03:45 Venres, 19 de Setembro de 2014
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

14-03-2012

O BNG impulsaba no Goberno municipal un acordo para non aplicar nin unha coma da reforma laboral que impulsa o PP

Dinlle ao patrón a flor do meu esforzo

Valorar (15)

XOSÉ ANTÓN BAO ABELLEIRA



A pasada semana o Concello de Lugo declarábase insubmiso perante a reforma laboral. O BNG impulsaba no Goberno municipal un acordo para non aplicar nin unha coma da reforma laboral que impulsa o PP. Non pleno do día 5 onde se debatía unha moción do Bloque contra a reformas iniciei a intervención cuns versos do poema "Monólogo do vello traballador" de Celso Emilio Ferreiro:

Dinlle ao patrón a flor do meu esforzo
e a miña mocidade. Nada teño.
O patrón está rico á miña conta.
Eu, á súa, estou vello.
Ben pensado, o patrón todo mo debe.
Eu non lle debo
nin sequera este sol que agora tomo.

50 anos despois, coa reforma laboral que o PP vén de decidir e que continúa a iniciada polo PSOE, as relacións laborais, a realidade dos e das traballadoras retrocede á situación expresada no "Monólogo" publicado en 1962.

Á profunda crise sistémica que o capitalismo sofre desde os anos 70 -que se manifestaba nun descenso da taxa de beneficio-, o capital e o Estado responderon sen tardar coa "contrarevolución neoliberal", que encabezaron Reagan e Thatcher, cun salvaxe ataque ás conquistas económicas e sociais dos traballadores, o desmembramento do movemento obreiro e o aumento do poder de clase do capital. Os anos 80, 90 e principios do século XXI foron as décadas das privatizacións, desregulacións, liberalizacións e a financiarización progresiva da actividade económica, nunha carreira sen fin para recuperar a taxa de beneficio do capital e de crear "oportunidades rendíbeis" para colocar os capitais "excedentes" que o desmantelamento da industria, o descenso dos custes salariais e as regresivas reformar fiscais deixaban ociosos nos petos dos empresarios. Desde entón aconteceron "burbullas-crise especulativas", ademais da crise ecolóxica e enerxética e a "guerra permanente" a que nos levou o sistema estatal-capitalista. A maior destas burbullas foi a financeira, até que o sistema non aturou máis e estalou cunha crise sen precedentes, que levou ao paro a millóns de traballadores e que tanto desconcertou a propios e a estraños. Esta crise xa conta cunha estratexia do capital europeo e mundial para enfrentarla. O poder das grandes corporacións transnacionais, especialmente as do sector financeiro e de seguros, apoderouse dun arsenal de presión económica e política, a soberanía, dando un golpe de Estado aos gobernos.

O poder do capital, que xa conta con amplos negocios en países emerxentes a un custe moi baixo, nos que impón un réxime social e laboral de semiescravitude, esixe para o entorno dos países avantaxados unhas condicións de inversión que converxan coas da periferia máis rendible (China, Índia, Corea do Sul, etc.) para ademais poder "competir" coas poxantes empresas multinacionais destes países "emerxentes". O capital decidiu rendabilizar a economía europea a cargo do custe e explotación da forza de traballo, en detrimento dos dereitos da maioría social.

No Estado español o déficit publico, cercano ao 12% do PIB quere recortarse en poucos anos para cumprir de maneira exemplar. E puxéronse mans á obra optando por unha vía antisocial. O Programa de Austeridade, que recorta 50.000 millóns de euros en catro anos, o Tesourazo de 15.000 millóns de euros aos salarios dos empregados públicos, o drástico recorte da inversión publica, a conxelación das pensións, a demora da idade de xubilación, os recortes no desemprego e o ataque á negociación colectiva e o dereito de folga, agora a reforma laboral. Son todas elas medidas lesivas para as clases menos podentes que no contexto actual de debilidade da clase traballadora ameazan varrer do mapa conquistas sociais de décadas.

Pero o máis importante é a orientación e a dimensión dos pasos dados, tendo en conta o obxectivo e o modelo autoritario fixado para cumprilo. Porque de querer cumprilo, isto quere dicir que as agresións apuntadas son só un paso máis. Esta é unha boa razón pola que non debemos cuestionar unha reforma ou un recorte concreto unicamente, se non toda a orientación política iniciado polo PSOE e continuada polo PP, que nestes momentos pon mas de manifesto a súa finalidade, o control da sociedade baseado en recuperar a explotación da clase traballadora e o autoritarismo do Estado.

A mobilización do 29 debe ser o berro colectivo dunha nova revolución que se adiante á involución.


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2014


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#com