21:34 Sabado, 19 de Abril de 2014
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

14-03-2012

Nun tempo no que a ofensiva patriarcal pretende dobregarnos con todo o seu aparato as galegas amosamos que rebelámonos ante os recortes nos nosos dereitos

Deixa pasar! deixa pasar! son feminista e o mundo vou mudar!

Valorar (13)

MARGARIDA CORRAL SÁNCHEZ



Nun tempo no que a ofensiva patriarcal pretende dobregarnos con todo o seu aparato as galegas amosamos que rebelámonos ante os recortes nos nosos dereitos.

Síntome satisfeita de ter participado na convocatoria do pasado domingo. Aínda que recoñezo que botei de menos ir acompañada da simboloxía coa que me sinto identificada e da que me sinto orgullosa, teño que salientar que foi unha ledicia formar parte dunha marea violeta que, por unha xornada, tinxiu de malva as rúas compostelás.

Baixo o lema Mulleres galegas en loita polos nosos dereitos!, fomos miles as mulleres que camiñamos nunha manifestación unitaria impulsada aló polo mes de decembro por distintas organizacións e colectivos como Andaina, a CUT, Faraxa, Feminismos Compostela, Marcha Mundial das Mulleres, Nós Mesmas, Rede Feminista Galega, Sindicato Labrego Galego, Somos Dexenerando, STEG e a propia CIG.

Na marcha, que saíu da estación de trens de Compostela, e rematou nunha ateigada Praza da Quintana, berramos consignas -nun marcado ambiente festivo- dirixidas a criticar o actual marco laboral ("Reforma Laboral, ofensiva patriarcal") e a demandar postos de traballo de calidade ("Queremos emprego, traballo xa temos"), a denunciar a violencia de xénero ( "Rebelión, desobediencia, contra a súa violencia"), atacando á xerarquía eclesiástica("Déixame en paz, Rouco Varela, esta é unha mensaxe de María Magdalena"), e fundamentalmente a demandar dereitos sexuais e reprodutivos ("Nós parimos, nós decidimos", "Na miña cona non manda ninguén", "Aborto libre e gratuíto", "Sexualidade non é maternidade", "Parir non é o destino da muller") alén de reivindicar investimento público en servizos sociais (con lemas como "Na sanidade, na educación, se nos movemos iranos moito mellor").

Á convocatoria sumáronse tamén algúns homes, compañeiros de militancia, parellas dalgunhas, pais e fillos doutras, que, dun xeito discreto apoiaban a nosa mobilización. Que salientaban non só o carácter reivindicativo da mesma, senón o diferente ambiente da mesma. Porque onte Compostela era unha festa, todas as consignas eran musicadas e bailadas, desde o inicio ate o remate, onde bailamos ao son de Habelas Hainas.

O feito de non poder amosar as siglas das organizacións que arrouparon a convocatoria (ese foi un dos acordos aos que chegamos nas múltiples asembleas e que non fomos quen de mudar) non permite visualizar a todas aquelas que, pese a non aparecer na faixa inicial, si o fixeron nas seguintes. Alén das organizacións convocantes, había mozas e mulleres do BNG e Galiza Nova e doutras organizacións do eido do nacionalismo e do ecoloxismo, tamén mozas de organizacións estudantís como os Comités Abertos ou a Liga estudantil, asembleas de mulleres de distintos colectivos, compañeiras da asociación de empregadas do fogar XIARA... Puidemos estar máis. É obvio que na convocatoria podían ter participado máis organizacións feministas. E igual deberiamos ter visualizado a outras moitas que traballan a reo polos dereitos das mulleres, que ou ben non asistiron ou que non ficaban identificadas como tales. Teremos que reflexionar sobre este aspecto en vindeiras convocatorias. 

Pero o que ninguén pode discutir é que reunir a miles de mulleres, no medio dunha situación como a actual, de escepticismo e desencanto, onde parece estar tan estendido aquilo de "non hai que facerlle", é todo un éxito. Máis aínda cando existen tantos prexuízos dentro do movemento feminista a participar como tal en organizacións mixtas. E aínda por riba a facelo sen siglas. Ou cando outras organizacións que foron chamadas a participares na convocatoria, non só se desmarcaron da mesma, senón que mesmo contraprogramaron á mesma hora, na praza do lado, outro acto.

Aínda así, as mulleres amosamos onte que non estamos dispostas a tirar pola borda séculos de loita polos nosos dereitos. Velaí estabamos as mozas, e as máis vellas... mulleres que teñen un emprego e desempregadas... sindicalistas e políticas... heterosexuais, lésbicas, bisexuais ... nais, fillas, avoas, irmás, netas... amigas e compañeiras, aquelas que decidimos libremente ter crianzas, e libremente non telas...ate as que fuxen de calquera etiquetaxe... toda unha amalgama de mulleres unidas fronte á mesma reivindicación. Nun tempo no que a ofensiva patriarcal pretende dobregarnos con todo o seu aparato, desde a ofensiva do poder político e da man e por boca da xerarquía eclesiástica, as galegas amosamos que rebelámonos ante os recortes nos nosos dereitos.

Logo de ver como cada vez son máis as mulleres despedidas, vítimas de expedientes de regulación de emprego, e de despedimentos de balde grazas á reforma laboral, como se incrementan os problemas para tentar compatibilizar a maternidade co posto de traballo, como as mutuas impiden aleitar ás nosas crianzas con todas as garantías para a saúde das traballadoras e das súas fillas, como estamos a padecer os recortes no investimento público, a suba das taxas nas escolas infantís, o copago na sanidade e nos servizos de atención ás persoas dependentes, logo dun boicot sen precedentes á dispensación da pílula postcoital e de pretender levar ao cárcere ás mulleres que decidan interromper de xeito voluntario a súa preñez, compraceume comprobar que as mulleres de Galiza non imos ficar caladas fronte aos ataques.

Para as mulleres da CIG foi unha semana intensa, de roldas de prensa, de concentracións -o día 8 de marzo- de delegadas en repulsa aos recortes de dereitos diante de empresas, administración e mutuas en todo o país, de xornadas de debate con distintas organizacións, de actos públicos e de mobilizacións, que culminaron o día 10 de marzo -Día da Clase obreira galega- coas manifestacións convocadas pola central nacionalista en todo o país, en contra dos recortes máis agresivos que supón a ultima reforma laboral para o conxunto da sociedade, preparando unha folga xeral convocada en Galiza para o día 29. Porque as mulleres que formamos parte da Confederación traballamos a reo e loitamos para cambiar o patriarcado desde as estruturas onde se agacha, combaténdoo nas mesas de negociación dos convenios, nas plataformas de igualdade, no día a día como traballadoras, como técnicas, como delegadas e liberadas sindicais. Facémolo coa oposición dos homes, pero tamén coa súa colaboración, necesaria para acadar a igualdade.

Mais na xornada de onte as mulleres feministas que formamos parte de organizacións mixtas camiñamos a carón doutras integradas só por mulleres, e fixémolo tamén do lado de outras moitas que non militan nin participan de xeito organizado. Porque o noso obxectivo segue a ser o mesmo: mudar a orde estabelecida, loitar contra o patriarcado, aínda que desde outro tipo de posturas e posicionamentos. Tal e como berrábamos co lema: DEIXA PASAR! DEIXA PASAR! SON FEMINISTA E O MUNDO VOU MUDAR! 

O 11 de marzo de 2012 as mulleres amosámoslles ao resto da cidadanía galega que é posíbel aproveitar os puntos de coincidencia de cada unha das organizacións que traballamos a prol do feminismo, e recollendo todo aquilo que nos une, desde o respecto e a tolerancia, desde a unión e a non exclusión, que así podemos gañar máis espazo.

Onte non houbo xerarquías, senón un recoñecemento de cada unha de nós, no marco dun pacto político de xénero entre mulleres como interlocutoras, ou o que é o mesmo, onde a sororidade ficou como nexo de unión entre as mulleres que decidimos participar nesta mobilización. Ogallá cunda o exemplo.


[15-03-2012 10:16] Martinha comentou:

Pois eu vim moitas escarapelas da CUT en moitas mulleres, incluso na representante que leu o manifesto... con todo, as siglas que máis se visualizaron en bandeiras, camisetas e nas declaracións á prensa foron as da Marcha...elas saberán por que

[14-03-2012 13:10] loita feminista comentou:

FPG, ADIANTE, CUT TAMÉN ESTABAN SEN SIGLAS

[14-03-2012 08:59] feminista comentou:

o acordo foi non levar simboloxía, mais non todxs fomos tan respectuosas con ese acordo como o BNG....

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Premio Brais Pinto 2013


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#com