17:13 Luns, 22 de Decembro de 2014
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

26-03-2011

Foi a Asociación Cultural de Meiro a que hai máis dunha década botou a andar de novo a moa do muíño da aldea

Morrazo, millo corvo, queimada e esconxuros

Valorar (10)

RUBÉN ARAMBURU MOLET


Millo corvo

1.MORRAZO

Asolagados de tanta violencia, desgrazas naturais e crises monetarias veño hoxe cunha oferta ben interesante: a celebración da XIII edición da festa do Millo Corvo, na aldea de Meiro no Concello de Bueu. A convocatoria é para os días 2 e 3 de abril, unha boa ocasión para achegarse ao Morrazo e coñecer lugares espectaculares como os cabos Udra e Home onde podemos ascender ao monte Facho e visitar un dos templos "pagáns" da nosa terra, o do deus Berobreo xunto cun poboado castrexo.

Desde a estrada que conduce de Bueu a Cangas tomamos un desvío á esquerda no Alto da Portela  que indica o camiño cara Ermelo, antigo ermo beneditino polo que pasou o P. Sarmiento na súa viaxe por Galiza deixando anotacións sobre as inscricións medievais que hai na igrexa. Paga a pena ascender desde o templo ata a Cruz de Ermelo, impresionante atalaia sobre as rías e as illas atlánticas. Pouco antes da subida á parroquia de Ermelo atopamos a aldea de Meiro onde rexurde o Millo Corvo.

2.MILLO CORVO

Foia a Asociación Cultural de Meiro a que hai máis dunha década botou a andar de novo a moa do muíño da aldea. Querían recuperar unha caste de millo propia do Morrazo e case que extinguida: o millo corvo. A festa non ten nada que ver con moitas das citas gastronómicas das que a nosa terra esta ateigada. É ante todo a recuperación dun tempo, dunha relación coa terra e coa xente e coma eles describen:

"Lembrando e valorando o bo facer dos nosos antergos traballamos no presente mirando cara o futuro, ensinándolles aos nenos o valor da biodiversidade e convidándoos a participar dos sucesivos procesos do cultivo da espiga moura, empregando os apeiros dos nosos antergos no que podería considerarse un museo interactivo vencellado o que se deu en chamar artesanía agroalimentaria. Sen esquecernos das nosas raíces, tendo sempre presente que 'para colleitar soños hai que sementar realidades"

Así o longo do ano van involucrando vellos, mozos e nenos no proceso do cultivo do millo: Sementeira, cava, renda, rega, corta, esfollada...e chega o momento de cocer os bolos de millo negro e saboroso envolto en follas de castiñeiro seco. Comeza a festa na que ademais do millo corvo, atoparemos unha taberna ecolóxica, presentación da revista A lingua do Corvo, actuacións musicais, obradoiros, exposicións, proxeccións documentais.

3. QUEIMADA E MUIÑADA

Unha semana antes da festa ten lugar a muiñada. No vello muíño da aldea todos participan dos labores e tamén hai troula, música tradicional e queimada. Este ano tócame oficiar de esconxurador, convidado pola activa xente de Meiro. Penso na queimada, invento moderno e con algunhas reminiscencias políticas  e esperpénticas que todos recordaredes. Sobre a queimada non hai nada escrito, dicía Cunqueiro, que pensaba  podía ter orixe na caña que os soldados galegos queimaban na Guerra Civil, para sacar o frío e non fixera moito dano ao eliminar o alcohol. A queimada prendeu no imaxinario popular, asegurando raíces ancestrais e míticas, pero é raro atopar algún vello que teña memoria de queimadas. Invento ou non, benvida sexa se serve para facer festa e unir á xente e falar e cantar en galego. Hai moitos mestres en queimadas e coas receitas máis curiosas, creo que o fundamental e queimar ben o alcohol co azucre para que ata a poidan beber os nenos.

4.ESCONXUROS

Xunto a queimada crease toda unha liturxia, unha dramatización que inclúe segundo os lugares, vestimentas, procesións , rezos e esconxuros...Eu son algo crítico con estas lerias pois teño comprobado que deu unha imaxe dunha Galiza "enxebre" por aí fóra, como se non tiveramos outras tradicións tan cultas e serias como as outras nacións. Todos coñecemos aquilo de "Mouchos, coruxas, demos e bruxas..." que tanto fai rir aos españois e dicir que os galleguiños somos moi simpáticos. Con todo o esconxuro, xa que hai que facelo, pódese aproveitar para concienciar. Partindo de que un esconxuro é un rezo, unha oración para arredar maleficios, habería que incluír todos os males que asexan ao noso país: a persecución da lingua, o abandono do campo, a morte da pesca, o paro da mocidade, a violencia machista e os males que veñen sobre outros pobos como a guerra que hai nestes momentos nuns 30 lugares do mundo. Acredito que o mellor esconxuro é unha acción política fundamentada na mobilización social, e na formación de auténticos servidores do pobo, con todo quixen buscar un texto ao que teño querenza por ser do poeta Xosé María Pérez Parallé, o poeta do Penedo aló en Barallobre, Ferrolterra. Home culto e apaixonado pola Patria e pola lingua, maltratado e apartado pola ditadura, pero que endexamais abandonou a loita. Buscou sempre a lingua que manaba do máis sinxelo e tamén do mais entrañable: das xentes que a falaban.

Esta noite esconxuraremos en Meiro, con estas verbas luminosas:

Lume,
Luminha,
que verde caminha
da fraga á lareira
e faise lumieira.
Lume de quentura
para a nossa fartura;
Lume benzoada
que roda a queimada.
Pingota de orvalho;
folla de carvalho;
auga do agoiro,
mel do fervedoiro.
Cerqueira de lume,
sem trasno nen fume,
nen bruxa chuchona
nem meiga dentona.
Rolar muinheiro,
chiscar faisqueiro;
Moxena luminosa,
vagalume rosa.

Viradeira de luz
faremos a cruz :

+ Polo ar da sorte
que escorrenta a morte;

+pola auga da vaída
que sanda a ferida

+pola erva moura
que busca a tesoura

+pola pedra do raio
que mata o meigalho.

LUME
LUME
LUME
LUME LUMEADA
PARA ALOUMINHAR
A QUEIMA QUEIMADA,
NA VIRA,
VIRIDA
DO BORBURELHAR.

Polo San Silvestre
de pau de cipreste;
Chaga de San Roque,
can e palitroque.

Polo San Andrés
e polo Sant-Iago,
num reviravés,
queimada che fago
e, queimada, es."


[29-03-2011 16:08] ALFONSO ROSALES comentou:

Cada vez que te escoito ou leo non podo dicir nada mais que este non é un home normal, que temos diante de nós un ideólogo que nos mostra como se pode ter unha idea do futuro basada en non esquecer o pasado, e en saber escoller e aprecia o bo de cada momento.

Moitas grazas por todo.

Ainda que neste artigo tiveches un pequeno erro, dis que "A MUIÑADA" ocorre unha semana antes da festa, e iso só aconteceu este ano pola pouca axuda recibida dos diversos organismos. A Festa dura tres días seguidos o útlimo fin de seman de marzo de cada ano.

[26-03-2011 14:22] Antonio das Mortes comentou:

Dou fé de todo canto dís e das moitas marabillas que contas; e máis méritos ca tí só teñen os veciños de Meiro.
Eu seino porque...

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Presentacións da revista Terra e Tempo Nº 171 en Burela, Ourense e Pontevedra


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#com