete de español. Agora ben, non sei até que punto a súa negativa se pode atribuír sen máis a un seu prexuízo cara ao galego derivado da súa condición de españolfalante (que non necesariamente española). Nin digo que así non fose e non pretendo defender esta persoa que nin coñezo. Mais ao non existiren datos, non me atrevería a tanto. O que si sei é que os procesos de selección son máis que rigorosos e que a formación de posgrao de intérpretes para a UE (p.e. Lisboa) se basea nas necesidades e especificades da institución: sempre traballan cara á súa lingua ‘nai’ (español no caso de galeg@s, ao non estar recoñecido o galego nin como lingua ‘autoidentificada’, nin como portugués – sobre iso xa volveremos) e, as máis das veces, con variedades europeas. Así, un/ha intérprete de portugués non ten ningunha obriga contratual de interpretar desde o galego, nin moito menos un/ha intérprete de español: pode facelo, como vén sendo habitual, mais non pode garantir necesariamente unha interpretación fiel, ao non contar cunha formación específica para esta variedade. E digo iso como intérprete profesional experimentado que ten tido dificultades para interpretar determinad@s canadenses, latinoamerican@s ou mesmo brasileir@s malia contar co francés, español e portugués como linguas pasivas de traballo. Que fique claro para calquera lector/a leigo/a na materia: existe unha diferenza enorme entre entender e poder interpretar.

No entanto, o debate transcende o anecdótico, repercutindo na reivindicación do galego como lingua de traballo oficial da Unión Europea, ao par, por exemplo, do irlandés desde 2007, e en consonancia coa demanda das restantes linguas cooficiais do Estado español: o euskera e o catalán.

Como nacionalista que son, sempre dei por sentado que o uso normal do galego, como lingua de noso, se debe defender en todos aqueles ámbitos onde esteamos presentes. Seica hai quen non ve as cousas así, esgrimindo argumentos para renunciarmos a reivindicar o propio cos que non podo concordar xa de principio.

Ante todo, que vaia por diante que non se trata de agocharmos a cabeza e mendigar favores a ninguén: nin á Unión Europea, nin moito menos ao Estado español. Trátase, moi pola contra, de exixirmos o recoñecemento dos nosos dereitos nacionais. Hai quen opina que: “Falar da Unión Europea e dos monopolios é máis vello que carracuca. Non significa nada.”. Pode que a política agrícola común (PAC), a política pesqueira común (PPC) e tantos outros disparates criminais non afecten o Señor Beiras, mais para o conxunto d@s obreir@s, mariñeiro@s e labreg@s, o seu impacto é considerábel é nefasto. Por algo é que coreamos a consigna “Mercado Común Europeo, ruína do pobo galego!”. En todo caso, queiramos ou non, o que se coce na Unión Europea non só non nos é alleo, senón que nos afecta directamente.

Por iso, tras realizar unha profunda análise critica do que supuxo –e segue a supor– a Unión Europea para a Galiza, as teses aprobadas na pasada XIII Asemblea Nacional recollen atinadamente o seguinte: “Naturalmente, o BNG debe estar presente en todos os ámbitos onde se toman decisións que afectan gravemente a nosa economía, posibilidades de desenvolvemento autocentrado e benestar da nosa poboación. Calquera que sexan as limitacións da Constitución Española, do Estatuto galego e do proceso de construción específico da Unión Europea realmente existente, temos que exercer a nosa oposición a estas agresións, defendendo en todas as partes as nosas alternativas para resolver os diferentes problemas do punto de vista dos intereses da nosa nación, que é o noso compromiso político e vital fundamental.”

O problema é que a Galiza como nación non ten (nin pode ter) voz propia na UE, amalgama dos estados membro, polo que calquera reivindicación lingüística se debe tramitar a través do Estado español. Éche o que hai… Non é que eu guste de que así sexa, mais actuar doutro xeito é mexar fóra do testo.

Traballar dentro do marco do sistema existente para defendermos os lexítimos dereitos do pobo galego non implica renunciarmos a defender un modelo social e económico radicalmente alternativo ao neoliberalismo que propugnan a UE e o Estado: o verdadeiro ‘altermundismo’ non pode consistir en pretender vivir noutro mundo irreal, senón en actuar para mudar este no que nos toca vivir.

Por outra banda, sen negar a unidade no plano lingüístico, tamén non me vale o pretexto da oficialidade do portugués. Ante todo, a Galiza non pode ficar a expensas da lingua oficial dalgún que outro Estado membro, por moi veciño que for. Cando repetimos o mantra de Siniestro Total “Menos mal que nos queda Portugal”, atrévome a opinar que non é niso no que estamos a pensar. Mais, aínda que así for, o argumento carece de fundamento legal fronte ás institucións internacionais, ao non estar recoñecido o que se fala na Galiza como portugués polo Estado español, que é o único interlocutor en tais institucións (volvemos ao mesmo…). Por moito que nos fartarmos de repetir a verdade da unidade das falas galegoportuguesas, non por iso o galego vai ser lingua oficial na UE, e até que o sexa de pleno dereito,o pretexto do portugués nunca poderá ser máis que un truco conxuntural. Sendo realistas, a efectos prácticos, un/ha deputado/a galego/a que se dirixe ao Parlamento en portugués ten, para esta institución, o mesmo rango que calquera deputado/a español/a que se expresa en calquera outra lingua (estranxeira) oficial da UE e, como xa vimos, se o fai na variedade da Galiza, non se interpreta. E non é precisamente por falta de intérpretes formad@s en galego…

Fronte á lexitima demanda do recoñecemento da lingua propia da Galiza, dentro do contexto sociolingüístico actual, pretender relegar o noso galego, como fan algunhas persoas, ao mesmo nivel que o ‘xibraltareño’ ou o ‘olivençano’ (sic.), ou tratalo de ‘castrapo’, ‘galegoespañol’ ou ‘crioulo’ (resic.), sempre que non pase por ser portugués, é, para min, pura demagoxia e froito do autoodio con outra face. Que vaian contar ás súas nais que falan ‘crioulo’, que aquí os únicos crioulos que hai son os chourizos…

En definitiva, temos o dereito a sermos oídos e podermos falar na lingua que é nosa, sen artimañas, sen nos escondermos como galegas e galegos que somos. En definitiva, trátase de que nos planos autonómico, estatal e internacional onde estivermos presentes se nos acepte por aquilo que somos: un pobo, unha nación con lingua propia que ten o mesmo dereito a exercer como tal que calquera outra.

Eis a razón de ser mesma do nacionalismo.


1 2 3 seguinte

[29-03-2012 01:05] José Manuel Barbosa comentou:

http://despertadoteusono.blogspot.com.es/2012/02/o-galego-ja-e-oficial-na-uniao-europeia.html

[28-03-2012 23:26] ex-lusista comentou:

E para o Antonio Gil: o fato de o galego ser português não significa que tenha de ser veiculado com a mesma norma de uso em Portugal. Aliás, pretender fazer dessa norma a nossa é um grave erro de “paralaxe“, já que instauraria uma triglossia (castelám - galego vernacular - português padrão) insustentável. De resto, dissociar o galego desse português padrão que contemplades vós deslegitimiza a “lusofonicidade“ do galego, rebaixa-o a dialeto. E é esse dialeto, se descastelanizado, que amossa a lusofonicidade do galego, não as vossas doutrinas. Se existe uma norma brasileira é porque existe uma nação brasileira. Negar a norma galega do português é negar o galego. E sem galego, não há português.

Saude.

[28-03-2012 23:17] ex-lusista comentou:

O galego é uma variante mais da língua portuguesa, que bem poderia chamar-se língua galega. O padrão culto europeu, os vernaculares açorianos, os dialetos cultos do Brasil, o de Angola, etc, etc, são todos também variantes dessa língua portuguesa (ou galega). Não esqueçamos que o galego tem mais de 1000 anos. Por muito que uma elitiÑa de NEO-FALANTES tenha recentemente criado um padrãozinho para uso e consumo de neo-falantes, e que não questiona a espaÑolidade do galego (o que significa rebaixá-lo a dialeto reXional - porque Franco deixou tudo bem atado), o galego tem ainda a possibilidade de ser regenerado a través do padrão português, que é um aperfeiçoado instrumento galego. O fato de os lusistas, ora tentando falar com sotaque lisboeta, ora escrevendo em portunhol, não conseguirem fazer ver esta ocorrência é tão negativo e pernicioso como o fato dos isolacionistas, como ao Robert Neal, teimarem na escrita em galego-espanhol e em apresentarem o “português“ como alhéio ao galego.



A única proposta coerente e factível é A MINHA: empregarmos o padrão português, adaptando-o aos nossos usos orais não castelanizados, enfiando nele a nossa sintaxe, semântica, fraseologia e mesmo um bocadinho de morfologia ENXEBRES. Criando um PORTUGUÊS GALEGO (em contraposição ao GALEGO ESPANHOL, que já não dá para mais) que seja reconhecido tanto como GALEGO como PORTUGUÊS.


Vejam, e ouçam, um simples exemplo:

http://leiturasgalegas.blogspot.co.uk/


É tão fútil veicular o discurso nacionalista através dum modelo de língua espaÑola reXional, como através dum modelo português desgaleguizado, que é o que estão a fazer os lusistas quando tentam escrever e falar à lisboeta, mas ficam polo portunhol ... a nossa língua tem várias normas e variedades, e a galega precisa de ser (re)criada ...



Saude

[28-03-2012 22:20] Robert Neal Baxter comentou:

A cuestión non é se a lingüística determina x ou y, senón o que determina a UE. Desde este punto de vista, as cousas son ben clariña: o galego, como tal, non é recoñecido e, por tanto, non se ten nin que traducir nin interpretar. Mostra diso é que cando Ana Miranda se expresa no seu galego habitual non se interpreta, mais si cando imita o sotaque de Lisboa. Ter que ir polomundo adiante imitando cousas que non somos non é, para min, ningún logro...

1 2 3 seguinte
Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Presentacións da revista Terra e Tempo Nº 171 en Ferrol, Santiago e Lugo


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#com