14:40 Xoves, 30 de Outubro de 2014
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

23-03-2012

Por moi confusa que sexa a situación non hai guerras xustas

Escusas para unha guerra

Valorar (22)

XOSÉ MANUEL BAÑOS GARCÍA



O martes 4 de agosto de 1964 dous destrutores norteamericanos saen a patrullar polo golfo de Tonkín en Vietnán; en plena noite, dispáranse mutuamente sen que se rexistraran baixas crendo que estaban a seren atacados polo exército de Vietnán do Norte. Este feito, que até esa data non era algo illado nas hostilidades que mantiñan ambos exércitos, o norvietnamita e o norteamericano, marcou o inicio formal da guerra de Vietnán. Con anterioridade a este suceso un tanto absurdo, os servizos segredos ianquis, mesmo desde a presidencia de Kennedy, desenvolveron unha guerra máis ou menos velada de sabotaxes, atentados, bombardeos ... até que ese día atoparon a escusa perfecta, unha agresión inexistente por parte dos norvietnamitas, para entrar formalmente en guerra contra a ameaza comunista no sudeste asiático.

Evidentemente a opinión pública norteamericana ignorou a verdade sobre este evento que desencadeou unha cruel guerra cun país que estaba a miles de quilómetros; a poboación ianqui o único que sabía era que foron agredidos nun país en guerra civil no que “colaboraban” cos “bos” para levarlles a democracia. Seguramente tamén ignoraban que Vietnán desde un punto de vista económico non tiña valor algún para o Imperio, e desde o punto de vista xeo-estratéxico o interese era máis ben escaso. Sen embargo, o exército norteamericano guindou sobre este país, de pouco máis de 330 mil quilómetros cadrados, sete millóns de toneladas en bombas e todo tipo de artillería bélica (máis que en todos os escenarios bélicos da 2ª Guerra Mundial) matando a preto de 3 millóns de persoas. O negocio da industria militar foi seguramente o motivo que se ocultaba baixo a escusa da loita contra o comunismo en Asia, industria moi importante en Estados Unidos, de cuxa perigosa influencia xa avisara Eisenhower no seu momento, malia que el durante o seu mandato tampouco foi quen de coutar o poder deste sector dentro do Imperio.

Xa máis preto no tempo, en outubro de 2001 os Estados Unidos e os seus aliados, entre os que se atopa o Estado Español, baixo o eufemístico nome de “liberdade duradeira”, inician unha guerra con Afganistán, que once anos máis tarde aínda non rematou. O motivo que impulsou á gran coalición occidental a enfrontar esta nova agresión a un país soberano era atopar ao esquivo Bin Laden, anteriormente aliado dos ianquis, supostamente autor intelectual dos atentados do 11 de setembro, e levalo perante a xustiza, cousa que non se cumpriu xa que, como todos sabemos, o terrorista máis buscado morreu asasinado na súa casa de Pakistán por un comando de elite ianqui en maio de 2011, segundo a versión da administración do premio Nóbel da Paz, Barack Hussein Obama II, mais segundo a versión de Benazir Bhuto fora asasinado moito antes por un tal Omar Sheik.

E que dicir da Guerra de Irak e Libia. No primeiro caso atacouse e invadiuse un país utilizando a mentira dunhas armas de destrución masiva inexistentes. E no caso libio a guerra estivo precedida dunha importante desestabilización social, aproveitando a primavera árabe, coa creación no país dun grupo rebelde armado e asesorado polos mesmos que posteriormente bombardearon Libia sen piedade. O obxectivo era derrocar aos gobernos díscolos e colocar no sitio a outros máis proclives aos intereses do Imperio para que o petróleo e os petrodólares que xera este negocio fluíran libremente a occidente, negocio que en Irak se viu interrompido en 2000 polo abandono do dólar como moeda de intercambio comercial, e Gadafi en Libia tiña a mesma intención.

E seguindo a axenda do Imperio, en Siria e Irán estase a seguir o protocolo dun próximo conflito bélico: mobilización e desestabilización social, atentados, comandos especiais que operan nestes paises, etc, para finalmente chegar a unha guerra que será vendida nos medios comunicación como “xusta”, na que, como aconteceu en Libia, só morrerán os “malos”, e na que, sorprendentemente, malia os bombardeos indiscriminados, apenas haberá vítimas civís.

Mais, a diferenza do suceso de Tonkín, que houbo que agardar varias décadas para coñecer o esperpéntico suceso detonante da guerra de Vietnán, hoxe en día, nesta sociedade da (sobre)información, temos coñecemento en tempo real das tácticas de guerra encuberta do Imperio nos pobos que interesa someter, neste caso Siria e Irán. Neste sentido, hai poucos días Wikileaks deu a coñecer uns comprometores correos electrónicos da empresa de intelixencia Stratfor, nos que se desvelaba que en Siria hai comandos da OTAN para adestrar e armar aos rebeldes, ao tempo que cometen algún que outro atentado, e tamén ao Pentágono dos problemas dun ataque aéreo neste país.

Sen embargo, malia as evidencias e as mentiras, que son de coñecemento público, a maquinaria mediática do imperio segue ao pé da letra o guión marcado, sen cuestionarse a información que chega ás redaccións, inventándose unha realidade paralela, ante a pasividade e a pasmosa tolerancia do cidadáns do “mundo libre”, tan libre que vive preso das manobras de confusión disfrazada con turbantes, velos, burkas, integrismos relixiosos, carreiras nucleares e promesas de falsa democracia, que na maioría dos casos rematan no peor dos pesadelos.
 

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Presentacións da revista Terra e Tempo Nº 171 en Ferrol, Santiago e Lugo


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#com