08:29 Domingo, 20 de Abril de 2014
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

27-03-2012

Coñecemos a Mero pola súa actividade musical ao largo de Galiza

Nación, unha vida

Valorar (18)

FRANCISCO CARBALLO CARBALLO


Mero e Mini


Baldomero Iglesias –Mero- (Vilalba, 1951) publica “No papel que mudo escoita”, un poemario vibrante. É a corda musical que se transmite na palabra. É unha autobiografía lírica de amor á Patria, esa nación amada, vida de Mero non só canto.

Coñecemos a Mero pola súa actividade musical ao largo de Galiza. El máis Mini- X.L. Rivas- forman un dúo de presenza musical inolvidábel. Mero ten publicado poemarios premiados como: “Na lonxitude do tempo”, 2006, “Recendos do luz e de sombra”. Mini e Mero recibiron o Pedron de ouro no 2009.

Este novo libro “No Papel que mudo escoita” recolle unha longa andaina do mestre Mero e do cantor Baldomero. Un inicio na coral que harmonizaba a misa radiada en Lugo, logo, 1972, en “Fuxan os ventos”e desde 1984 en “A Quenlla”. Na escola, no lugar, e neses colectivos musicais, Mero vive as alegrías e os pesares de Galiza, versifica e canta a paixón solidaria con este país atormentado.

A súa autobiografía identificase co país, con esta patria, con esta nación: os seus poemas gravan as doenzas e as medicinas a curaren:

“Non temades chamarlle Nación ao lugar da vosa orixe..
Que un é de onde nace, que un é de onde mira e ve,
de onde escoita e sente, de onde ama e fala,
de onde soña e medra, de onde tripa a terra
e deixa pisadas sobre as follas murchas de calquera outono,
debullando bágoas do corazón que agroman a esperanza”.
Vai ser a lingua o grillóna a ter a múltiple cicatriz das loitas nacionais:

“Este idioma meu, noso,
Con falas nativas de verbo amoroso,
o máis pracenteiro,
resoa no ar, punteiro grilleiro.
É de tombal rouco que en notas cativas, veraces,
nos enche o espazo
0 moito e o pouco, a nada e o todo”.

A Patria ten milleiros de resoanzas no corazón de Mero:

“Non tan só son terra as dimensións da miña Patria.
Son campos e montañas cheas de anceios, son o mar e son os ríos,
as gándaras que corren rebuldeiros os meniños..
A grandeza da Patria está en ti mesmo
na importancia da túa estima, a túa existencia
que por cabo e final onde remata
o horizonte, que non priva a ollada inmensa
fascinada de auga, pola luz, polas cores,
ese paso sosegado por camiños e rodeiras,
observando tras dos signos que medraron
esa Historia que quedou baixo das pedras”.

O libro, que, ás veces, toma a forma de prosa poética, alcanza ritmos vivaces. Mais que dominio do idioma, hai unha conciencia psicosociolóxica paralela a de Manuel María, un autor tan querido por Fuxan os ventos e por A Quenlla. Mero expresa preferentemente esa conciencia antropolóxica e social, mentres M.María sobrevoou o nivel político. Mero entra así no clube dos poetas de nación, de Galiza; faime lembrar a Avilés deTaramancos, arquitecto poético deste país, a M. María e a longa serie de poetas de nación neste tempo dourado da literatura galega.

O libro leva ilustracións de Sabela Arias Castro que marcan e embelecen os espazos seriados.

Baldomero Iglesias, Mero, No Papel que mudo escoita, 348 pp., ed. Irmandade Manuel María (en Os Xermolos, Guitiriz).

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Premio Brais Pinto 2013


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#com