09:26 Xoves, 18 de Decembro de 2014
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

25-03-2012

Cómpre lembrar a palabra dos poetas, os versos que nos deixaron para dar voz a esta carraxe que nos nace cando vemos o desprezo e a maldade exercida sen ningún xeito de disimulo contra o noso idioma

Poesía e lingua

Valorar (13)

MARTA DACOSTA ALONSO


Celso Emilio Ferreiro


A todas as mozas e os mozos que xa son o futuro para a nosa lingua.

Esta semana o calendario marcaba que o día 21 era o día da poesía. Houbo celebracións. Eu mesma participei nun recital de versos propios, ao lado de Xosé María Álvarez Cáccamo e María Lado, convidados polos músicos de Xardín desordenado. Foi unha fermosa celebración, poética ao 100%, na que nos sentimos recompensados co labor que estes músicos radicados en Vigo veñen facendo desde hai varios anos: poñerlle música a poemas de autores galegos vivos co obxecto de contribuír ao coñecemento da poesía. Da poesía de noso, ou sexa da nosa lingua.

Porque homenaxear a poesía é homenaxear a lingua. Así o recoñece a Conferencia Xeral da Unesco cando, ao finalizar o século XX, decide instituír a data: “o principal obxectivo desta acción é soster a diversidade dos idiomas a través da expresión poética e dar aos que están ameazados a posibilidade de expresarse nas súas comunidades respectivas”. Nada máis acaído para a lingua nosa, unha lingua que leva case vinte séculos florecendo nas palabras dos poetas, e que, malia aos avatares históricos, creou unha poesía que foi e segue sendo das de maior altura de cantas se escriben.

E cando ao día seguinte repaso a información que sobre o día da poesía se publica, pregúntome se o actual Conselleiro de Cultura e Educación coñece estes detalles da celebración do día. Leo no voceiro propagandístico institucional da Consellaría, ou sexa o portal web de Educación, que o Conselleiro se sumou a esta celebración en Ourense e que o fixo no marco da celebración do centenario do nacemento de Celso Emilio Ferreiro. Cousas veredes! Os que atacan a nosa lingua procurando que se reduza a súa presenza nas aulas e entre os máis novos, séntanse á mesa da celebración da poesía e fano ao redor dos versos de quen escribiu o inesquecíbel “Deitado frente ao mar”. E entón penso: lería de novo aqueles versos que din:

“porque me sae de dentro, alá do fondo
dunha tristura aceda que me abrangue
ó ver tantos patufos desleigados,
pequenos mequetrefes sen raíces
que ó pór a garabata xa non saben
afirmarse no amor dos devanceiros,
fala-la fala nai,
a fala dos abós que temos mortos,
...
Non falo prós soberbios,
non falo prós ruíns e poderosos,
non falo prós finchados,
non falo prós estupidos,
non falo prós valeiros,”

E que pensaría ao lelos? Considerará o Conselleiro que non son axeitadas as palabras do poeta, que tal vez deberían ser borradas da historia da literatura? Quen sabe. Mais en todo caso, sería moi oportuno que os lese e os relese, que llos fixese chegar ao Alcalde de Compostela e ao seu concelleiro que, teño para min, nada saben da literatura galega, ignoran o que sexa a poesía, e refugan a liberdade de expresión, se non é para usárena eles en exclusiva, empuñándoa cando desprezan o noso idioma e como representantes institucionais empregan unha lingua allea. Destemidos gobernantes que demostran a súa altura política refugando colaborar cunha actividade escolar en defensa do dereito da mocidade a vivir na súa lingua. O alumnado que participe no Correlingua acaba de aprender de forma contundente que, como e quen exerce a censura contra eles e contra o noso idioma.

Estes que así nos gobernan lémbranme a min o poema de Bernardino Graña “Letanía pra nos librar dos que a ninguén aman”:

“Son os que trafican
con cañóns e artes de espallar mal fogo
e andan esfachando os volcáns máis puros
da ilusión e o soño.

Son os que nos guían
e non teñen ollos.

Dos que a ninguén aman librémonos pronto”

E vólveme á memoria o delgado Bernardino recitando con voz contundente no Festival da poesía de Salvaterra, reiterando a ladaíña “librémonos pronto” que os que escoitabamos demos en recitar canda el, até facer tremer os muros da covas do castelo.

No día da poesía, cómpre lembrar a palabra dos poetas, os versos que nos deixaron para dar voz a esta carraxe que nos nace cando vemos o desprezo e a maldade exercida sen ningún xeito de disimulo contra o noso idioma. Palabras e versos como os de Manuel María, que xa houbo quen tentou censurar nunha revista escolar, porque hai quen está disposto a queimar libros. Mais non queimarán a memoria, nin as cancións, as que volven a nós e nos dan novos azos para seguir loitando. Que queiran, que non, seguiremos dicindo con Manuel María:

Hai que defender o idioma como sexa:
con rabia, con furor, a metrallazos.
Hai que defender a fala en loita rexa
con tanques, avións e a puñetazos.

Hai que ser duros, peleóns, intransixentes
cos que teñen vocación de señoritos,
cos porcos desertores repelentes,
cos cabras, cos castróns e cos cabritos.

Temos que pelexar cos renegados,
cos que intentan borrar a nosa fala.
Temos que loitar cos desleigados
que desexan matala e enterrala.

Seríamos, sen fala, unhos ninguén,
unhas cantas galiñas desplumadas.
Os nosos inimigos saben ben
que as palabras vencen ás espadas.

O idioma somos nós, povo comun,
vencello que nos xungue e ten en pé,
herencia secular de cada un,
fogar no que arde acesa a nosa fe.


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Presentacións da revista Terra e Tempo Nº 171 en Burela, Ourense e Pontevedra


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#com