08:37 Martes, 29 de Xullo de 2014
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

27-03-2012

As explotacións seguen perdidas, abandonadas á súa sorte nun xogo de rol que nunca remata e nos que elas mesmas son partícipes activamente

Viaxe ao fondo da terra

Valorar (9)

LINO GARCÍA SALGADO



De volta ao rural, previsión de traballo e kilometros por diante a través do parabrisas. Como se formase parte dunha película de terror observo que nada cambiou senón, máis ben, todo se complicou en exceso. Hai as mesmas curvas cheas dos restroballos abandonados polos eucaliptos, fincas inmensas desordenadas, sen planificación, a expensas dunha especie de merecida sorte que nunca se sabe de onde ben, de onde fuxe. Vexo fincas recen bautizadas coa sombra do futuro aletargada e que na maior parte dos casos simplemente son unha análoga conquista ao veciño que teima en seguir cultivando unha terra tan cansa como os propios donos. Sigo vendo unha precipitación en forma de plantación, como na mellor das incógnitas que nunca se sabe despexar, nunca saberemos a precisión de tal orden, tampouco será preciso lamentar.

Vin tantas cousas que incluso cheguei a pensar que estaba nun soño, salvaxe, indómito que non quería máis que limitar o meu descanso. Penseino xa que despois dunha temporada fora do rural, fora desta estrutura de anarquismo crónico, fixérame coa ilusión de atopar algo distinto, posiblemente froito de ver os telexornais ou a prensa escrita. Coidaba nun campo moderno ou modernista, xa non sei, que levantara a cabeza e mirara ao futuro, pero todo eran falacias, verdades escondidas na miseria da maquinaria da estatística, no moderno estado de crise. Agardaba explotacións dimensionadas, cun territorio ordenado, libre de parasitas cargas no que o forestal e o agrario puideran convivir sen maior trámite que o de respectarse nas súas funcións, nos seus dominios e aprender en conxunto sobre a planificación e a xestión, económica e social. Pero tiven que espertar, e pola porta grande, para non perder o ánimo renovado. Todos aqueles contos de profundidade quedaron inmediatamente relegados para dar paso a unha realidade. As explotacións seguen perdidas, abandonadas á súa sorte nun xogo de rol que nunca remata e nos que elas mesmas son partícipes activamente. A xestión (ferramenta imprescindible para o coñecemento da situación) desaparece e da paso a todo tipo de variantes que nos fan ser máis listos que o veciño mentres as nosas terras perden o seu valor agrario e pasan a ser simplemente depositarias de plantas herbáceas que ao chou puxan por ser útiles a expensas da propia capacidade, da acidificación do chan ou da burlesca solubilidade dos fertilizantes de síntese. Descubro que a palla renova a súa valorización como elemento principal para o sistema dixestivo do rumiante, a prezo de alimento, e todos contentos. Ao lado os codesos morden na terra como hienas nos estómagos de gacela abandonados polos felinos, máis iso tras dun manto verde. Ordenación territorial desaparecida, forestación de terreos agrarios autorizada, axudas recortadas e orientación cero na rosa do vento que conforma este quebracabezas. Todo polo mesmo prezo, todo ao servizo do inmobilismo, pero iso si, temos unha feira en Silleda modernísima que non ocupa nin a décima parte da superficie dispoñible, un programa na televisión do PP e un adiantamento das axudas da PAC, que máis nos fai falla…

O curioso é que un simple adiantamento convence a uns poucos para seguir adurmiñados nesta lentura de vida, como si fose un éxito. O campo só precisa dunha revisión total, doutro concepto de modernidade, de menos inventos e máis diagnósticos, de menos subvencións e máis prezo, en definitiva de respecto, a manida profesionalidade non pasa de ser outra palabra máis ao servizo da dispersión. Levantemos dunha vez por todas a mirada e falemos, os feitos están aí, á vista de todo o mundo. Canto podemos aguantar nesta situación?


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









50 Aniversario da UPG


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#com