11:28 Venres, 31 de Outubro de 2014
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

27-03-2012

A cousa de “maridos que valen” de altas dirixentes do PP

As fichaxes do PP e os “maridos valiosos”

Valorar (18)

EVA LEMA TRILLO



Dolores de Cospedal ou María Dolores de Cospedal, depende da versión, e de que lle queiras dar unha énfase máis mariana ou máis dolorosa. De todos os xeitos, a pluriempregada dirixente do PP ten a fortuna de contar con dous nomes santos, e non tivo que pasar o transo de miña nai cando me ía bautizar que, ás portas da pila bautismal lle saíu ao paso o cura para preguntarlle: cal vai ser o nome? E miña nai dixo: Eva. O cura retrucou, “ten que levar un nome santo porque Eva é o nome dunha pecadora, así que lle ten que poñer outro nome”. Miña nai, que daquela debía atravesar unha etapa ligada á nobreza, contestoulle: “pois daquela Eva Victoria”. Santo remedio, un nome composto para mitigar o sesgo pecador do nome con aroma pagán.

María Dolores estivo libre diso. Está santificada por partida dobre, e por riba, ten un apelido con “De”, co que viste iso e o ben que queda cando o escriben nun folio ou o ves no DNI. Ficas desarmada porque te sentes tan cativa por non contar con dous apelidos separados por unha preposición.

Esa debe ser a razón pola que De Cospedal nos manda traballar máis. A Secretaria Xeral do PP afirmou recentemente nunha entrevista que “en España hace falta trabajar más”. Un tipo de afirmación que só pode dicer quen está por riba do ben e do mal, quen mira en vertical e nunca en horizontal, e que ten a sorte de cobrar cantidades salariais inalcanzábeis para o común dos mortais. A que se referiría?, A traballar máis horas claro. En ningún momento se lle ocorreu pensar en dar máis traballo, en aclararnos en que poden traballar os 5,3 millóns de desempregados. Emulando a Gallardón, María Dolores estaría exercendo “violencia estrutural” contra os millóns de parados porque quere que nos matemos a traballar sen repartir o traballo. A cuadratura do círculo, un modo de aforrar que non están os tempos para malgastar. O máis probábel é que pretenda que asimilemos o modelo “traballador chinés” que tan de moda está entre os de arriba, e me remito ás recentes afirmacións do dono de Mercadona por poñer un exemplo: debemos traballar como os chinos. Traballar máis por menos, máis horas por menos salario. Non son parvos/as, traballa máis tempo por menos cartos e a miña plusvalía aumenta. Unha ecuación perfecta. Claro que non lles fales de que se apliquen o conto porque aí topaches co muro. Mirade a nada despreciábel listaxe de maridos e ex altos dirixentes do PP que por arte de maxia son fichados por grandes empresas. Sen ánimo de caer no sarcasmo, diría que estas cousas lles pasan porque “valen moito”.

“Maridos valiosos”


Empecemos polo esposo De Cospedal. Un home que aspiraba a engrosar os seus amplos beneficios adquirindo a condición de conselleiro de Rede Eléctrica de España (REE). As críticas impediron que Ignacio López del Hierro, entrase no consello de Administración de REE, empresa privada pero aínda controlada polo Estado.

Mais a sombra da familia De Cospedal é alargada. Ao irmán de María Dolores, Ricardo de Cospedal, tamén o ían fichar na Fundación Carolina, dependente do Ministerio de Asuntos Exteriores. No último minuto, cando todo estaba disposto para formalizar o seu nomeamento, o probe renuncia para non “prexudicar á Secretaria Xeral do PP e Presidenta de Castela-A Mancha”. Non hai tal acto de altruísmo, renunciou porque non tivo máis remedio, igual que o marido, dado escándalo que se montou.

Pero a cousa de “maridos que valen” de altas dirixentes do PP non remata aí. Continuemos. O esposo de Soraya Sáenz de Santamaría, muller forte do Goberno Rajoy, que acumula máis parcelas de poder que o mesmo Presidente, tamén ten a graza de contar cun home que só lle falta cotizar en bolsa. Iván Rosa, avogado do Estado até agora, de repente é atraído por Telefónica. Deducimos que se lanzou ao mundo da empresa privada, esfastiado da vida laboral no Ministerio de Facenda, un área que apenas reporta emocións salariais. Soraya´s husband non renunciou porque a Vicepresidenta deixou moi claro que ela “se vai inhibir nos asuntos relacionados con Telefónica”, empresa que contratou ao seu marido. Argumentada decisión que supoño nos permite respirar tranquilos por se alguén pensa que pode haber relacións de influenza Goberno-grandes empresas. Todo se arranxa con Soraya “inhibíndose” das materias relacionadas coa antiga empresa pública. Pregúntome como se fai iso. Imaxínome á tamén Ministra da Presidencia saíndo das xuntas ou de Consellos de Ministros en canto se pronuncie a palabra Telefónica ou tapándose os ouvidos en plan “non quero ouvir”. Francamente, raia o insulto.

Até podería ser cómico se non fora pola rabia que lle debe dar aos 5,4 millóns de parados que non teñen a sorte de atopar “sen querer” un curro nun ano negro. É a maneira dos populares de dinamizar o mercado laboral, os empregos sempre se moven na mesma dirección, a deles mesmos.

Ademais das gloriosas afirmacións de María Dolores, logo tes que escoitar manifestacións como as do Ministro de Facenda, Cristóbal Montoro, dicindo que “os concellos non son oficinas de colocación”. Pois as empresas privatizadas polo PP tampouco son para colocar a “maridos insatisfeitos” ou ex altos cargos do PP.

PP e PSOE votaron en contra da proposta do BNG para endurecer o réxime de incompatibilidades de altos cargos do Goberno

Os populares.es, agora tan “transparentes” co anteproxecto de transparencia na Administración pública que levaron ao Consello de Ministros, negáronse en redondo a ser máis transparentes co réxime de incompatibilidades de altos cargos do Goberno. O pasado 13 de marzo o Congreso debateu unha proposición non de lei de Jorquera que demandaba unha aplicación máis rigorosa da incompatibilidade de desempeñar actividades privadas remuneradas con posterioridade ao período de exercicio do cargo público, “ampliando os períodos de limitación vixentes desde que se produce o cese”.

Un eido no que tamén atopamos moitos casos socialistas, o que explica por que PP e PSOE uniron as súas posicións para votar en contra da proposición do BNG. Citemos nomes ao “modus Jorquera”: Solbes, Aznar, Felipe González, Piqué, Rato, Solana, e recentemente Elena Salgado, que nen agardou ao período de limitación porque foi tanta a presa que lle entrou por marchar á Chile como conselleira de Endesa, que se esqueceu incluso da insuficiente lexislación existente.

Por facer un repaso rápido hai que lembrar que Pedro Solbes é conselleiro de Enel, empresa que posúe o 92% de Endesa. O ex-Presidente do Goberno, Aznar, tamén foi contratado por Endesa como asesor externo a cambio dunha retribución de 200.000 euros anuais. Ademais, Aznar é conselleiro de News Corporation polo que declarou ingresos de máis de 171.000 euros en 2010,e é asesor de Doheny Global. Felipe González é conselleiro de Gas Natural cobrando 126.000 euros ao ano. Rodrigo Rato, actual presidente de Bankia, Josep Piqué, actual presidente de Vueling, Rafael Arias Salgado, presidente de Carrefour España, Eduardo Zaplana, en Telefónica, Jordi Sevilla, en Price Waterhouse, Javier Solana en Acciona.

A proposición do BNG abordaba tamén o espiñento tema de marchar de asesor a unha empresa que foi pública e logo se privatiza gobernando tanto monta, monta tanto PP como PSOE. Jorquera pedía que se ampliase nas situacións legais nas que existe incompatibilidade ou conflito de intereses a aqueles supostos nos que se realizan asesorías ou consultorías especiais aos órgaos de dirección e administración de empresas privadas, cuxa actividade está relacionada co ámbito de competencias exercido desde o ámbito público.

Tampouco esqueceu o BNG a necesidade de modificar o estatus regulamentario dos ex-presidentes de Goberno, que deberían renunciar ás prerrogativas consignadas desde o erario público no caso de que exerzan actividades remuneradas por conta de empresas privadas.

Máis cando ves que teñen tanto movemento laboral entre eles, é cando entendes por que populares e socialistas se opuxeron frontalmente ás razonábeis propostas do BNG para endurecer o réxime de incompatibilidades. Practicaron un “sindicalismo de seu”, defendendo con unllas e dentes as prerrogativas das que desfrutan ex altos cargos dos seus partidos.


[27-03-2012 12:17] Alarico comentou:

Seria bom conhecer em que trabalham os filhos destes lambons e dos chefes de governo e os seus ministros. Estou seguro que nom estám no "paro" nem com contratos precários.

Fazer esta investigaçom e da-la a conhecer ajudaria a desemascarar a estes delinquentes que nos saqueiam e mal governam.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Presentacións da revista Terra e Tempo Nº 171 en Ferrol, Santiago e Lugo


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#com