22:15 Mércores, 01 de Outubro de 2014
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

26-03-2012

Galiza, efectivamente, non é hoxe un problema para España, mais España si é un problema para Galiza

Galiza, problema para España

Valorar (39)

BIEITO LOBEIRA DOMÍNGUEZ



Padecemos un Presidente da Xunta empeñado en repetir solemne e oficialmente, en sede parlamentar, que a súa máxima aspiración é evitar que Galiza poida chegar a se converter nun problema para España. Así de transparente é este home. Que tanto ten o que nos fagan, vaia. Que nos expolien, que nos discriminen, que acaben co noso ser colectivo. Que fagan o que queiran, que Galiza -tranquilo, Mariano- non será un problema para España. Diso encargarase don Alberto, o PP, se fai falta o PSOE, e os poderes económicos e mediáticos de sempre.

Galiza, efectivamente, non é hoxe un problema para España, mais España si é un problema para Galiza. Un problema moi serio. Chamádelle colonialismo, dependencia, espolio económico. E tamén, a eles vinculado, a negación e o complexo, virtudes ostentadas sen limites por este Presidentiño, ou ben o escapismo e a negación da realidade, que outros practican. Botemos contas.           
Galiza en aberto retroceso demográfico e en acelerado avellentamento da sociedade. Segundo a prospección do IGE para o ano 2021, perderemos en só nove anos 90.000 habitantes, e o 25% da poboación galega será maior de 65 anos. E aínda sen cuantificar o efecto da emigración. No pasado ano 2011 marcharon cada día da Galiza, como media, 14 mozas e mozos por non encontraren traballo na súa Patria. Un 58% máis que no 2010, segundo dados do INE. E a tendencia vai a máis. Non pasa nada. Tranquilo, Mariano, que Galiza non vai ser un problema para España.

Con case 300.000 desempregadas e desempregados, somos récord estatal na destrución de emprego, na que non se contabiliza o efecto da emigración. Os prezos (incluíndo alimentación -sobretudo peixe, carne e leite-, transporte  ou vivenda) subiron no 2011 por enriba da media do Estado e dos salarios (un 2'5%), que veñen sendo dos máis baixos. O 70% das familias galegas chega con dificuldade a fin de mes (un 34% máis que no 2010), e 61.000 familias demoran o pagamento da facturas de auga, luz, ou impostos diversos. Tanto ten. Galiza non debe ser un problema para España.    

Coas pensións máis baixas do Estado: 679 euros (de media) fronte aos 810'85 do resto do Estado. E aínda así, grande mérito, o 40% dos fogares galegos, 413.315 familias, manda truco, (sobre)viven das pensións. Cunha Galiza subsidiada, Mariano, non pode haber problema para España.    

Mais tamén é certo que nos últimos tempos fixémonos máis modernos: o noso rural ten tres veces menos explotacións agrogandeiras e dúas veces menos superficie hoxe que hai dez anos (só en dez anos!!), evidente síntoma de estarmos na vangarda dos tempos. Tamén no mar, dende que don Alberto é Presidente da Xunta, e coa inestimábel axuda da fantástica Unión Europea, perdemos na Galiza 74 buques pesqueiros de altura e 220 embarcacións de baixura e marisqueo a frote. Apenas en tres anos. Decididamente, máis que modernos somos xa refinadamente primorosos. E iso si, importadores natos en alimentos nun país cunha potencialidade extraordinaria, mais cerceada. O que non podemos producir, porque non nos deixan, importámolo para o noso consumo. Bonito negocio o que fan con nós. Estarás contente, Mariano. Isto vai. Non seremos un problema para España.  

O 80% da poboación ocupada (que por certo, globalmente é menor que a que tiñamos hai 30 anos) é asalariada, cun nivel de ingresos moi baixo. Son xa demasiados os concellos galegos nos que a maioría dos ingresos da súa poboación proceden das prestacións, fundamentalmente de xubilación. Unha terra privilexiada para a produción e o progreso social é, porén, abandoada e desertizada, como se dun ermo castelán se tratar. Así que sempre se poderá converter nun macro-Spa "con encanto" para que te desestreses, Mariano. Tranquilo, sen problema, cómese ben e barato. E nunca será un problema.

Hoxe os dramas humanos non son anécdotas no noso país. O empobrecemento esténdese por capas cada vez máis amplas da nosa sociedade. Mesmo a exclusión social. Seica somos europeus, mais os comedores sociais están saturados, bancos sen escrúpulos botan a desempregados das súas vivendas, e a miseria vaise facendo realidade. Mentres, hai quen nunca gañou tanto, a costa das privacións da maioría social, da pobreza e da sobre explotación. Tranquilo, Mariano, con fútbol e selección española, non haberá problema.           

Iso si, Mariano, cumpre manter a miraxe. Cumpre ocultar que o Estado recada na Galiza máis do que finalmente inviste nela, para a) soster a monumental mentira da nosa conxénita pobreza e, daquela, a necesidade da "solidariedade" estatal; b) acubillar como sexa a idea de que o pobo galego, libre, podería vivir dignamente do seu traballo; para que, finalmente, c) os poderes económicos que ti defendes, Mariano, poidan seguir a chuchar do noso país para se enriqueceren coa nosa miseria. Por iso, Mariano, por iso, é fundamental que Galiza non sexa un problema para España, porque remataría un negocio histórico que engordou e cebou o Estado español a cambio dunha Galiza desnutrida, extenuada e esgotada.           

Mais tamén é certo que a negación, cando adquire carácter psicótico (Galiza non pode ser un problema, Galiza non pode ser un problema,...) revela un conflito que determina a oposición a recoñecer aspectos dolorosos da realidade ou de experiencias obxectivas sofridas. Simples prexuízo, ou distorsión cognitiva de don Alberto? Nunca o saberemos. Tratamento? Difícil, moi difícil. A mellor terapia, neste caso para nós, e inserirnos na nosa realidade, sen fuxir dela nin maquillala, sen escapismos, sabendo o que hai, e teimando por transformala. Aí está o BNG, mal que lles pese a moitos. E unha Folga Xeral o 29 de marzo. Pois adiante, a demostrar o que somos e do que somos quen. Porque o problema non somos nós, Mariano. Non é Galiza. O problema sodes vós. O problema é a vosa España. 
 

[26-03-2012 01:11] maria herminia villasol comentou:

Qué razón tienes ¡¡¡¡¡ pero todo se debe a la globalización jajajaj Por eso ahí también quieren vender globos, que luego se transforman en lo que llaman burbujas¡¡¡¡ Claro que Galicia tiene tierra , campos, rios, mares, y esa gente maravillosa que nunca ha perdido el sentido de luchar, de trabajar en serio. Adelante los galegos ¡¡¡¡¡¡¡¡¡ este es un fuerte deseo de una argentina hija de gallegos ¡¡¡¡¡ de un pueblito hermoso LOUZARELA Y OTRO CARQUEIXEDA ¡¡¡¡¡

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2014


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#com