07:00 Sabado, 29 de Novembro de 2014
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

23-02-2012

Cando non temos clara a alternativa, adaptámonos ás circunstancias

Non esquezamos que as cousas cambian

Valorar (29)

XOSÉ MANUEL BAÑOS GARCÍA



Hai 30 anos a estrada que pasa preto da miña casa tiña árbores nas súas marxes, eran plátanos de sombra. Cortáronos para ampliar a estrada; a modernidade non collía por unha vía tan estreita. Hoxe, aínda que me lembre que había esas árbores que adornaban o camiño, cando paso por ela teño a sensación de que nunca estiveron alí, que a estrada sempre estivo espida.

Esta sensación de non querer ver que antes as cousas eran doutro xeito ou de que podían ser doutro xeito, non é miña en exclusiva, coido que lle pasa a moita xente. Esquecémonos para acostumarnos aos cambios, vendo normal, cousas que non o son.

En 1980 a indemnización por despedimento improcedente era de 42 meses, hoxe, e coa reforma aprobada polo PP, é de 24 meses.

En 1985, o goberno do PSOE de Felipe González, aumenta o período mínimo de cotización para acceder a unha pensión de 10 a 15 anos, e amplía o período de cálculo da pensión de 2 a 8 anos. Unha persoa que se xubile hoxe o cálculo da pensión farase sobre 15 anos traballados.

Polo medio destes anos, nos que se sucederon gobernos do PSOE e do PP, leváronse a cabo sucesivas reformas laborais e das pensións, cada cal máis gravosa para os intereses dos traballadores e traballadoras.

O paradóxico é que estas reformas fixéronse no período democrático do Estado Español, e en certo modo, malia as folgas xerais, que as houbo, estas reformas foron avaladas polos cidadáns nas sucesivas eleccións xerais, engaiolados pola retórica dos dous partidos maioritarios, que intercambiaban o seu discurso dependendo se estaban na oposición ou no goberno, prometéndonos un cambio que non era tal.

Cómpre recordar que tanto PSOE como PP xustificaron recentemente as súas respectivas reformas laborais polos seus beneficios para a xeración de emprego; sen embargo, os datos reflicten o contrario, e non só estas reformas non crearon emprego, senón que o destruíron, e se destruirano, de seguir con esta política de recortes que está a levar adiante o goberno central.

Mais a sensación xeral é a de adaptarse as circunstancias, obviar que as cousas poden ser doutro xeito; semella que xa nos conformamos con que non vaian a peor. Neste sentido, chama a atención o papel cómplice dos sindicatos estatais, UGT e CCOO, que se prestan a negociar unha reforma laboral salvaxe, conformándose cuns retoques, que deixarán as cousas onde o poder as quere deixar, de momento, no canto de optar pola confrontación e o rexeitamento como fai a CIG.

Como dixen, isto non queda aquí. Aínda recente a reforma das pensións efectuada polo PSOE o ano pasado, a Comisión Europea vén de recomendar aos estados membros que sigan pola senda do incremento da idade de xubilación -aínda máis-, ao tempo que invita aos cidadáns europeos subscribir plans de pensión privados para compensar a perda de ingresos que terán coas pensións públicas, malia recoñecer que estes serán vulnerábeis á crise financeira. O certo é que sinceridade non lle falta á Comisión, mais a estas alturas xa ninguén se escandaliza, que unha institución pública faga de axente comercial dos sector financeiro.

O certo é que o poder, liquidado o referente comunista, que permitía albiscar, malia os defectos, unha alternativa ao capitalismo, xa hai moito tempo que lle perdeu o medo á clase traballadora e aos pobos, grazas a unha maquinaria de desideoloxización e de propaganda perfectamente engraxada, que reduce os traballadores e traballadores a simples consumidores e cidadáns do mundo.

Como dicía ao principio a estrada que está preto da miña casa xa non ten árbores, pero por ela xa hai moito tempo que tampouco pasa o autobús dos "obreros" que levaba aos traballadores que vivían no rural á vila ás fábricas de móbeis e á construción. Hoxe, os que se soben ao autobús dos "obreros", cada vez menos nun rural envellecido e con menos habitantes, son consumidores que acoden á feira dos mércores.

Pero as cousas ser doutro xeito, agora a estrada non ten árbores, pero plantándoas e co tempo volverán a ter o aspecto lustroso, e esta terá un aspecto máis humano que o que ten agora.


[04-03-2012 22:08] Tino comentou:

O máis triste de todo isto é o traballo soterrado para desideoloxizar á xuventude : ós estudantes ( que cada vez son menos corporativos ), ós que aceptan resinados condicións laborais indignas,ás vítimas da morte definitiva da liberdade de cátedra durante a súa formación e unha longa reste de inercias propiciadas para conseguir o "sublime" obxectivo último : " ciudadanos del mundo". Sí, cidadáns ós que se lles poida administrar co mesmo protocolo en tódalas latitudes o soma que profeticamente dicía hai xa algúns anos Aldoux Huxlei. Por este camiño seguro que chegaremos á meta do clube Bilderberg : "La gobernanza mundial". e a facer todos plans de pensións..

[23-02-2012 08:01] Xosé Antón comentou:

O triunfo das teses do Capitalismo é innegábel hoxendía, alomenos no mundo avanzado tecnolóxicamente, o que chamamos 1º mundo, onde o Sistema ten as ¨costas¨ protexidas pois controla todos os resortes democráticos, institucionais, políticos, económicos, xudiciais, mediáticos e financeiros, que fan pensar ao pobo que non hai outro tipo de sociedade máis xusta á que poidamos aspirar, senón na utopía duns/dunhas tolos/as sen miolos, que non poderán nunca chegar a eses poderes para cambiar as cousas. Precisamente polas barbaries e coa seguridade que está a exercer ese Sistema para acaparar canta máis riqueza malia que vaia aniquilando á clase media e enchendo as rúas de pobres, xa que despreza ás clases populares e non lles ten medo (nin respecto), haberá esperanzas de que fartas e desesperadas, as masas populares digan basta fagan estoupar a situación, ata reverter a situación. Iso xa aconteceu na Historia pasada, e levamos camiño de que se repita.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Presentacións da revista Terra e Tempo Nº 171 en Burela, Ourense e Pontevedra


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#com