Neste ano que remata coñezo varios casos de parellas que puxeron fin á súa relación e que, por tanto, tiveron que enfrontarse á situación de "regular" a custodia das súas crianzas. Tendo en conta a diversidade de cada unha das situacións por min coñecidas, houbo casos de sinaturas de acordos reguladores e divorcio "express" satisfactorios para ambas partes, que se resolveron axiña; tamén casos onde decidiron de mutuo acordo non asinar ningún documento, e por tanto ser flexíbeis no que respecta ás visitas e estancias das crianzas en casa do proxenitor que non residía na casa con estas, e tamén casos "nada amizosos" que remataron o xulgado con demandas cruzadas de custodia. Só coñezo un caso no que un dos proxenitores solicitou a custodia compartida. Son só exemplos que me tocou vivir, e non teñen valor estatístico nin representativo, por tanto, do abano que se dá na sociedade. Pero veñen ben acaídos para ilustrar un debate que está a darse na sociedade nos últimos anos, e do que non pode escapar un posicionamento ao respecto.
Logo da aprobación da Lei de Igualdade nas Relacións Familiares ante a Ruptura de Convivencia dos Pais aprobada polas Cortes aragonesas no ano 2010, varias comunidades do Estado español posicionáronse publicamente a favor de facer reformas similares. Aragón, Cataluña e Valencia xa están a aplicar este modelo. Fica agora pendente de trámite parlamentar o caso de Galiza, aínda que de momento non se chegou a concretar o proxecto.
O debate está na rúa, logo dunha polémica xurdida a raíz da celebración en Lugo o pasado mes de outubro dunhas xornadas que xa foran canceladas no verán polas presións de organizacións feministas, quen denunciaron que se empregaron recursos públicos para difundir contidos con claros sesgos de xénero, como é o caso da divulgación do Síndrome de Alienación Parental (S.A.P.) utilizado na última década no eido xudicial para xustificar argumentos para cambios de custodia, e que vén sendo denostada por expertos/as en violencia de xénero, desde xuristas ate persoal sanitario.
Cando a calquera se lle pregunta abertamente que pensa da custodia compartida, de entrada a maioría entende que é o mellor para as crianzas, dado que supón que ambas se benefician do contacto con ambos proxenitores, pero non reparan en que do que estamos a falar é dun modelo que entraría en vigor cando non hai entendemento por parte da -agora ex-parella, e mais que de "custodia compartida", estaríamos a falar de "custodia dividida".
É dicer, que naqueles casos onde non é posíbel chegar un acordo en relación á custodia das fillas e dos fillos, o xuíz ou xuíza do caso decidiría por eles e estabelecería un modelo no que a/s crianza/s deberían pasar a vivir uns días en casa do pai e outros en casa da nai (ou en caso de unións do mesmo sexo repartirían o tempo en casa de cada membro da parella). Impor por lei o que voluntariamente non foron quen de facer polo ben das súas crianzas non vai supoñer unha medida que lle beneficie a estas, senón todo o contrario, xa que non van compartir os coidados e a responsabilidade, e no canto de compartir, o que fan na práctica é "repartir" aos fillos/as os días que a cada quen "lle toque" telos.
Pretender unha solución imposta xudicialmente, no momento de máis tensión e conflito na parella, non parece a medida máis razóabel nin eficaz. Todo o contrario, a imposición só contribuirá a elevar o nível de conflito e a por en perigo o benestar e estabilidade emocional das e dos menores.
No debate fronte á custodia compartida como opción preferente, non sempre se ten coñecemento de que o actual marco legal xa contempla a posibilidade de acordar o exercizo compartido da garda e custodia dos fillos e fillas cando así o soliciten as/os proxenitores na proposta de convenio regulador ou cando ambos cheguen a este acordo no transcurso do procedemento (artigo 92.5 do Código Civil).
O cambio que se pretende implantar é incompatíbel coa filosofía que debe prevalecer nun réxime de custodia compartida, que debe outorgarse cando exista unha decisión libremente adoptada por ambos proxenitores, e un compromiso real das responsabilidades que comporta, no que as discrepancias entre os adultos non deben prexudicar ao desenvolvemento persoal da/o menor, pois ante todo debe prevalecer sempre o interese da/o menor que é a quen verdadeiramente hai que protexer.
Non é coincidencia que os cambios lexislativos teñan lugar en comunidades gobernadas pola dereita que nos últimos tempos veñen aprobando medidas dirixidas á devolver o rol tradicional de nai coidadora/sustentadora do fogar á muller (Lei de apoio á familia e á convivencia de Galiza) que desde os poderes públicos financian a organizacións católicas e ultraconservadoras tales como Redmadre, Ayuda a la vida, Rebaño de María, Siervas de la pasión, Betanía de Jesús de Nazareno e outras moitas para que asesoren ás mulleres en relación á súa maternidade.
Tampouco o é que moitos dos homes organizados en asociacións a prol da custodia compartida presionen a organizacións políticas como ao PP no seu día, (agora tamén apoian abertamente a UPyD) para que paguen a peaxe do arroupe que fixeron no seu día a estas organizacións e realicen xa cambios lexislativos, nin tampouco o é que difundan entre a xustificación para acadar a custodia compartida en caso de divorcio contencioso sen acordo entre os proxenitores, que o feito de estar en contra da medida supón unha estratexia para manter o dereito exclusivo das mulleres respecto da atención e coidado cotiá das e dos menores, ou para defender os dereitos económicos das mulleres. Ou que empreguen termos neomachistas, como referirse ás organizacións feministas como "feminazis"; definir a lei integral contra a violencia de xénero como "lei sexista", xustificando que a maior parte das denuncias presentadas polas mulleres son falsas; e que pretenden achegar datos obxectivos que amosen que as mulleres son tan violentas coma os homes, que as relacións lésbicas son máis agresivas que as homosexuais, que as mulleres son as que primeiro inician as agresións e non como defensa ante os homes, ou que as mulleres matan e maltratan aos fillos e fillas o dobre que os homes!!!, verdadeiras expresións de apoloxía da violencia, tanto sexista, como racista e homófoba. O mundo mudou moito desde a sociedade das cavernas, e pese a que as prácticas patriarcais do "macho" xeran rexeitamento social, estas xustificacións empregadas para defender o modelo, amosan que aquelas costumes só mudaron de aspecto e forma.
Os teimudos pasos que se deron nas ultimas décadas para conseguir a igualdade están a ser paralizados dun xeito brutal por parte dos sectores máis conservadores da sociedade. E agora que fomos quen de lexislar pequenos avances na conquista, pretenden ampararse na legalidade para facer os recortes. E lexislan coercitivamente para acadar unha suposta igualdade obviando que o reparto de responsabilidades estabelécese na propia convivencia da parella. Pero non se aborda a verdadeira implicación corresponsábel de ambos proxenitores desde o nacemento das crianzas.
Por que non avanzan as medidas dirixidas a acadar unha maior implicación dos pais/outros proxenitores no coidado dos fillos e fillas? Porque os poderes públicos seguen a ser tan teimudos na equiparación dos permisos por nacemento/acollemento e adopción para ambos? Porque non se inviste nunha política real de conciliación, cunha racionalización dos horarios laborais, cunha rede pública de escolas infantís?
Hai outras fórmulas que facilitan a participación de ambos proxenitores na vida das súas crianzas sen que afecten á súa estabilidade. Porque un exercizo da custodia de xeito responsábel se basea no convencemento de que os cambios neste ámbito só son posíbeis coa complicidade de toda a sociedade, de homes e mulleres.
[15-12-2011 21:01] Francisco Torrente Hortas comentou:
1.- Saín a defender -obrigado por alusións directas- unhas xornadas públicas multicisciplinares sobre “A custodia compartida en Galiza”, en formato participativo, abertas e sen costo algún para todo o mundo que quixo participar nelas, nas que participou, e cito por orde de intervención, a Fundación Preescolar na Casa, a Asociación Sociopedagóxica Galega, a E.U. do Profesorado de Lugo, a decana da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte de Vigo e catedrática de psicoloxía xurídica do menor, a psicóloga do Gabinete de Orientación Familiar de Lugo, José Manuel Aguilar, doutor en psicoloxía, Ramón Arce Fernández, catedrático de psicoloxía social da USC, María Dolores Seijo Martínez, profesora de psicoloxía social da USC , o Fiscal Xefe da Fiscalía provincial de Lugo, Ignacio Bermudez de Castro, avogado especialista en Familia,o Xefe Provincial de Clínica do IMELGA, o presidente da Audiencia Provincial de Lugo, a Asociación Xuíces pola Democracia, a Asociación Foro Xudicial Independente, un deputado do GP do BNG, un deputado do G.P. do PP -unha deputada do G.P. do PSOE tiña comprometida a súa participación pero nin veu nin se escusou-. Mónica Oltra, avogada e portavoz da Coalició Compromís, María Herrero Herrero, coordinadora da ponencia da Lei aragonesa de igualdade nas relacións familiares ante a ruptura de convivencia dos pais, de Elena Martínez Hens, directora do departamento de dereito privado da UV e de Marta Otero, profesora de dereito civil da USC. Como se pode ver un abano moi amplo e plural. E resúltame terrorífico ver o nivel de DOGMATISMO e descoñecemento dos temas tratados nestas xornadas que se manifestan neste foro por parte duns detractores que parecen que falan de ouvido, e demostran non saber de que foron as xornadas que critican nin de que vai a día de hoxe o debate sobre custodia compartida nos foros con profesionais e operadores xurídicos que teñen que buscar solucións. Eu quedo coa impresión de que van unicamente ao seu, inventando os temas que nos achacan para mellor poder descualificar, sen ter que dar a cara, a calquera que se atreva a dicir nada que poida cuestionar as súas prácticas noutros eidos distintos (polo que se pode ver en temas de “muller”), que parecen reivindicar como os seus cotos privados, nos que parece que se creen lexitimadas/os para marcan obxectivos absolutos que se creen que poden impoñernos a todos/as, sen admitir discusión nin competencia con outros intereses, aínda que estes sexan de nenos e nenas nunha especial situación de vulnerabilidade. Magoa.
2.- Tanto en Lugo (e ao detractor “Lois” e a detractora embozada como “Sastipen Thaj Mestipen”, ambos desta localidade, así lles consta) como en Oleiros, os representantes do G.P. do BNG -por certo tres deputados e deputada distintos- que viñeron as nosas xornadas precisamente en representación do BNG, designados polo BNG e non por nós, manifestaron pública e claramente o seu apoio á preferencia da custodia compartida sobre a custodia exclusiva dun/ha só dos proxenitores. En canto á Euskadi, alí van máis avanzados que en Galiza, teñen pronunciamento a favor das tres deputacións forais e tamén do Parlamento, e nas xornadas celebradas en Donostia, Bilbao e Vitoria, emprazaron a todas as forzas políticas a definirse, pronunciándose todas (entre elas Bildu primeiro, antes de formarse Amaiur, en Donostia e Bilbao, e Amaiur despois,en Vitoria),a favor da preferencia da custodia compartida agás o PSOE e Izquierda Unida. ¿Porqué aos detractores da preferencia da custodia compartida lles da por dicir que estes pronunciamentos publicos de representantes políticos alí onde se lles chama precisamente para que se definan sobre este tema as forzas as que representan son “persoais”, e non aplican esa mesma incomprensible “regra” cando se trata doutros temas, nos que todo o mundo entendemos que a postura pública que manifesta un representante político ao que a súa organización lle encarga a defensa dun determinado tema, é unha postura política da forza á que representan? .
3.- A preferencia da custodia compartida avanza ano a ano -así o confirman as estatísticas, tanto en Galiza como en todas partes- e seguirá avanzando, mal que lles pese aos que se senten contrariados por esta realidade, porque son cada vez máis os paisais, os responsables públicos e os profesionais e operadores xurídicos conscientes -despois de multitude de estudos e de experiencias practicas- de que os nenos e nenas fillos/as de pais separados teñen dereito e precisan de todo o coidado, o afecto e a educación que lles podan dar tanto a súa nai como o seu pai (que son os que lle tocaron en sorte, coas súas virtudes e os seus defectos, e coas excepcións minoritarias que compra facer cando algún/ha este incapacitado/a para exercer como nai ou como pai) como dos seus avós e o resto de toda a súa familia .
4.- Coincido co expresado por Robert Neal Baxter, e creo que este foro dixital, para aqueles que o apreciamos e visitamos regularmente, merece que os temas se traten con máis rigor e máis respecto.
[15-12-2011 20:05] Xan Carlos Carneiro Perez comentou:
Sr. Robert Neal Baxter. Lamento sinceramente as formas dos post de onte.Ten razon. Sintoo. Nin era o tono nin o sitio adecuado e ademais e certo que non argumentei. Falteille ao respeto a autora e a Catuxa. Non volvera suceder. Disculpas asemesmo a vostede. Saudos
[15-12-2011 16:24] Luísa González comentou:
Conviña que tivésemos o mesmo empeño e énfase, todas e sobre todo TODOS, en promover relacións iguliatarias, equitativas e corresponsables entre ambas partes da parella, e na parella con relación ás crianzas. Hai un grave problema social, como é a falta de implicación dos homes na atención e coidado de personas dependentes, incluíndo menores, que non é exclusivo das parellas divorciadas, senón que afecta a totalidade das familias. O reparto equilibrado entre mulleres e homes das responsabilidades familiares é unha das reivindicacións do feminismo e un dos obxectivos das políticas de Igualdade desda xa fai décadas. Sería importante que que se a posición sobre a cal vos asentarades nesta posición e a defenderades coa mesma forza. E iso, ía suponer un maior avance de cara a unha sociedade máis xusta, igualitaria e onde as responsabilidades parentais se exerceran en pé de Igualdade.
E por iso, porque estamos a falar de menores, e porque esas meniñas e meniños son o futuro deste país, por iso, é importante falar desta cuestión tan controvertida nos últimos tempos.
Gústame o título deste artigo porque evidencia claramente a de voltas que se lle está a dar ao tema da custodia compartida que non ven a ser máis que unha esfera da patria potestade que teñen ambos proxenitores na maioría dos casos ( 95% ), xa que o exercizo da patria potestades só pode ser restrinxido por sentenza penal …Polo tanto, non ter a custodia non significa perder a posibilidade de contacto e relación cotiá cos menores. A custodia compartida non é solicitada na maioría dos tribunais . Só nun 22% dos casos de procedementos contenciosos, que son, aproximadamente, un 10% do total de divorcios no Estado Español. A custodia compartida é posible, incluso, cando as partes estean en desacordo. Iso está regulado xa.Pero non nos vale, hai que darlle máis voltas. E aí é onde está a cuestión, por qué se lle quere dar tantas voltas?? Simplemente co obxecto de confundir e desviar unha realidade cara a creación doutras realidades subxectivas que responden a meras individualidades. Meras individualidades que teñen como finalidade ( conscente o inconscentemente) mantér e perpetuar os mecanismos que sustentan o sistema patriarcal.
Por outra parte, quixera matizar, que o nacionalismo galego, o BNG non ten ningún posicionamento respecto a esta cuestión. Outra cousa é que existan persoas ou cargos públicos que a defendan. Pero a organización, como tal non conta con posicionamento ao respecto. Supoño que se coñecerá ou se definirá esa postura cando adar resposta oa proxecto que está elaborando o goberno galego de Feijó.
Por outra parte, tampouco me consta que Amaiur teña defendido tal posición. Primeiro, porque Amaiur non é mais que unha ferramenta electoral conformada por agrupacións de diversas forzas políticas que se xuntaron en base a uns puntos mínimos, consensuados sen máis precisións, e deixando fora a unha gran cantidade de problemáticas particulares que requiren tempos de discusión.
[15-12-2011 12:56] Lois comentou:
Parabéns a Margarida polo artigo. O tema da custodia compartida estase utilizando por sectores sociais dentro de todo o estado español co obxectivo de reducir avances na loita de igualdade das mulleres, utilizando ademais como argumento o dereito do nenos e nenas a ter un pai e unha nai. Efectivamente ese dereito existe, pero existe desde o nacemento da crianza e por desgraza os homes estamos moi lonxe de exercer a corresponsabilidade nas nosas vidas de parella (falo en xeral non de casos concretos ). Por qué falamos de esta problematica após un proceso de separación, ou é que o grado de corresponsabilidade exercido por cada proxenitor durante a vida en parella non hai que varolalo á hora de establecer a custodia. Tampouco hai que establecer como se produce a ruptura da parella? Non hai acaso que falar dos vencellos emotivos do neno/a cos proxenitores á hora de establecer o réxime? Qué facemos cun neno ou nena que tome teta?.
A custodia compartida xa existe no réxime legal existente, tentar impoñela como preferente coido que se debe máis a intereses dos/as proxenitores/as ca dos intereses dos nenos e nenas.
Para rematar, o primeiro comentario fai referencia a posicionamentos de esquerda refuxiandose en siglas, eu convido a todos e todas a que fagades unha navegación polas páxinas das distintas plataformas que defenden a custodia compartida no estado español e cada quen saque as súas conclusións...xa que penso que todos e todas os que lemos o terra e tempo temos suficiente madurez politica para sacar consclusións.
Os campos marcados con* son obrigatorios.
© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#bautistaalvarez#code#org