21:13 Mércores, 30 de Xullo de 2014
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

07-02-2012

Hai xa moitos anos que os EE.UU. teñen programada a invasión dos países de Oriente Medio que non se someten á súa lei imperial

...e agora toca Siria

Valorar (29)

LOIS DIÉGUEZ



O nerviosismo dos EE.UU. e os seus aliados por desprestixiar a Rusia e China despois de que estas se opuxesen a condenar (e invadir) un dos poucos territorios que quedan onde non existen bases ianquis. As mentiras da prensa occidental sobre o que acontece en Siria.

Hai xa moitos anos que os EE.UU. teñen programada a invasión dos países de Oriente Medio que non se someten á súa lei imperial. E todos foron caendo, invadidos até a máis fría crueldade. Nos dous últimos anos, o ataque bélico variou a súa táctica, metendo o polvorín no interior dos países invadidos como se fosen os seus pobos os artífices diso que o atacante deu en chamar unha nova primavera.

Siria é un país que nunca aceptou a imposición dun Estado sionista en Palestina. Máis evolucionado que os do seu contorno, ten a sanidade e o ensino públicos, cunha tasa de alfabetización do 86%. Hai tempo que está inmerso nunha muda da propia Constitución e das institucións locais e nacionais para adaptalas ao momento político. Viaxei outra vez a este país hai apenas un ano, e comprobei  no contacto con xente popular a satisfacción desta por vivir nun país seguro no que o chamado terrorismo apenas tiña presenza. 

Non é a oposición (pódese crear da noite para a mañá?) a que combate na rúa, nen o pobo sirio quen está enchendo as prazas de descontentos (cando as enchen é para apoiar a Al-Assad e, sobre todo, a soberanía da nación). Hai xornalistas de todo o mundo que están a falar arreo das mentiras da prensa occidental a respecto do que ocorre, mais aquí son censurados ou silenciados para que a manipulación atrofie as nosas mentes e así aceptemos sen titubeo a invasión. (Por certo, por que desapareceron as noticias sobre Libia unha vez tomado o poder polas forzas da OTAN que agora llo teñen entregado ás empresas do petróleo? E Irak, sabemos algo do que está a ocorrer alí agora, despois do xenocidio?).

Os que antes eran terroristas resulta que en Siria convértense en oposición ao goberno de Al Assad. Na fronteira con Turquía e xa polo interior, actúan na formación e avance dos mercenarios os ianquis da CIA (os seus métodos son inconfundibles), O MI-6 británico, o Mossad israelí, entre outros. Hai que arrasar, queimar, crear o caos para amedrentar o pobo sirio e preparar as nosas conciencias para a aceptación da invasión ou o silencio, seguindo outra vez a Doutrina do Shock, que tantos froitos leva recollido nos países atacados e mesmo nos nosos.

Mais sobre todo isto hai un dato que aclara outra vez a mala idea da maior parte dos países da OTAN: a insistencia en que o presidente sirio ten que deixar o goberno para que aqueles poñan outro da súa corda. Como vemos, un bo exemplo de democracia á occidental.

Temos unha pequena esperanza fronte ao sangue e á destrución que queren con tanta présa os imperialistas en Siria e para o cal necesitan o apoio da ONU: a posición de Rusia e China. Estas non admiten tanta manipulación nen berran polas trompetas do Apocalipse. Un contraste, á fin, necesario para frear os asasinos e verdadeiros terroristas. A resistencia ás ofertas que seguramente neste momento lles están a ofrecer os tres verdugos reais da película (EE.UU. Francia e Inglaterra), é fundamental para sosteren a cultura da paz, tan necesaria nas nosas conciencias e nos nosos feitos, e para que non se consuma outro xenocidio.

O mundo está tolo, dicimos, inxenuamente ás veces. Mais quen perdeu o xuízo en base á obsesión polos beneficios económicos é esta elite que controla os gobernos e a economía mundial, afeita por costume a matar. Terroristas de estado que campan por todos os países coa lei imposta (sen avalar democraticamente polos pobos), e co armamento criminal. Nos mares periféricos matan sen remordemento, e aquí, nesta xeografía aureolada  de democracia (que sarcasmo), simplemente, asédiannos desde os medios de comunicación para que bendigamos a mentira e lles rendamos submisión. A doutrina do Shock, dos maquiavélicos chicago boys de Milton Friedman, imponse, e nós, amedrentados polo futuro, ofrecemos as nosas cabezas ao ditado dos que mandan. Siria non está lonxe, pois é a cara cruel do que todos e todas padecemos. Manter hoxe unha práctica nacionalista e antiimperialista, é a mellor arma para combater este terror. Sábeno ben os fanáticos do capital, de aí o interese en bombardear arreo os as poucas organizacións políticas que quedan en Europa capaces de lles enfrontar a verdade. As divisións e deslealdades que sufrimos teñen que ver, obxectivamente, co ataque dun inimigo que está a mover todas as forzas reaccionarias coas que conta: Igrexa oficial, todos os medios de comunicación, gobernos entregados ao seu suborno, e, sibilinamente, o aproveitamento dos inxenuos e inocentes para a súa causa...

A camelia que ía ser un símbolo aparentemente transformador, esfóllase fronte ao teatralizado, como se o destino se empeñase en mostrar o camiño real a seguir: humilde, respectuoso e unido na tarefa real do combate colectivo. Así que, firmes e constantes, digamos algo, fagamos algo, aínda que sexa un pouquiño, para que o último baluarte antiimperialista que queda en Oriente non sexa devorado polos lobos.


[08-03-2012 17:59] Pancho comentou:

Buscando información sobre as \"revolucións árabes\" atopo un xuizo recente de Samir Amin sobre Siria (incluido nun artigo na www.rebelion.org) que non me resisto a reproducir a continuación, porque coido que, sen contradicir o que di Lois, axuda a comprender a situación de forma máis completa, facilitando que desde a esquerda e o nacionalismo revolucionario se faga a denuncia da política criminal do imperialismo ao temo que se recoñece que tamén existe unha lexitima loita popular -manipulada a favor do ataque imperialista- contra unha dictadura,

\"El drama de Siria



El régimen de Bashar el Assad no es ni más ni menos que un régimen policial que acompaña la sumisión a las exigencias del “liberalismo” mundializado. La legitimidad de la rebelión del pueblo sirio es indiscutible. Pero la destrucción de Siria constituye el objetivo de los tres asociados que son Estados Unidos, Israel y Arabia Saudita que movilizan con esa finalidad a los Hermanos Musulmanes y los proveen de armas. Su eventual victoria –con o sin intervención extranjera – tendrá como resultado el desmembramiento del país, la masacre de los alauitas, de los drusos y de los cristianos. Pero no importa. El objetivo de Washington y de sus aliados no es liberar a Siria de su dictador, sino de destruir el país, como no era liberar de Saddam Hussein a Irak, sino destruirlo.\"

[12-02-2012 18:52] irish comentou:

Partindo do respeto e da admiraciòn polo autor, unha crItica construtiva:

http://pda.elpais.com/index.php?module=elp_pdapsp&page=elp_pda_noticia&idNoticia=20120211elpnepint_16.Tes&seccion=int



E outra:

http://ml.spiegel.de/article.do?id=814327

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









50 Aniversario da UPG


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#com