21:36 Mércores, 17 de Setembro de 2014
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

20-03-2012

É preciso estaren verdadeiramente informadas para así poderen axir en consecuencia

A necesidade de prensa en galego: de novo o (in)certo caso de Águeda e Basilio

Valorar (26)

XOSÉ MANUEL SÁNCHEZ REI



Como cada domingo primeiro e terceiro do mes, Basilio Mantiñán, un petrucio dunha aldea de Arteixo, baixou até ao mercado quincenal da vila de Paiosaco, nesta ocasión coa esperanza de achar sementes a bo prezo. Por causa da crise, esa mesma que ía solucionar nunhas semanas Feixoo se chegaba á Xunta, a súa muller e el tiveron de voltar a traballar unha leiruca que tiñan a carón da casa, a cal sempre, había aló tempo, lles dera boas colleitas, pois era unha terra vizosa. Xa na feira, após fechar un trato cunha vendedeira de Monteagudo, dirixiuse á taberna para saudar a xente da contorna e para tomar un copo até que fose a hora de apañar o autocarro de volta á aldea, que saía de alí a media hora. Fora, de certo, unha mañá proveitosa: acabara antes do previsto, chegara a un bo acordo coa señora das sementes e aínda dispuña duns minutos para se chufar cos contertulios tabernarios da súa habilidade en mercar por poucos cartos.

Ao chegar ao local, reparou en que non había ninguén coñecido. Tiña tempo, de modo que aquelou para si algunhas publicacións periódicas que estaban no balcón do estabelecemento coa finalidade de agardar lendo até que fose a hora de se ir. E, como cada domingo, todas estaban en español, o cal, segundo o pensamento de Mantiñán, era o lóxico: "O galego non vos é unha lingua, por moito que digan algúns; se o fose, habería xornais ou prensa en galego, mais non hai nada. Por algo será", tiña comentado algunha vez nesa taberna. Non importaba que non falase en español ningunha das súas amizades nin ninguén da súa familia, aínda que o comprendían bastante ben. Por outro lado, como a prensa, segundo el, "só trata temas importantes", non aparecían noticias políticas diferentes da simplona e única melodía a dúas voces por terceiras paralelas que representaban os partidos estatais maioritarios.

Neses medios de comunicación que comezou a follear, tamén non figuraban referencias a actividades culturais que se desenvolvían non xa noutras rexións do país, mais na propia vila; como contrapunto, o noso petrucio puido ler, con todo o tipo de informacións ao respecto, noticias de proxectos e actividades culturais localizadas a uns centos ou milleiros de quilómetros. O seu inxenuo pensamento levárao había uns días a razoar competentemente do modo seguinte co seu amigo Antón Seixas: "Aquí non che hai nada, Toniño, todo che está fóra. Se houbese algo, xa viría nos xornais. Non temos remedio. As cousas importantes na política, na cultura ou na economía estanche por aí, en Bruxelas, en Madrid ou en Viena. Non hai que lle facer." Deste modo, Mantiñán, nese domingo da feira de Paiosaco, soubo que podía ir á España para visitar o impresionante Museo do Prado agora tamén nas segundas e que iso reactivaría a economía da zona, mais foi incapaz de achar nota ou aviso ningún sobre o feito de que na súa propia vila, Arteixo, a Asociación Cultural Monte da Estrela organizase unhas "Xornadas de Patrimonio" a que acudían especialistas de renome internacional do ámbito arquelóxico, histórico ou musical  do país. E tampouco puido saber que noutra localidade próxima ía ter lugar unha interesante conferencia sobre como a actividade cultural é capaz de xerar riqueza e postos de traballo...

A certa distancia da vila a que acudía á feira Mantiñán, Águeda Canzobre, unha das súas netas, combinara un encontro cunhas antigas colegas da facultade coas cales mantiña aínda unha boa relación. É arquitecta e traballaba para un estudio de certo prestixio na Coruña, mais, igualmente por mor da crise, perdeu o seu posto de traballo e agora dá aulas particulares de deseño e de física, ao paso que prepara as oposicións de matemática para o ensino medio. Ten claro que non as vai dar en español, por moito que a obriguen as disposicións legais ditadas pola actual Xunta da Galiza. "Era o que faltaba! É a primeira vez na historia que un goberno galego prohíbe a lingua propia do país", pensaba. A neta de Mantiñán posúe unha sólida formación, non só no seu ámbito profesional, mais tamén no humanístico e no artístico: embora a súa lingua habitual sexa o galego, domina o occitano e o italiano, para alén de se expresar relativamente ben en inglés e en bretón; musicalmente, ten estudos de gaita, piano, contrapunto e harmonía no conservatorio de Vigo, mais non os deu concluído porque nun momento particular da súa vida optou por se centrar na arquitectura.

Águeda tivo sorte indo para a reunión. Topou unha vaga para estacionar perto da cafetaría e chegou antes de tempo. "Nótase que é domingo. A xente vaise antes e hai sitios para deixar os carros", matinou. En canto non ían aparecendo as súas colegas, pediu unha infusión e botou unha olladela á prensa. Como o seu avó, reparou en que toda estaba escrita en español e, certamente, moito non lle estrañou, pois era consciente das estratexias do actual goberno da Xunta para laminar calquera iniciativa editorial que se decantase firmemente polo galego. "Fai falta algún medio de comunicación que utilice a nosa lingua, pois isto é unha vergoña. En canto a Deputación da Coruña subvenciona alegremente con 123.000€ provenientes dos diñeiros públicos o pagamento de locais sociais, televisores e computadores para os trasnetos dos trasnetos dos bisnetos dos emigrantes galegos en Sudamérica, que xa nin saben onde está este país, aquí poñen todos os impedimentos para concederen un mísero céntimo destinado á prensa en galego. Que barbaridade! E logo veñen falando de asuteridade. Que hipócritas!", teimaba para si.

A súa visión, loxicamente máis crítica que a do seu idoso familiar, tamén centraba o albo na exclusivista cor ideolóxica dos rotativos que reivindicaban o se chamaren correos, faros, ideais, opinións, progresos ou voces da Galiza. Resultáballe obsceno que en case ningún deles se fixese referencia ás case 70.000 persoas que, desde que chegou o actual goberno da Xunta ao poder, se acrecentaron ás cifras do desemprego. Ou que en ningún, por seu turno, se sinalase o aumento do endebedamento da sanidade pública galega desde 2009 en tres mil millóns de euros, produto exclusivo do partido que deambula como a Estadea por San Caetano. Ou que en ningún se sinalase que o diñeiro destinado do chamado "Plano Urban C" para un centro multiusos no coruñés bairro da Agra do Orzán (case un millón de euros) fose agora encamiñado para reformar un local privado, en particular de Cáritas. Ou que en ningún deles se referise que varias persoas, adoito desempregadas e pensionistas, fosen eliminadas sen notificación de ningún tipo da cobertura que proporciona a Seguridade Social, co cal deixaban de ter asistencia sanitaria gratuíta. Ou que ningún deles dese cumprida conta do que significa na realidade a reforma laboral do PP e as súas nefastas consecuencias para as maiorías sociais. Ou que tampouco ningún deses medios se fixese eco sobre o feito de millares de mozas e mozos galegos teren de emigrar, moito embora contasen cunha completa formación que nada envexaba a doutros países cultural ou xeograficamente próximos; tal era o caso de Naia Rei, unha das amigas de Águeda, a cal, conforme lle comunicara había uns días, estaba a pensar en probar sorte en Austria mediante un contrato que lle ofreceran nun instituto de Salzburgo.

A indignación de Águeda era notábel. Cando chegaron súas amizades, e despois de se saudaren e de lembraren os tempos da universidade á beira duns copos de café, produciuse unha intersante conversa sobre os problemas da cidadanía e todas concluíron na evidencia: era preciso estaren verdadeiramente informadas para así poderen axir en consecuencia. Á marxe de (quizais) louvábeis iniciativas de afeizoados, era necesario un medio de calidade, en galego, que informase con rigor do que realmente estaba a acontecer no país e noutros lugares e que tivese a nación como prisma interpretativo do mundo e non como ornamento 'cultural' de churrascadas e festas gastronómicas, no máis puro e vulgar estilo tonecheiro e ardebulleiro tan presentemente de moda. Naia mesmo dixo: "Ollade: podemos saber, conforme pon esa prensa que se gaba de ser galega, que concertos hai na capital do Estado e noutras cidades da península, o cal está ben; mais non se nos informa de que eventos culturais ou musicais hai nas sete cidades galegas e nas vilas principais do país, e moito menos do que acontece en localidades tan próximas cultural, xeográfica e lingüisticamente como Braga, Chaves, Porto ou Vila Real. E el por acaso non haberá ningún concerto ou ningunha actividade artística neses sitios? Pois reparade en que non hai grupos de música, exposicións de arte e compañías de teatro por aquí ou en Portugal!".

Basilio e Águeda (e mesmo Naia), de Arteixo, poderían ser sen problemas Luís e Anxa, da Costa da Morte. Ou Manuel e Carme, de Burón. Ou Pedro e Magdalena, da Terra de Melide. Ou Brais e Sonia, do Baixo Miño. Ou Francisco e María, do Berzo. Tanto el como ela representan os millares de persoas que na Galiza fican ruborizadas (cadaquén ao seu particular xeito de percibir a realidade) pola circunstancia de non haber unha publicación periódica na nosa lingua capaz de chegar a todos os rincóns do país e de dar conta dos problemas e dos sucesos que se producen entre nós, ou mesmo dos doutras partes do mundo, en chave galega. Basilio e Águeda simbolizan a forza e o potencial da nación: o primeiro, de notoria idosidade, aferrado á terra e aos seus seculares costumes; a segunda, nova, cosmopolita, con roburenta consciencia de galega. Aquel, xubilado, labrador, con toda a experiencia vital nas súas costas; esta, formada profesional e culturalmente na universidade e no conservatorio, con toda a experiencia da vida aínda diante de si. Mantiñán, necesitado de prensa en galego para superar preconceptos arraizados no seu raciocinio con cravos de ferro, agora novamente atirados desde as instancias gobernamentais; Águeda, sen dúbida necesitada de medios de comunicación no noso idioma capaces de venceren a vulgaridade informativa e monolingue a que está sometida a opinión pública.

Porén, o vello e a moza, o labrego e a arquitecta, só representan dous lados da poligonía multiédrica que é a nación. E cómpre un proxecto plural en que teñan cabida os centos de centos de Águedas e Basilios que, cada cal cos seus esperábeis matices, constitúen a vontade nacional da populación e do territorio onde o mundo adopta o nome da Galiza. Por iso é preciso reivindicármonos a nós propios como pobo para así podermos comprender mellor as diferentes sociedades e as diversas culturas do mundo. Por iso cómpre sabermos o que acontece noutras latitudes do globo, mais tamén o que tivo lugar en Carballo, no Ézaro, en Mondoñedo ou en Salvaterra de Miño, e tamén no Porto, en Amarante ou en Vila Real. Por iso é necesario Sermos Galiza.


[20-03-2012 08:35] Xosé Antón comentou:

O Poder (en tódolos eidos) ten moitos recursos e moitas posibilidades de actuar/influir na Sociedade, e un deles, supoño que despois do do Sustento (subsistencia/traballo) e do Social (entorno socio-familiar) é o Poder Mediático, constante e a diario adoutrinando. Por iso teñen que eliminar calqueira cousa que atente contra os seus plans, que son púramente reducionistas e simples: dirixir e controlar o Mundo e aos seus habitantes, e que estes/as non entendan nada nin pensen por si mesmos/as, que non tenten atentar nin cuestionar ese Poder/Control, que é o que agora está a acontecer na Galiza e en Europa.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2014


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#com