03:46 Xoves, 20 de Xuño de 2013
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

01-02-2012

Non podo evitar a tentación de tamén ir á moda exercendo de benególogo

A militancia falou: adiante co BNG!

Valorar (74)

DUARTE CORREA PIÑEIRO



Non era a miña intención  escribir un artigo sobre a XIII Asemblea Nacional do BNG, é máis, eu adoito adicar as miñas colaboracións do primeiro día de mes no Terra e Tempo a cuestións de política internacional, pero tendo en conta que as "análises" ao respecto do que "fixeron/non fixeron/deberían ter feito" os e as militantes da fronte nacionalista nesta pasada fin de semana enchen os medios de incomunicación non podo evitar a tentación de tamén ir á moda exercendo de benególogo.

Foi a pasada unha fin de semana densa e tensa, cos focos postos no mercado de gando de Ámio onde milleiros de compañeiros e compañeiras escorrentamos o frío debatendo, aportando, escoitando e decidindo, sendo a fase final dun proceso asembleario iniciado alá polo mes de xullo, algo que non debería estrañar pois é o que o BNG leva facendo desde o ano 1982.

A densidade veu coma sempre na nosa organización polos documentos postos enriba da mesa; en primeiro lugar un informe de xestión do Consello Nacional saínte no que se incluía o traballo do conxunto de militantes desde maio de 2009 até agora, un traballo duro no que fomos quen de respostar ás agresións que sofreu neste período a nosa nación (idioma, caixas, reforma laboral e das pensións, etc...) respostas nas institucións e na rúa; como dixeron algúns dos compañeiros e compañeiras que subiron á tribuna sen o motor do BNG non se tería erguido un movemento de loita contra as agresións ao noso idioma e sen o traballo parlamentar do BNG apenas habería coñecemento das medidas regresivas aprobadas por PP/PSOE en Galiza e no estado.

En segundo lugar a aprobación da tese política  que guiará o noso traballo no vindeiro período, tese aprobada polo 66,8% da militancia e que contou coa inclusión dun número moi importante de aportacións feitas no proceso previo de debate comarcal, algunha delas presentada por min mesmo.

A tensión, como é lóxico nunha organización viva apareceu nas distintas intervencións, unhas máis afortunadas e outras menos, e á hora de definir quen serían as 50 persoas que formarían parte do novo Consello Nacional, portavoz Nacional e candidato á Presidencia da Xunta de Galiza. Unha tensión desgraciadamente acrecentada polo que choveu nos últimos meses, choiva que tamén cómpre decilo non sempre caía do ceo. A tensión hóuboa pero ao meu ver o acto de clausura e a ovación que se lles deu aos compañeiros e compañeiras que eliximos supuxo un balde de auga fría para os agoireiros.

De dar voz á militancia falouse e escribiuse tanto nestes meses que a min ás veces dábame a impresión de que algunhas das persoas que facían esa reivindicación e falaban de "secuestros" referíanse a outra organización e non ao BNG, pois cando menos no BNG do que eu teño carné que é o único BNG que existe, a militancia sempre falou e foi SEMPRE esa militancia e non un senado romano imposto a que decidiu. Outra cousa é que unhas veces coincidamos e outras discrepemos do que decide a militancia, sendo ese un dos valores da democracia.

O proceso de debate asemblear rematou, temos uns documentos aprobados que deben servirnos de guía para o traballo e en poucas semanas completarase o novo Consello Nacional parellamente á elección de Consellos Comarcais e Locais, órganos  nos que coma foi sempre todas as persoas que os integren terán voz e voto porque no BNG seguimos sen ter militantes de primeira e militantes de segunda.

Non me gusta nun proceso interno falar de "armarse" ou "desarmarse" pero dado que hai quen aínda segue empregando eses conceptos deberíamos todos e todas buscar que canto antes cicatricen as feridas; e para iso non hai mellor remedio que asumir o que a militancia decidiu, abandonar os posicionamentos goberno-oposición que algúns mantiveron nesta última etapa, amosar a disposición real e non só formal a asumir responsabilidades, e remar todos e todas no mellor instrumento político co que conta Galiza.

Mariano Rajoy vén de convocar unha Folga Xeral sen marcar aínda data, Feijó mantén a súa política de desmantelamento de servizos públicos, Merkel e Sarkozy queren afondar no nivel de degradación das nosas condicións de vida e posta en perigo dun futuro digno para as novas xeracións. Fronte a todo iso e collendo as palabras dun compañeiro que se deu de alta hai poucos meses no BNG e participou por primeira vez nunha Asemblea Nacional "...coido que hai que deixar de facerlle caso aos pirómanos...".

Agora toca como dixo o noso portavoz nacional "... calzar as botas, actuar, sumar sociedade a favor dunha Galiza máis libre, máis digna, máis xusta."


1 2 3 seguinte

[09-02-2012 20:12] Sopinstant comentou:

Estou contenta co resultado da asemblea nacional e ca aprobacion das teses. Poderemos ter un réxime como o de Corea do Norte. Botei de menos unha comisión para lanzar XA a emisión de RADIO COREA INTERNACIONAL, para que chegue a todos os currunchos do pais as consignas do Comité Central do Partido dos Traballadores de Corea. Axiña terémola en marcha.

Adiante xa, co BNG ¡¡¡

Ea, ea, ea, de "vacas" a Korea ¡¡¡

Camarada Kim Jong-un, túa dieta é o camiño ¡¡¡

Sopinstant

[08-02-2012 19:09] Dudu Blanc-Amour comentou:

DENDE A REPUBLICA BOLIVARIANA DE VENEZUELA

SAUDA IRMAN DUARTE. UNHA ASAMBLEA TAN POLARIZADA (POLITE?, UN DICIR) COMO A XIII DO BNG CA TENSION PREVIA E AS INTENCIONS DE RUPTURA OBRIGA A SER MAIS CRITICOS. ¿GAÑAMOS? ¿QUE GAÑAMOS? ¿SUMAR? ¿E ISA A INTENCION? ¿GORENTAMONOS DA POST-ASAMBLEA? ¿COMO SERA A XIV? NON ME ASTREVO A DICILO. POUCOS, PERO MOI FIRMES.

HAI UNS ANOS BOTARON NUN CANAL LOCAL DE TV, AQUI EN CARACAS, UNHA SERIE DE ANIMACION, DE CARTOONS, DUN NENO VIKINGO. VIKY O VIKINGO, E A SUA CANCION ERA ALGO ASI: SOMOS CEN, CONTA MIL...

...POIS ISO, AXIÑA NO BLOQUE SOMOS CEN, CONTRA MIL... O BNG VIKINGO -E QUE ME PERDOEN OS DE CATOIRA-.

[08-02-2012 18:50] Cioran "O Zurrapa" comentou:

Benquerido Duarte.

A militancia falou alto e claro, pero non todos ouvimos o mesmo. Será que a militancia berrou de máis. Por certo,... era tan complicado que toda (TODA) a militancia falase nunha Asembleia Nacional (AN) como sempre foi?. Daquela, hai non moito, ti Duarte e outros coma ti, defendiades que a militancia "delegase" o seu voto para AN... mais non teñas dúbidas que na próxima AN o que vas votar de menos son "tantos militantes" como nista... estaredes os 500 de sempre.

Saúde camarada.

Cioran "O Zurrapa"

[08-02-2012 09:39] Xanc comentou:

E agora di Pérez Bouza que saiu un BNG da Asemblea para montar manifestacións... Que non se sinte representado... Vaite meu amigo e pecha a porta ao saír. Cabeza de lista nas Xerais (resultados pésimos en Ourense), Senador do BNG e nuca visto (ou case) no traballo a pé de rúa. Vamos, que prefire a moqueta que a rúa! Pois o dito. Outra cousa a ver se alguén ma pode aclarar: os de EI non son os que queren estar a pé de rúa, cos colectivos sociais, etc ? Menudo rebumbio de moqueta e rúa. Eu sigo co BNG máis que nunca: a pé de rúa, cos traballadores, coa CIG, coas manifestacións, na loita o breira, na Defensa do Público. Por certo, pechade a porta ao saír que vai moito frío, compañeiros!

1 2 3 seguinte
Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Homenaxe a Marica Campo, XIX Edición "A escritora na súa Terra"


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#bautistaalvarez#code#org