18:00 Xoves, 21 de Agosto de 2014
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

11-03-2012

Estamos en Galiza ante un un antigaleguismo militante e no que respecta as políticas económicas e sociais, un posicionamento claro de clase en defensa dos intereses da burguesía española

Pouco que celebrar e moito que reivindicar

Valorar (29)

XESÚS SEIXO FERNÁNDEZ



Estivemos onte no día 10 de marzo de 2012, a conmemorar o Día da Clase Obreira Galega, corenta anos despois dos dramáticos sucesos de Ferrol nos que resultaron asasinados pola policía franquista os traballadores de Bazán, Amador e Daniel, o que motivou que esta data se convertese en símbolo da loita da clase obreira galega en defensa dos seus intereses nacionais e de clase.

Este ano, dita conmemoración, está marcada pola crise económica, o peche de empresas e a conseguinte perda de numerosos postos de traballo, recorte de dereitos, perda de salario, desregulación e precarización xeneralizada das condicións de traballo, recortes no sistema público de protección social e de servizos sociais, nun contexto político dominado pola dereita herdeira do franquismo que segue a practicar, no caso en concreto de Galiza, un antigaleguismo militante e no que respecta as políticas económicas e sociais, un posicionamento claro de clase en defensa dos intereses da burguesía española.

O ano 1972, cando tiveron lugar estes luctuosos sucesos, coincidía cos inicios da crise económica orixinada polos prezos do petróleo, cos últimos anos dunha ditadura franquista debilitada pero disposta a vender cara a súa caída e cun movemento obreiro e social en auxe, que tomaba cada vez máis conciencia da necesidade de enfrontarse a ditadura e de conquistar as liberdades democráticas, a mellora das condicións de vida e traballo e, no caso das forzas nacionalistas, o recoñecemento do dereito de autodeterminación das nacións que integramos o Estado Español.

10 marzo de 2012 en Ferrol. Tradicional ofrenda froral na escultura que rememora a Amador e Daniel

Corenta anos despois, temos que estar a promover grandes mobilizacións sociais para impedir que nos sexan arrebatos dereitos conquistados tras décadas de loita; para esixir unha democracia real ante os abusos do poder, a corrupción e o control total das institucións políticas por parte do capital financeiro; para denunciar un modelo económico baseado na especulación, na sobreexplotación da clase traballadora; na transferencia masiva de recursos públicos e de rendas do traballo ao capital; no reparto desigual da riqueza co conseguinte incremento das desigualdades sociais e a necesidade de dar a batalla pola conquista dun novo modelo de organización social e económica que garanta un reparto equitativo da riqueza así como dereitos básicos da poboación como son o ensino, a saúde, a vivenda, o traballo, unhas pensións dignas, etc. Nova crise do capital  e vellas receitas neoliberais para superala, promovidas polo capital financeiro i executadas pola dereita franquista (PP, coa colaboración do socialdemocracia liberal (PSOE).

Son tempos difíciles para as clases traballadoras, para a xustiza social e para a democracia. Atopámonos  na actualidade cunha parte importante do movemento obreiro, e tamén de persoas e organizacións que se definen de esquerda, debilitado e confuso nos seus principios ideolóxicos e por conseguinte no modelo económico e social de referencia a conquistar para unha mellor defensa dos seus intereses de clase. A esta circunstancia e a este debate non é alleo o nacionalismo galego, entre aqueles que buscan unha saída a crise, sen molestar moito ao poder estabelecido e moito menos cuestionar o sistema, disfrazando o seu reformismo ideolóxico, de vaguidades como abrirse á sociedade ou conectar coa cidadanía, fronte a aqueles outros que consideramos que neste modelo económico e nesta configuración autonomista do Estado, non é posíbel mudar o carácter colonial de Galiza, nin construír un modelo económico e social favorábel ao intereses das clases traballadoras e que compre, polo tanto, trasladar o debate ideolóxico á sociedade galega sen ambigüidades, sen falsas espectativas e presentarse cunha mensaxe clara de cambio de modelo e de confronto co poder establecido.

[12-03-2012 11:00] escoitante comentou:

Nas radios españolas están elucubrando o por que da data, como as mentes pensantes de UGT e CCO elixiron con atino o 29, claro como non son galegos non saben que o verdadeiro motivo é que a CIG convocara antes esa data, en todo caso felicitacións á militancia dos outros sindicatos que foron quen de convencer aos dirixentes.

[11-03-2012 15:04] Antonio das Mortes comentou:

Algunha dúbida?

[11-03-2012 10:28] Xosé Antón comentou:

Noraboa polo texto e polas mensaxes !! A CIG -entre outros-, coa convocatoria de Folga Xeral contribuíu decisivamente e por anticipado a dar argumentos e motivos ás bases de CCOO e UGT para que presionaran ás súa cúpulas sindicais co obxectivo de unificar a resposta sindical o 29 de marzo. O PP exerce políticas de terrorismo (coación e instauración do terror no corpo social) institucional contra a sociedade, asi pois, procede darlle unha contestación xeralizada, conxunta, e continuada ata facerlles recuar. Son débiles cos fortes, e fortes cos débiles, polo tanto debemos preparar e consolidar unha (ou varias, as que precisemos) respostas contundentes para acadar o éxito para a mudanza da situación actual.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Manifestación do Día da Patria Galega de 2014


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#com