08:14 Sabado, 25 de Outubro de 2014
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

22-03-2012

Patriota galego, amigo de Rosalía e Murguía. Definíase a sí mesmo como "un republicano constante, un republicano de sempre" e "un sans cullotte" dos tempos modernos

Leonardo Sánchez Deus: Do Banquete de Conxo ás Milicias Garibaldinas

Valorar (97)

XOSÉ RAMÓN ERMIDA MEILÁN



Son da opinión que non  hai publicación en toda a bibliografía de Manuel Murguía que teña a intencionalidade de "Los Precursores", editado no ambiente represivo da década dos oitenta da I Restauración e no contexto de derrota no que vivía o movemento do que el facía parte nese momento. Un e outro feito, explican que o noso autor pretenda con este libro legar ás xeracións futuras o patrimonio histórico e tamén ideolóxico dos que o procederon e o acompañaron na loita patriótica e tamén definirse el e sobre todo definir ao seu grupo xeracional dando a coñecer a vida e o ideario das oito persoas incluídas na obra. Abondaría a consideración  anterior e o simple feito de aparecer nesta publicación ao lado de Faraldo, Vicceto, Aguirre, Pondal ou Rosalía, para que Leonardo Sánchez Deus fose obxecto de estudo pola nosa historiografía ou cando menos motivo de atención, algo que só ten feito até o de agora o Profesor Francisco Rodríguez, xa que nos permitiría ter un perfil máis clarificado das nosas mulleres e homes do Rexurdimento.

Non imos deternos nos anos galegos de Sánchez Deus posto que fican perfectamente documentados na caracterización que Murguía realiza do que dá en chamar "o noso pobre amigo" en "Los Precursores". Nacido en 1835 en Compostela no seo dunha familia humilde, fillo dun vello loitador rebentado na pelexa contra o absolutismo de Fernando VII e dunha pousadeira das terras de Ordes, abandonou os seus estudos de leis ao pouco de comezalos a consecuencia da morte do seu proxenitor. Convertido á forza no único sustento daquel fogar, compaxinou as pasantías de latín con que se gañaba a vida, cunha intensa actividade actividade cultural e política xunto a outros mozos como Rosalía, Pondal, Murguía ou Aguirre, naquela Compostela que se repoñía da derrota da xeración do provincialismo. A consecuencia da represión que se desata en Compostela tras o "Banquete de Conxo" e o posterior Golpe de Estado dese 1856,tal como documentou Francisco Rodríguez no seu último libro sobre Rosalía de Castro, abandona Galiza a finais dese ano para instalarse en Madrid.

Na súa estancia de apenas tres anos na capital do estado, Sánchez Deus, comprometese de xeito decidido na loita política nas filas do Partido Progresista, intima cos círculos republicanos que conspiran contra Isabel II, frecuenta e toma amizade cos dirixentes do movemento e participa na prensa republicana e de esquerdas. A este respecto é de supoñer, que continúa a relación con Rosalía e Murguía, sendo algúns dos seus protectores tamén da parella, como Eduardo Chao,  Luís Hermida, ou o Deputado republicano pola Coruña, dirixente provincialista e protector de Aguirre, Eduardo Ruíz Pons. Esta fora de dúbida a notoriedade de Sánchez Deus, nos ambientes revolucionarios daquel Madrid que vivían os estertores do reinado isabelino, como certificaba a finais de 1863 nun artigo en "La Discusión", xornal dirixido por Castelar, Nicolás Rivero:"Tivemos o gusto de estreitar a man do noso compatriota e correlixionario D. L. Sánchez Deus, un dos demócratas máis ardentes de España e un dos oficiais máis fieis e heroicos de Garibaldi.".

A finais de 1859 trasladase a Italia, facendo parte da "Legión Ibérica"organizada por Sixto Cámara e o xa citado  Ruíz Pons, para apoiar aos revolucionarios garibaldinos. Xunto a Garibaldi e os seus mil "Camisas Vermellas" participa na liberación de Sicilia e de Nápoles, expulsando aos Borbóns e rematando co réxime absolutista no sur de Italia en 1861. Unha vez rematada a campaña, comezan cos preparativos para a toma dos Estados Pontificios, que finaliza coa derrota dos "Camisas Vermellas" en 1862 en Aspromonte e a súa posterior detención, compartindo cativerio entre outros, os galegos Sánchez Deus e Diego González, natural do Incio e compañeiro de Garibaldi desde as súas campañas americanas. Xa en liberdade, após a amnistía decretada por Víctor Manuel II, Sánchez Deus segue a participar, se se quer con máis intensidade e un maior protagonismo na loita dos revolucionarios italianos, até o punto de cofundar con Delio Conti a Sociedade Democrática dos Traballadores, entidade que comeza a introducir o pensamento de Marx en Italia, planifica diferentes intentonas en solidariedade cos patriotas polacos e húngaros e mesmo toma a palabra en representación dos garibaldinos en múltiples actos públicos. Tamén é este o momento de máxima proximidade do galego a Garibaldi até o punto de que comparte con el residencia en Caprera, fai xestións por orde do Nizardo para conseguir os apoios dos estados Unidos para conseguir a proclamación da Republica do Norte de Italia, fixa contactos cos patriotas Europeos que tentaban independizar as súas nacións  do imperio Ruso e Austro-Húngaro e por suposto coordina as relacións do patriota italiano cos vellos correlixonarios das loitas internacionalistas en América central e do sur.

Conquista e expulsión dos Borbóns de Palermo (Sicilia) por Garibaldi

Neste período é onde se sitúan as súas viaxes a Península Ibérica, a primeira delas en Novembro de 1863, da que da conta o xornal "La Discusión" e a segunda, esta a que se refire Murguía en "Los Precursores, se ben non lle pon data, en Abril de 1864. Nun caso e noutro, segundo testemuña a correspondencia de Garibaldi e Conti con Sánchez Deus, teñen como obxectivo tomar contactos cos revolucionarios da Península Ibérica, aínda que o éxito foi escaso, acumulando esta última un cúmulo de despropósitos que comezan cunha detención en Cádiz, un intento de suicidio en Granada e unha fuxida in extremis a Portugal. Esta accidentada estancia na Península, a onde chega vía Gibraltar, aquí e desembarcado polo propio Garibaldi camiño das Illas Británicas, traerá por derradeira vez ao noso home a Galiza, permanecendo unha semana en Compostela para visitar a súa nai e a súa irma, refuxiándose posteriormente en Porto, baixo a protección, máis unha vez, do padronés Ruíz Pons. Após a súa volta Italia, desaparece da vida pública, sendo recluído no psiquiátrico  de Florencia, onde promove a publicación "Il Sottopancia" e morre en 1872. 

A dia de hoxe unha parte substantiva dos escritos de Sánchez Deus, nomeadamente a súa ampla correspondencia con Delio Conti e Xosé Garibaldi, os escritos de "La Nuova Europa" así como a autobiografía que publicou no boletín do  psiquiátrico de Florencia, atópanse publicados en lingua italiana, polo que non sería complicado facer unha achega precisa ao seu corpo doutrinal e as súas posicións políticas. Ao non poder manexar a totalidade destas fontes, botamos man daquelas que Isabel Pascua Serrano recolle no seu libro "La Italia del Risorgimento y la España del sexenio democrático (1868-1874)", posto que permite dar satisfacción ao obxectivo dun artigo claramente de divulgación que non ten outra intención que sacar do esquecemento, dar luz, sobre Leonardo Sánchez Deus, un patriota galego, amigo de Rosalía e Murguía, que continuou a súa loita ao lado do revolucionario por excelencia do século XIX. O noso compatriota definíase así mesmo como "un republicano constante, un republicano de sempre" e "un sans cullotte" dos tempos modernos" co que pretendía emparentar coa tradición revolucionaria que arranca da esquerda xacobina e de Baubeff e ten continuidade na primeira metade do XIX cos Carbonarios. Na mesma liña afirmábase " Convencidos cantos aquí nos atopamos de que sobre toda consideración social e privada está a lóxica dos principios democráticos e a historia dos feitos; consagrados con ánimos verdadeiramente revolucionarios a propaganda e a defensa da liberdade; dispostos sempre a combater a tiranía e o despotismo e a opresión de calquera goberno ou pobo que pretenda imporse a outro por medio da forza ou do engano". Asemade mostraba unha critica permanente a institución militar, na medida que a consideraba antitética con un modelo de organización democrática, e insistía en denominar a Garibaldi como "revolucionario" nunca como "xeneral" e as súas milicias como "Sans Cullote" non como "solados". Asentouse desde moi novo no anticlericalismo militante, proceso que se foi agudizando en Italia, algo que debemos vincular a súa experiencia persoal, pero que é coherente co tradición e o movemento do que formaba parte. Porén os seus posicionamentos foron evoluíndo cada vez máis cara esquerda cuestionando xa nas últimas cartas que coñecemos con Conti as posicións dos socialistas utópicos. Tamén foi retratado por outros ideoloxicamente, déixovos co retrato que del fixo a policía de Victor Manuel II. "É republicano e non agocha os seus principios, aínda máis situase nas posicións máis radicais  da escola socialista. En materia relixiosa é ateo".   

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Presentacións da revista Terra e Tempo Nº 171 en Ferrol, Santiago e Lugo


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#com