07:47 Xoves, 24 de Abril de 2014
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

28-02-2012

Unha pseudociencia de libro

Homeopatía: simplemente auga?

Valorar (50)

EDUARDO GARCÍA PARADA



Si, simplemente auga. Desde o punto de vista físico-químico, un medicamento homeopático é simplemente auga.

As medicinas alternativas ou naturais están en auxe. Os produtos "milagre" anúncianse sen ningún control e a medicina homeopática é situada ao mesmo nivel ca convencional, como se puideran compararse para curar todo tipo de enfermidades, desde un catarro até un cancro ou a sida.

Homeopatía significa "curar co mesmo", isto é, curar con aquilo que enferma de igual xeito ao individuo san. Foi creada hai uns 200 anos polo médico alemán Samuel F. Hahnemann. Nesa época foi ben acollida, pois os remedos homeopáticos eran moitísimo menos agresivos que os utilizados pola medicina da época, como as sangrías ou os tratamentos con samesugas, e na que ainda non se descubrirán os microrganismos nin se coñecía a estrutura atómica da materia.

A homeopatía clásica (e pouco cambiou desde a súa creación, malia os enormes cambios na medicina científica) baséase no uso de cantidades insignificantes ("principio das doses infinitesimais") de substancias que en grandes doses producirían síntomas semellantes aos da enfermidade. O xeito máis común de preparación dunha dilución homeopática consiste en diluir unha parte da substancia activa ("tintura nai") en 99 partes de auga. Desta disolución tómase de novo unha parte e dilúese en outras 99 partes de auga, de maneira que en cada dilución dividimos entre 100 a parte orixinal que contén o principio activo. Logo de doce dilucións, as posibilidades de atopar unha soa molécula do principio activo son case nulas, isto é, temos só auga. Os productos homeopáticos poden obterse logo de 20 a 30 procesos de dilución. Pero segundo os homeópatas, a clave está na "dinamización": logo de cada dilución, ten lugar una forte axitación do preparado: isto transmite a auga o "espíritu curativo" do principio activo, a auga "memoriza" as características da substancia orixinal.

Unha última lei da homeopatía é a "lei da individualización". Posibelmente aquí estea o único aproveitábel da homeopatía e a clave dos seus aparentes éxitos: aséntase no principio de que a vida é debida a una forza espiritual que directamente determina a saúde do corpo. Non hai enfermidades senón enfermos. Isto supostamente leva a un tratamento personalizado, con longas sesións de 60 minutos de media (sobre 100 euros) co homeópata que procura unha comprensión holística do paciente, entendendo que ás veces a orixe da doenza pode non ser de carácter física, senón psicolóxica. Tamén a medicina convencional tería o mesmo éxito se en vez de 7 ou 8 minutos se lle dedicara moito máis tempo a oir e entender ao paciente. E se aforrarían moitos medicamentos.

Esta preparación psicolóxica leva nalgúns casos á aparente "eficacia" dos medicamentos homeopáticos, que a Organización Mundial da Saúde ou un recente informe do Ministerio de Sanidade encargado polo Congreso dos Deputados cualifican de placebos. Na medicina científica é ben coñecido o efecto placebo: os resultados son moi diferentes se facemos un tratamento cego ou se ven acompañado dunha axeitada preparación e estimulación do paciente. Non podemos obviar a importancia do efecto placebo no tratamento dunha enfermidade. Os placebos son "medicamentos de mentira", non conteñen ningún principio activo, pero exteriormente non se pode aprezar. É a crenza no efecto beneficioso o que pode facer mellorar ao enfermo, é un efecto psicolóxico que repercute sobre o organismo. Algo semellante ocorre ás veces cando nos receitan un antibiótico: ao pouco de tómalo xa nos sentimos mellor, ainda que o seu efecto real sobre o organismo non se produza até unas doce horas máis tarde. Claro que esta inmediata melloría difícilmente se mantería se non tomaramos o medicamento verdadeiro. Este é un dos graves perigos da homeopatía: que se abandone o tratamento convencional esperando curarse só con produtos milagre.

Como indicábamos nun artigo anterior ("As pulseiras máxicas da Power Balance") a homeopatía é claramente unha pseudociencia "de libro". Está baseada en crenzas e supersticións. Non existen estudos científicos serios e rigorosos que apoien a súa eficacia. Existen, sen embargo, miles de publicacións científicas que demostran a súa ineficacia. A fraude estaría cando menos en adxudicarlle efectos curativos a uns produtos que non os teñen, pois só son auga. A documentación e informes sobre a fraude homeopática é moi extensa e seria. Ademais dos xa citados, a Generalitat de Catalunya encargou un extenso estudo cando intentou regular o exercicio das terapias naturais, que conclue que a única alternativa á medicina é unha medicina mellor, e que o que debemos procurar é unha medicina pública menos masificada e máis humanizada, holística e que trate ao enfermo. Un estudo elaborado polo Comité de Ciencia e Tecnoloxía da Cámara dos Comúns do Reino Unido conclúe que a homeopatía consiste basicamente en pastillas de azucre que funcionan grazas á fe do paciente, e aconsella impedir ás compañías de medicamentos homeopáticos que fagan declaracións sobre a efectividade dos seus produtos se non mostran probas.

O sensacionalismo que domina os medios de comunicación e a suposta capacidade e formación do receptor ou receptora para discernir entre o que ciencia e o que non o é fomentan o seu auxe e credibilidade; non se pode poñer ao mesmo nivel o que non o está. Non cómpre a comparanza entre unha medicina baseada na evidencia e no método científico e outra que non supera ningún tipo de avaliación rigorosa e de calidade. Cada pouco nos atopamos unha reportaxe ou un artigo xornalístico que coa apariencia de imparcial e serio "termina ensalzando a homeopatía como un tratamento que, en xeral, funciona, aínda que non se coñeza o seu xeito de actuación (...). Trátase dun patinazo pseudocientífico moi común nos nosos tempos, segundo o cal se unha persoa di que a Terra é redonda e lixeiramente achatada polos Polos, e outra di que é cadrada e oca, hai espazo para o debate e todas as opinións son respetábeis. O artigo podería titularse: A Terra, esfera ou cubo?", como di a Sociedade para o Avance do Pensamento Crítico.

Hai un ano tivo lugar a primeira convocatoria internacional de "suicidio" homeopático, que coa inxesta pública masiva de fármacos homeopáticos pretendía mostrar a súa inocuidade. E na outra punta do delirio homeópata, podemos atopar en internet un documento en inglés titulado: "En un ano: a homeopatía podía ter axudado", con solucións homeopáticas para o abuso infantil nos EEUU, os mortos por armas de fogo, as violacións e abusos sexuais... aparentemente falando en serio.

Tim Michim no seu "poema rítmico" Storm (pódese ver en YouTube) clasifica as medicinas alternativas en dous tipos: "as que se demostrou que non funcionan e as que ainda non se demostrou que funcionen".


anterior 1 2 3 seguinte

[28-02-2012 20:41] gregorio lopez soriano comentou:

Que pasa que non admites criticas e borrades o que discrepa co artigo

[28-02-2012 16:04] Eduardo comentou:

Este libro que recomendas Neal é un referente. E os informes "gubernamentais" aos que me refiro foron encargados a asociacións e/ou grupos de pensamento crítico. Non coñezo informes favorábeis cun mínimo de credibilidade dentro dos noso parámetros cientificistas, claro. E grazas polos vosos comentarios!

[28-02-2012 14:50] Algeroz27 comentou:

Artigo digno de ser enviado aos centros de ensino galegos, para tratar nas aulas. Pedagógicamente impecável. Parabéns ao autor.

[28-02-2012 14:02] Robert Neal Baxter comentou:

Para quen queira saber máis, recomendo o seguinte libro (abranxe máis do que a homeopatía):
Bad Science de Ben Goldacre (dispoñíbel en español: Mala ciencia: No te dejes engañar por curanderos, charlatanes y otros farsantes).
O autor é médico e moi crítico, mais non por iso defensor da insustria farameútica. todo o contrario; está a escribir un libro sobre isto mesmo (The Drug Pushers).

anterior 1 2 3 seguinte
Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Premio Brais Pinto 2013


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#com