07:20 Xoves, 27 de Novembro de 2014
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

14-02-2012

Trátase da aceptación de enmendas referentes ao idioma na XIII Asemblea Nacional do BNG

Enmendas

Valorar (50)

ANSELMO LÓPEZ CARREIRA



Cando xa tiña na bandexa de saída un artigo importante, presentouse o urxente e tiven que deixalo para a próxima. Tamén ten que ver coa XIII Asemblea Nacional do BNG, mais non co patético espectáculo que estes días nutre aos medios, senón con algo máis serio. Quero expresar a miña interpretación dun par de resolucións alí aprobadas.

Trátase da aceptación de enmendas referentes ao idioma. Coido poder compensar a miña falta de capacitación profesional en sociolingüística co plus de interese que me proporciona, non xa o papel cardinal do idioma no conxunto do proxecto nacional galego, senón tamén -no meu particular nivel autobiográfico, como no de tantos outros- a acción catalizadora que tivo a cuestión lingüística na toma de conciencia da situación do país en todas as dimensións da colonización. Pido por iso licenza.

Recoñezo que en ningún dos casos que paso a discutir presentei debate en tempo e forma; mea culpa: cando cheguei á comisión xa estaban aprobadas. Mais como isto non é unha voda non teño a obriga de calar para sempre.

Na enmenda 18 acadouse unha transaccional, expresando que «ao formar parte o galego e o portugués do mesmo sistema ligüístico» e estando recoñecida a oficialidade do portugués nas institucións europeas, os nosos eurodiputados deberán ampararse nesa cómoda circunstancia para expresárense tranquilamente en galego. Tal vez se pense que con este truco tan enxebre os inadvertidos interlocutores crerán que o tal eurodiputado/a fala nunha especie de portugués (ou se cadra, se están menos inadvertidos, no que os portugueses denominan portugañol).

A premisa desde a que se chega a esta conclusión non a discuto, pero xúlgoa unha típica perogrullada. Insistir na estreita familiaridade entre galego e portugués é unha obviedade, e non lle vexo acomodo a xeito nun documento de bases políticas. E o que é máis importante: desa obxectividade filolóxica non ten por que derivar semellante aplicación. Ao que na práctica conducirá será ao conformismo coa anormal situación institucional do galego e a non insistir na reclamación da súa oficialidade en toda parte. Porque o siloxismo é doado: se o galego é portugués, e este é oficial, ¿para que molestarse máis?, xa o galego é oficial!.

A enmenda 96 foi aceitada sen necesidade de transacción: o BNG vai promover toda produción escrita sen discriminación ortográfica. Outro golpe de graza á precarísima situación do idioma. ¿Pero é que a estas alturas alguén pode dubidar de que a disciplina normativa sexa parte inseparable do proceso normalizador?, ¿para isto se forzou unha normativa "de consenso"?.

Non me preocupa en absoluto que se fagan experimentos co español ou co inglés (que non se fan), pero preocúpame moitísimo que se fagan co galego. O galego ten normativa. Foi elaborada por xente competente. Remite de maneira dabondo fiel á propia base patrimonial do idioma cando este estaba en situación de normalidade (antes do séc. XVI) e á súa errática evolución desde o XIX. O noso idioma (o galego de Galicia) conta xa con ese elemento imprescindible que o capacita para asumir todas as funcións dun idioma normalizado. O nacionalismo político ten non só o deber de acollerse á normativa, senón incluso o de poñerse á cabeza no seu fomento e uso sistemático. O contrario é unha irresponsabilidade, unha desconexión coa realidade e un abandono do noso compromiso. E tamén mostra evidente do estado xeral de descomposición da nosa sociedade nacional.

Por último, a enmenda 101 empéñase en resaltar a enorme proxección internacional do galego a través do portugués co «obxectivo de prestixialo»; a ilusión esa de que temos un idioma falado por non sei cantos centos de millóns de persoas en non sei cantos continentes. Non saímos do autoodio e do complexo de inferioridade. ¿Cantos falantes serán precisos para reclamar a plenitude de dereitos dun idioma, das persoas que o falan?. O razoamento é exactamente o mesmo que o empregado para a imposición do castellano; que por certo é o que vai aceptando o pobo a medida que se ofrecen excentricidades. A proxección cuantitativa do catalán é limitada, e en cambio goza de prestixio e dun elevado nivel de normalización. E non falemos do vasco, en plena recuperación. Sobran exemplos en Europa de comunidades modestas con idiomas normalizados: islandés, noruegués, finés, estoniano, lituano, letón, armenio, maltés...

Coido que desta maneira non se aporta ningún contributo á normalización do noso idioma: o galego.


anterior 1 2 3 4 5 6 7 8 seguinte

[14-02-2012 21:23] GALEGO COM OLHOS E ORELHAS comentou:

NOM HÁ PIOR CEGO QUE O QUE NOM QUERE VER E AINDA PENSA QUE OS CEGOS SOMOS OS QUE VEMOS

[14-02-2012 20:19] Miro Moman comentou:

Tarde piaches. O BNG já está a falar galego-português no parlamento europeu:

http://www.youtube.com/watch?v=wOzoDGvWkWA

O mesmo figeram José Pousada (CG) e Camilo Nogueira (BNG) e agora é Ana Miranda (BNG).

[14-02-2012 19:50] López Carneiro comentou:

É muito de agradecer a luita dos isolacionistas por manter a nossa lingua separada do seu tronco comúm, sem dúbida os resultados saltam à vista..

Obrigado. Venham 30 anos mais assim e solucionamos o problema..

[14-02-2012 17:59] Eu comentou:

Non lle deamos máis volta, pódese ser reintegracionista tamén coa normativa da RAG, o máis importante é coidarmos o idioma e depuralo de españolismos. O denominador común entre todos, coido que tamén entre os que non falan galego, é que hai que ir introducindo o portugués no ensino (Extremadura lévanos vantaxe) e poder recibir as radios e televisións portuguesas en Galiza. Calquera galego debería poder defenderse en portugués estándar sen ter que realizar excesivos esforzos.

anterior 1 2 3 4 5 6 7 8 seguinte
Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Presentacións da revista Terra e Tempo Nº 171 en Ferrol, Santiago e Lugo


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#com