06:30 Luns, 22 de Decembro de 2014
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

25-02-2012

O Irixo, corazón xeográfico, encrucillada de serras que forman o cordal galego, polas que franquean vellos e novos camiños que veñen e van a Compostela

“Lixo no Irixo: NON”

Valorar (17)

FELIPE SENÉN LÓPEZ GÓMEZ



 Arroallo, merda, putrefacción, fedor, fume, insectos, ratas, contaminación.... ¿quen os quere? ¿qué imaxe dan?. Ameaza que creamos, cada vez máis, difícil solución, a non ser con educación. E si é que o "regalo" das incineradoras de lixo  non contaminan, non almacenan residuos de difícil futuro ¿por que as deciden con misterio e as esconden entre montes e non arredor das cidades que o producen?

As moreas de lixo medran co consumo global e con elas os problemas. As políticas de goberno cobran impostos, crean redes de negocio e determinan a súa xestión. Trabállase nos despachos sobre burocracias, fotos, mapas, nos que superficialmente se descobren montes ermos, soidade, despoboación, emigración, pero situación estratéxica privilexiada, entre vías e estacións do ferrocarril mal administradas, que se deixaron abandonar. E con nocturnidade e aleivosía, sen consulta nin previo aviso, nesta "democracia", decidiuse, confundir o centro co sur de Galiza...e a "Sogama Sur" porase no centro xeográfico de Galiza, o lixo para o Irixo. E "da inxuria o rudo encono"... As cousas non serán así advirten os fregueses das parroquias do arciprestazgo Orcellón-Carballiño, organízanse os veciños coa sensibilidade afiada e mesmo o "Cine Club Carballiño"  convoca unha sesión de documentais sobre a incineración e o reciclaxe.

Paisaxes e paisanaxes nas que se concienciou Basilio Álvarez

Decisión das políticas de goberno que proba o descoñecemento xeográfico, xeolóxico, climatolóxico, produtivo e polo tanto cultural e turístico da baril historia do que foi Orcellón. Un Dourado do medievo, cantado por trobeiros. Territorio entón administrado pola misión agraria e gandeira dos frades cistercienses de Oseira e Carboeiro, abrindo romarías e feiras. Florecer do que se aproveitaron as casas de Monterrei e os Ulloa. Pescudas ás que abren os traballos do historiador Elixio Villaverde. Terras que teñen voz na poesía de Xosé Luís González Tosar, quen nesta súa terra ofrece insuas de inspiración paro os poetas. Terras con Prehistoria de mámoas megalíticas, petróglifos, sorprendentes minas de ouro en Loureiro, territorio referido por Florentino López Cuevillas, con solemnes castros: Souteliño, Corneda, Orros... e como mostra a arracada áurea de Cardedo, atopada nun regueiro e que un alumno entregou ó seu mestre da escola do Carballiño, para depositala no Museo de Pontevedra e pasar a ser insignia heráldica do Irixo. Pero do pasado non se vive hoxe, din os posmodernos yuppies marulos, desarraigados, sen orgullo do que o distingue. Historias de tratantes de gando, de concorridas feiras, como a do Tellado, escola de canteiros... Historias con futuro, como  experimenta e demostra Don Antonio González, Párroco de Santa María de Loureiro, coas cooperativas  agropecuarias... Velaí a exemplar realidade da parábola do humilde servidor que puxo a frutificar a viña do Señor... Leccións aprendidas doutro histórico señor abade, Basilio Álvarez, que como párroco de Parada de Laviote aprendeu dos asoballados fregreses a cartilla elemental do agrarismo. Inxustizas que un século despois multiplican a indignación.

Fábrica de emigrantes

O Irixo, corazón xeográfico, encrucillada de serras que forman o cordal galego, polas que franquean vellos e novos camiños que veñen e van a Compostela, ós ribeiros, a terras do Faro de Chantada ou mesmo cara o Testeiro, Aciveiro e Pontevedra. Montes na posguerra furados por túneles do ferrocarril Zamora-Coruña, obra de mociños novos de entón, que non emigraron, para coller e arrastrar na súa vida a tortura da silicose. Fai pouco, as novas tuneleadoras deron momentáneo traballo, furaron os mesmos montes para dar paso ás vías á alta velocidade que se lanza a Madrid. A Cruz da Grade, o Foxo do Cabrito, a Pena Negra, a Pena Escrita... o Paraño, a Madanela,  son montes que chegan ós 900 metros, que actúan como valado climatoloxicamente defensivo, que peneiran, purgan ou amainan o paso dos ventos, as brétemas e as treboadas que veñen do océano. Montes que fan posible a fartura de lameiros, da horta, dos viños, dos froiteiros do ribeiro. Encostas con santuarios nos que abrollan fontes que deitan auga a arroios como o Lovagueira, o Viñao, o Pedriña... pra alimentar por unha banda ribeiros do Arenteiro ou do Avia, e pola outra do Deza ou do Ulla... Encrucillada de Montes de Dozón, de Piñor de Cea, do Carballiño, do Irixo, que inspiraron, non soamente a Otero Pedrayo, senón a "Mazurca para dos Muertos" dun Cela delas oriúndo. Pero do pasado, do conto non se vive, seguen a dicir os que cifran o SEU "Santo progreso" nas inmoralidades.

Como consecuencia do descoñecemento da produtividade a ruín administración, a histórica obriga da emigración polas américas e Europa, os de Caxarade, Froufe, Dadín, Reádigos, Cusanca.... Parada de Laviote, na que noutrora houbo curro e rapa das bestas...Sempre coa ansia de voltar e voltaron ó paraíso que deu vida ós seus devanceiros, para manter a casa, a que agora pode abrir xanelas ó panorama do lixo e do fume, ó asasinato da riqueza natural.

Nos primeiros anos setenta, impotentes, vivimos a historia de  encoros como o de Castrelo de Miño, asolagando as terras máis produtivas do Ribeiro do Miño ¿para beneficio de quen?... como a da Celulosa de Pontevedra que dana integralmente todos os sentidos... Alumina en San Ciprián  na mariña lucense... e entrados os anos sesenta, o peso rebelde, irmandiño,  aminora caprichos nas Encrobas, en Baldaio, onde Moncho Valcarce, o Cura das Encrobas  serviu de guieiro comprometido co humanismo e con outro progreso. Movemento que fulminou co intento dunha central nuclear en Xove. Velaí, como nun sainete as manifestacións de hoxe, nas que para confundir, tamén participan os que programan este aldraxe, como fai o asasinos que preside o funeral da súa vítima, ou o incendiario que se suma pra apagar o lume que provocou... ¿Quén ordena e manda poñer a incineradora no Irixo?

Efectos da mala educación nun consumismo desaforado que crea adictos, aparva, degrada e negocia con todo, usa, abusa, tira, come, cala e caga.  Compre asumir, educar, retomar camiños para saber consumir, para administrar sabiamente, para reciclar. Tampouco é retornar á sociedade rural dos devanceiros que todo reaproveitaban en cubos da lavadura ou en caixóns. Cadaquén aguantaba co que xeraba. A cousa complícase hoxe en clasificacións de lixo: plástico, metais, vidro, papel, orgánico, pilas, electrodomésticos...e a invasión de buscadores de todo.

Dignidade

As instalacións de Sogama de Meirama, no concello Cerceda, con trinta empregados directos, no lixo, ofrecen un programa de visitas. Un pon os sentidos, o sentimento a funcionar, enxerga e conclúe que o mundo podería ser máis sabio e mellor, se coñeceramos onde está a produtividade, sen embarroutala en desperdicios. Concluiríamos que a cultura é o qué, o como cultivamos e administramos ese medio, coa dignidade que merece. Que hai sitios que valen máis que pra queimar, empaquetar, almacenar residuos, contaminar e seguir a mandar ós mozos á emigración ou a enzoufarnos no lixo.


[07-03-2012 01:56] Xosé Xabier comentou:

Eu teño unha pena, ainda que sei que moita xente non estará de acordo porque tamén o chaman "progreso"

E isa criminal contaminación que sembra de fealdade o cordal galego, ferindo o corazón da vella Gallaecia: os aeroxeradores, tamén llamados "taravelas".

Exemplos da desplanificación enerxética e o pouco respecto ao medio; esperpentos vergoñosos espallados irracionalmente por acá e acullá que non deixan ningún outeiro dende onde ollar ao lonxe serras limpas.

Se prantasen carballos no seu lugar.....

[05-03-2012 12:06] jose antonio calvo jorge comentou:

ESTE SENTEMENTO QUE TEMOS OS QUE AMAMAMOS O IRIXO, COMA UNHA MULLER XESTANTE CON CONTRACCIONS DE INMINENTE PARTO, TI TIVECHES A SORTE DE SERES O XINECOLOGO DA PALBRA, QUE ACARICIOU POR VEZ PREMEIRA ESE SENTIRE PROFUNDO FEITO VERBA.

[27-02-2012 13:10] jose antonio comentou:

¡Bravo por esa excelsa secreción da alma,que como galego conspicuo,brota do teu ser,non seria doado regar oxardin do noso espirito cunhas verbas coma as tuas se non fosen fillas da conviccion profunda de quen ama o seu pasado , defende o seu presente e loita por o futuro de todos,desde o mais profundo amor os seus hirmans galegos ¡gracias!

[25-02-2012 23:12] Francisco Xabier comentou:

Bó artigo Felipe. Desesperamos vendo como foi depredada a paisaxe. ¿Qué é a Dorsal, senón un megaparque eólico? E o pior xá non é o impacto paisaxísitico senón a roturación da montaña para meter os muíños. ¿Qué son os ríos, senón un corrido de minicentrais? O mundo postmoderno que mencionas trouxo o arrasamento de todo ¡¡qué anos os 90 e os 2000¡¡ Gustaría de que o BNG non se deixara atraer máis nunca por cantos de serea e fora inequívoco ante a depredación da paisaxe, do territorio en todos os seus sentidos. Nunca ímos sair de pobres sendo condescendentes coa especulación. E iso, especulación sen máis criterios (¿para qué?), é o que pariu e guiou o seitor das enerxías renovables en Galicia, e de moitos empresarios autóctonos e foráneos que expropian a terra. Consumismo, produtivismo, crecemento, lixo, máis lixo...; ¡¡¡hai que baixarse diso, home¡¡¡ E impor outros criterios, frente os impostos ata agora. Polo menos hoxe xá sabemos que a ricos non ímos chegar exterminado-o todo (iso só é posible para o gran capital), nese sentido benvida a crise e mágoa que chegara tan tarde.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Presentacións da revista Terra e Tempo Nº 171 en Burela, Ourense e Pontevedra


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#com