15:16 Sabado, 20 de Decembro de 2014
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

25-03-2012

“As formas han de ter patria, como as linguas; ó fin e ó cabo elas son unha linguaxe e xa sabemos o que pasou co esperanto.” (IDP-1970)

A herdanza que deixa Díaz Pardo

Valorar (15)

FELIPE SENÉN LÓPEZ GÓMEZ



Botamos de menos a Isaac. Él que dicía o que lle cadraba... e provocaba. Pero que fixo outras cousas, sempre traballando, máis alá das cirimonias anestesiantes nas que o envolveron ó final da súa vida, como querendo apartalo do problema que desviaba a traxectoria das industrias de normalización cultural que él, con Seoane e outros crearon. Sempre memoria, solidaridade e Galiza. 

Xa é parte da Historia, da terra e do Trasmundo. Con sepultura a carón do paredón de triste memoria de Boisaca. Nada quixo ter, nada deixou, deuno todo e tamén llo quitou quen non debía máis que agradecer e sen entender  a historia do que se ten entre mans. A gran obra de Isaac Díaz Pardo non é a pintura que se mostra nas dependencias coruñesas do que polo de agora se vai chamando Novagalicia. Inversións en alza no mercado da Arte e cunha longa historia tras si, no facer e desfacer, regalos, marchantes... A Isaac gustáballe experimentar con todo, sobre pedra, madeira... Xeralmente trátase de obras da mocidade, de óleos sobre lenzo, con esa teima de representar xente, pobo, arredor de algo transcendente, da palabra, da música, da morte, do labirinto da vida feito colo de nai ou corpo de moza. Xente cos ollos ben abertos, os que mesmamente tiña Isaac, os ollos da memoria do pai, como os de Picasso, dispostos a enxergar, espreitantes cara ó pozo do porvir. Pinturas ás que ningún mérito lle daba. Asumía que o que facía xa estaba feito e mellorado en forma e fondo, se acaso era un xogo ascético, de superación, un desafío mozo a Velazquez, Goya, Vázquez Díaz, Zuloaga, Sotomayor ou mesmo a Picasso... ó fin e o cabo un está coutado pola Historia. Mesmo nalgúns momentos fraccionaba os grandes lenzos pintados décadas atrás: unha faciana por aquí, outra figura por acolá e asignaba cada unha delas como diferentes. Ante o asombro e ó quererlle preguntar "pero Isaac..."el xa se adiantaba con aquela retranca sabia "...é para pagar favores".

O herdo verdadeiramente valioso de Díaz Pardo, como o do seu tándem Seoane, é algo inmaterial e imperecedoiro, sempre en transformación e con valor de futuro se sabe recoller cos sentidos postos. Trátase da súa teoría,  de que coas ideas, coa ética pódese facer estética, dignificar as relacións a través da oferta e da demanda. E velaí como combustible o talento, a constancia para mover fábricas e producir, para dignificar coa linguaxe das formas a un pobo e ó seu tempo. Foi en momentos ben más difíciles, os da "Longa noite de pedra",  de medos, de silencio, de desenrolismo desbaratado, de chabolismo e industrias contaminantes, pero tamén de alentos dende a emigración que recolleu o herdo de Castelao. Así naceron no Castro de Osedo, en Sada e en Sargadelos de Cervo, as "Industrias da memoria". Anovábanse as ideas dun ilustrado, dun industrial maltratado polo seu propio pobo, as de Raimundo Ibañez. E nese muiñar, nos anos sesenta, constitúese o "Laboratorio de formas", un regalo teórico para sensibilizar e mover a produtividade arredor do discurso ética-estética, arte-industria, tradición-modernidade... recetario de remedios pra recuperar a memoria histórica, a identidade, a dignidade, para agudizar a cultura, as ideas, a experimentación, a constancia, saber resistir contra a toda ameaza de crise.

Isaac formouse no taller do seu pai, Camilo Díaz, aquela sombra do traballador e vítima da guerra cubriuno sempre. Artesán e artista artillando escenografías, carteis divulgativos, arte para compartir. Nada houbo de individualidade, de artista de cabalete e galería, de academia... E sería coas mans, co lapis, amasando o caolín, entre as máquinas que deseñaba e os consellos escritos con xis nos taboleiros da fábrica... a pe de obra, examinando, experimentando e abrindo camiños inacabados que se bosquexaron no vidro, no deseño do moble, no tapiz, no gravado... camiños abertos pra quen os queira retomar. A arte nunca morre, os que morren, como os demais, son os artistas. Arte pra compartir e pra "levala ós bazares", como dicía Seoane, para dignificar unha cultura sumida no neoesperpento, para avivar o idioma das formas, unha marca, un estilo e seguir a asentar raiceiras sobre a Terra. Non caeu en van a semente do "Seminario de Estudos galegos", espoliado na guerra civil, e prendeu entre a maleza da ditadura. Iso é o que compre valorar. Máis semella que non se entendeu a aquel Díaz Pardo do traballo, do mandil de dril, sempre a pe de obra, sen vacacións pra, ó final da súa vida, arrastralo e sucumbir ante as cerimonias, homenaxes, medallas, birretes... namentres a maioría accionarial do que el dera e consentira desterrábao do continente e dos contidos impregnados de toda a súa teoría e praxe, difíciles de borrar. Teoría tan válida  hoxe para vitalizar espazos, cidades da cultura, porque a cultura non é máis que o que ser humano cultiva...iso mesmo escoitámosllo dicir en seminarios compartidos, onde se abriron portas e se deu plataforma a futuros.  

O nubeiro da incomprensión non soamente cobre hoxe ese universo industrial creado por Isaac e Luís Seoane fundamentalmente. Mesmo os legatarios de Seoane, vendo a tempo o que se aveciñaba, decidíronse pola disgregación e a creación dunha fundación, contando co apoio e o patrocinio do Concello da Coruña pra dotala de espazo. E velaí en San Francisco, na Cidade Vella da Coruña, o magnífico edificio deseñado polos arquitectos Xoán Creus e Covadonga Carrasco para Fundación Luís Seoane. Pero tamén os cobre o manto da incerteza, cómprelle o espírito orixinal. Lamentamos que non haxa unha mostra permanente para contar a historia dun creador e teórico que fai obra en función do seu valor social: a historia de Galiza, a industria, a seriación na cerámica, os múltiples, o tapiz, o vidro, o gravado, a serigrafía... E fáltalle a praxe, abrir camiños produtivos a seguir hoxe, valéndose das novas tecnoloxías, para non mendigar nin caer na adición da subvención. Aprender que a arte é re-crear, darlle voltas ó pasado e avanzar ó servizo dun país. Detrás estaba sempre Castelao, o "non dar a esquecemento da inxuria..."  

Isaac, antes do seu pasamento, decidiu que todo os fondos documentais - os que el fora formando, máis os que lle confiaron, cando foi o primeiro de falar e divulgar o da "Memoria Histórica" -depositalos na Xunta de Galiza, para formar parte do Arquivo da "Cidade da Cultura", onde si hai profesionais en biblioteconomía, arquivística e museoloxía para garantir a súa conservación, o estudo e a transmisión.

Non perdemos a esperanza  de que retorne ó rego o nacido de ideas solidarias, O Castro, co seu Museo Carlos Maside, co Laboratorio Xeolóxico de Laxe, Sargadelos, o "Laboratorio de Formas de Galiza"; en San Marcos de Compostela o non desenvolto -pese á súa necesidade- "Instituto Galego da Información", cando a información é a que contribúe a formar.... e mesmo a Fundación Luís Seoane. Ben o saben os seus, os traballadores leais que viviron tan de preto esta historia de máis acertos que desacertos, como moitos dos que o arrouparon no seu desterro edulcorado por tribunas e medallas. 
 

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Presentacións da revista Terra e Tempo Nº 171 en Burela, Ourense e Pontevedra


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#com