Inspirado en parte por unha resposta recibida a raíz dun comentario que fixen acerca do artigo Celtas, pêro que celtas?, esta miña entrega mensual pretende ir máis aló do anecdótico para tratar unha cuestión que transcende o tema concreto do substrato céltico do galego, atinxindo un asunto de maior alcance xeral que creo debería ser motivo de preocupación, nomeadamente a confusión entre a expresión da ignorancia e o dereito de expresión.
Fomentada polo relativismo postmodernista, calou na sociedade a idea de que todo é 'opinábel', que a realidade é sempre múltipla e que todas as opinións son sempre igualmente válidas. Para alén de falso, trátase dun dogma perigoso. Entendámonos: a mesma realidade pode interpretarse de diferentes xeitos, mesmo antagónicos, mais o que non mudan son os feitos obxectivos sobre os que se sustenta a realidade.
Asistimos desde hai algún tempo a un secuestro semántico, á imposición subrepticia da perversión ideolóxica neoliberal do concepto de 'liberdade' impulsada desde a dereita (p.e. radio Libertad Digital, a Asociación Nacional por la Libertad Lingüística, Premio FAES de la libertad, a cuña 'somos libres' da COPE, etc.), entendida como un tótum revolútum de opinións onde todo e calquera cousa vale por igual e que nada ten a ver coas arelas de verdadeira liberdade popular que existían durante o franquismo e que algúns destes 'liberais' tanto tardan en repudiar.
De cara ao público, esta nefasta deturpación da 'democracia participativa' plásmase no espectáculo mediático da tertulia, que consiste en seleccionar (non o esquezamos!) e reunir unha serie de 'persoeiros' que se quere proxectar como opinador@s profesionais para sentaren cátedra sobre un amplísimo abano de temas sobre os cales a miúdo -non sempre- non teñen absolutamente ningún coñecemento que os avale. A farsa do faladoiro serve para reducir ao nivel da frivolidade estéril da parrafada de baiuca calquera debate de fondo calado social, impedindo a resolución efectiva dos problemas reais ao ocultar a súa verdadeira natureza. Sen entender a realidade tal e como é, non se pode axir, nin construír sobre ela.
Con todo, sempre hai quen prefire 'expresarse' sen o incómodo couto de ter que confrontar as súas opinións con críticas discrepantes baseadas en feitos contrastados: "[...] en troques de aplicar tanto esforzo a xulgar e descualificar as opinións dos demais, fora máis enriquecedor, simplesmente, aportar [sic.] a nosa opinión persoal e disfrutar [resic.] do contraste de opinións". Dáse a entender, pois, que deslexitimar os argumentos de alguén por non se conformaren á realidade sería sinónimo de 'censura'. Mais non o entendo así: non todo o que se conta no bar do Puskas vale para ser publicado nunha revista de reflexión seria como esta.
Obviamente, cada un/ha é libre de opinar o que queira. No entanto, non se debe confundir o desexo de a realidade ser dun determinado xeito e a propia realidade, por non dicir o cu coas témporas. Pódese defender que o sol xira ao redor dunha terra plana, que a lúa está feita de requeixo ou que os homes brancos son máis listos que as mulleres negras (ou vice versa), etc., mais non por iso ha ser certo á luz dos factos. Así, 'contrastar opinións' sen contrastar os feitos nunca será máis que unha soberana perda de tempo, tan útil como debater sobre o sexo dos anxos.
En realidade, o pensamento neoliberal do 'todo vale' serve para confundir e ocultar a realidade, impedindo así calquera acción real e efectiva sobre a mesma para mellorala. E é que, pese a quen pesar, os factos non son sempre opinábeis: o método científico que nos permite avanzar non é democrático.
A combinación do método científico e a dialéctica marxiana dános as chaves para progresarmos de xeito racional no canto de nos apoiarmos en preceptos máis propios da fe relixiosa. Así, cómpre reparar nos factos froito da investigación, sintetizalos, analizalos, interpretalos, contrastar as diferentes interpretacións (xa non simples 'opinións'), exercer a autocrítica e a rectificación para asentar as bases dun coñecemento rigoroso da realidade, rexeitando debates estériles e conclusións que non están validadas polos datos empíricos.
Acúsaseme de elitismo académico ao afirmar: "Como se siga a esgrimir a necesidade de ter título universitario para facer un artigo, vai chegar o momento en que só van poder opinar os premios nóbel". Ante todo, cómpre dicir que a acusación é falsa, pois en ningún momento dixen -nin moito menos creo- que faga falta unha licenciatura para formular argumentos pertinentes. De feito, eu mesmo escribo sobre temas sen contar cunha formación académica específica na materia, mais sempre procuro fontes fide dignos que sustenten o meu argumentario, e ficando disposto a mudar de parecer se os feitos cos que me atopo contradín as opinións de partida.
O que máis é, creo que as persoas que temos o privilexio dunha educación universitaria e que detemos as chaves do método científico temos o deber de devolvermos este coñecemento á sociedade no seu conxunto e no seu beneficio. Así, como socialista comprometido que son, acho atinada a 'teoría marxista do coñecemento' expresada por Mao en termos de "das masas, ás masas", iso é, ficar atento ás opinións do pobo baseadas na experiencia vivida ('aprender'), e asemade colocar ao seu dispor os elementos e metodoloxía necesarios para analizalas e sistematizalas de xeito coherente e científico ('ensinar').
Non se trata, pois, de denegarlle a ninguén a posibilidade de se expresar libremente. Porén, cando se trata de foros máis formais como este, entendo que se pode exixir un mínimo de rigor, contrastando datos e, se couber, corrixindo as análises.
O proceso de adquisición de información para a súa posterior análise xunto coa procura permanente de información nova ('investigación') é o sustento do que denominamos 'aprendizaxe'. Achegar datos novos non se fai nun afán malvado de rebater opinións contrarias, senón de construír para avanzarmos cara á verdade.
Pola contra, opinar por opinar non é máis que ignorancia disfrazada de liberdade de expresión e leva ao estancamento, condenando a sociedade ao inmobilismo. O método científico, en troques, permite a verdadeira confrontación de interpretacións dos factos obxectibábeis e serve de motor para a sociedade avanzar.
Aínda que descontextualizado, acredito no acertado da sentenza de Mao Zedong: "Sen investigación non hai dereito á palabra".
[30-11-2011 09:55] Gaelego comentou:
Eu já retruquei ao pouco afortunado (por nom dizer insultante) comentário do Neal-Baxter. Porém, e mais umha vez, Terra e Tempo está pola censura e nom quer publicar a minha resposta. Devo supor que o que se fai a este voz discordante se fai tamém a outras?
[29-11-2011 18:52] Gaelego comentou:
Mister Baxter,
a criaçom do galego "lingua reXional" foi umha obra carente de rigor e coerência científica, porque o seu propósito político foi o de contribuir para a conservaçom do status quo geopolítico peninsular (no qual nom há lugar para a naçom galega, à que o senhor pretende aderir). Isto está mais que demonstrado.
Nem vou perder mais o tempo com quem carece da honestidade para reconhecer a evidência e ainda por riva pretende dar lições dela.
[29-11-2011 11:48] Robert Neal Baxter comentou:
Caro Gaelego,
Xusto diso vai o meu artigo: a capacidade que ter certa xente (neste caso ti) de dicir sandeces sen fundamento, como se o simples facto de dicilo o tornase verdade.
Un pouco de honestidade intelectual (ou honestidade ás secas, se prefires).
Recomendo que leas (para alén doutros artigos meus publicados no Terra e Tempo) o seguinte artigo meu se realmente queres saber (dudídoo moito - o primeiro é insultra esperando que algo pegue...) o que penso a este respecto, aínda que algo evoluiou un chisco deste entón:
Baxter, Robert Neal (2002) 'El paper de la trducció en la consolidació de la percepció social del gallec como a Abstandsprache', Quaderns. Revista de Traducció 7 [167-181]
[28-11-2011 23:04] Gaelego comentou:
O pensamento liberal do "todo vale" foi o que deu lugar ao galego "lingua reXional", que tem ainda menos base científica que o gaélico galego. Porém você não tem reparos em apoiar todo o seu discurso nesse princípio falacioso. O falar não tem cancelas, é verdade.
Os campos marcados con* son obrigatorios.
© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#bautistaalvarez#code#org