Es muy aconsejable dar a las conclusiones tratamiento de hipótesis.
Vicente Núñez
1.Resumo das críticas ao informe do IGEA
Ao longo do último mes de decembro, véñense sucedendo todo tipo de comentarios, análises e opinións sobre o informe do IGEA titulado "Por un proxecto de futuro para o idioma galego. Unha reflexión estratéxica", elaborado polo profesor Henrique Monteagudo, coa colaboración de Antón Reixa. Neste mesmo foro de Terra e Tempo que xenerosamente me acolle, a proposta deu lugar a numerosas críticas negativas, moitas delas realizadas por persoas cunha recoñecida traxectoria na defensa do idioma durante as últimas décadas, e cuxos méritos deben ser recoñecidos, se obramos cunha mínima xenerosidade.
De xeito resumido, as críticas refírense, sobre todo, aos seguintes aspectos da proposta: a) a introdución do concepto de "bilingüismo restitutivo" como un elemento positivo no proceso de normalización lingüística b) a revisión das consecuencias do conflito lingüístico, pois este non derivaría, necesariamente, na liquidación da lingua minorizada c) a relativización do monolingüismo social como un obxectivo estratéxico da sociedade galega do século XXI d) por último, a reinterpretación descritiva do castelán para que non sexa definido, desde o nacionalismo político, como unha lingua estranxeira na Galiza contemporánea, dada a súa implantación como lingua de uso entre amplos sectores da poboación do país.
O conxunto das críticas deste foro, apuntan, pois na mesma dirección: consideran a proposta, como mínimo, desafortunada, non só pola suposta interpretación errónea de conceptos básicos da sociolingüística galega do último terzo do século XX, senón tamén por outro tipo de consideracións referidas á estratexia cultural e política a curto prazo; o informe actuaría como un elemento desestabilizador da unidade do nacionalismo en torno á defensa da lingua, e contriburía a fomentar a confusión nos argumentos esgrimidos a prol da normalización lingüística. Así mesmo, ofrecería argumentos que os inimigos do idioma (nomeadamente o PP) poden utilizar na súa ofensiva ideolóxica contra o galego.
Porén, considero que a revisión de certos dogmas (cando non deriva en liortas persoais ou rivalidades académicas) non debe ser nunca valorada de forma tan negativa; deste xeito, gostaría de percibir unha miga máis de equilibrio nas análises, tendo en conta que os propios autores do texto reclamaban un debate aberto, construtivo e ilustrado. E, cando menos, debería recoñecerse no informe a afouteza das súas teses, pois a risco de se meter en lameiras, remexe nas augas durmidas, procura novos escenarios, matiza verdades que tomamos por absolutas. Obríganos, por un intre, a facer unha pausa e reconsiderar o camiño. Convídanos, pois, a exercer o hixiénico dereito de dúbida.
2.Algúns matices a favor do informe do IGEA
Se me permiten un toque de humor, atreveríame a dicir que o informe recibiu, en poucos días, máis labazadas dialécticas que un boxeador soviético nunha película de Rocky; ás veces, lendo o groso das críticas, daba a impresión de que estabamos ante un texto "contaminado" pola ideoloxía españolista, elaborado coa mala idea de sementar desánimo e confusión entre os defensores da lingua. Mais, a pesar do cambio de enfoque que propón sobre as estratexias normalizadoras, calquera que entenda o galego pode ler no informe o seguinte: "O aumento continuo no número de cidadáns que vivan en galego é peza fundamental para a viabilidade de calquera estratexia de normalización presente ou futura e debe ser o seu obxectivo básico". Ou isto garda un dobre sentido, ou non se percibe renuncia galeguista por ningures.
Así mesmo, semella que a proposta do IGEA representa unicamente un ataque malintencionado contra as políticas do nacionalismo, por ineficaces e inmobilistas. Mais o informe ofrece evidentes críticas contra os responsables da ruptura dos consensos en torno ao idioma: acúsase ao PP de fraude e de oportunismo político e, por suposto, de fomentar a campaña mediática en torno á falsa imposición do galego. Menciona tamén a política uniformista e centralista do Estado español, e a indecisión do PSdeG nos seus principios supostamente galeguistas. Por último, denuncia a existencia de elites económicas e políticas cunha actitude abertamente hostil contra o noso idioma, contrarias a calquera medida de promoción do galego. Censuras explícitas que ocupan un lugar destacado no informe, mais que pasaron, curiosamente, desapercibidas.
Outro dos aspectos do informe que levantou máis ampolas foi a introdución do concepto de bilingüismo restitutivo, en canto representaría unha aceptación tácita das teses do bilingüismo "harmónico", tan do gusto dos dirixentes do PP; obviamente, os sectores máis retrógrados da sociedade galega e española utilizaron sempre o concepto de bilingüismo para lle daren unha malleira á nosa lingua, mais quizais, e mesmo por iso, vai sendo hora de asumir como propios os valores positivos que poida ofrecer a competencia lingüística en galego e castelán (e, por suposto, en portugués); porque se seguimos fiando a sorte do idioma só ao ideario monolingüista, deixaremos libre o campo de batalla semántica para que o ocupen sectores mediáticos reaccionarios que prostitúen a idea de liberdade vencellada á súa perversa defensa dun bilingüismo de cartón-pedra.
Alén do anterior, coido que o informe do IGEA introduce un aspecto clave para valorar a adecuación futura da política lingüística: a necesidade de non tratar a todos os casteláns-falantes da Galiza como seres alienados e colonizados, transmisores máis ou menos conscientes dun españolismo militante; o texto constanta unha evidencia: gústenos ou non, para moitos cidadáns galegos do século XXI, o castelán non vai ser xa nunca unha lingua estranxeira (aínda que a Historia e a Política demostren o contrario), pois manteñen, desde hai tempo, unha relación de naturalidade afectiva co idioma, semellante a que nós podemos ter con respecto ao galego. E esta evidencia, aínda que nos entristeza ou indigne, pode ser un primeiro paso para non seguir a construír castelos no aire.
A constatación precedente non ten por que ser contraditoria coa seguinte: os prexuízos cara ao galego, mellor ou peor disimulados, seguen moi activos en certos sectores da nosa sociedade; por suposto, aínda se producen comportamentos bilingües diglósicos, máis a carón deles existe un monolingüismo en castelán que foxe dos esquemas académicos; cidadáns que herdaron o castelán como idioma familiar e que, sen odiar o galego, non se senten interpelados por invocacións identitarias de carácter galeguista. A cuestión sería: e como recuperamos para o galego eses sectores de poboación? Vendéndolles consignas como "Galiza nom é Espanha" ou "Galiza ceibe, poder popular"? E servirán de esconxuro estas ladaíñas para conquistar milleiros de falantes?
3. Conclusión: unha tormenta nun vaso de auga
Nun breve prazo de tempo, é moi probable que toda esta polémica remate por ser unha tormenta dentro dun vaso de auga, un xogo de esgrima dialéctica que se irá esgotando unha vez que arrefríen os ánimos dos participantes; a fin de contas, cando baixamos a pé de rúa, seguen a actuar en contra do galego enormes poderes políticos e económicos dispostos a dinamitar calquera tímida iniciativa de normalización lingüística; e se cadra é neste punto onde o informe do IGEA comete pecado de inxenuidade: en dar por feito que os inimigos do noso idioma van aceptar, por un súbito ataque de amor á Terra, unha solución xusta e equitativa para o actual conflito lingüístico. Porque o lobo, cando traba na ovella, non solta a presa.
Por último, e máis alá de que nos manifestemos a favor ou en contra das teses do informe, exerzamos sempre a elegancia cívica de non anular as opinións contrarias a partir dunha análise parcial e interesada, sobre todo cando as persoas que as emiten coinciden connosco no obxectivo último de defender o futuro da lingua da Galiza; porque se todos/as os que nos consideramos cidadáns conscientes deste país rexeitamos as caricaturizacións perversas que reducen o nacionalismo galego a unha especie de tribo radical e intransixente, deberiamos tamén fuxir das tentacións sectarias que reducen calquera pensamento heterodoxo a unha suposta debilidade ideolóxica sometida ao españolismo.
Usemos, pois, a dúbida como menciña contra a intolerancia, propia e allea.
[31-12-2010 00:52] Xoana comentou:
Segundo o leo, o autor utiliza a coñecida sentenza cartesiana ("Penso, logo existo") para reformulala a base da dúbida como prólogo do avanzo do coñecemento. Algo semellante propugnaba Rosalía de Castro nunha novela súa. Non se debe confundir, coido, dúbida con vacilación ou escolla comenienzuda. Concordo co autor na necesidade de ponderar todos os argumentos que se amosen en defensa da lingua galega. Outra cousa son as necesidades peremptorias que ela, a lingua, ten, a comezar por facer fronte a todos os que teiman na súa acelerada desaparición. Felicito a Carlos Negro pola súa sincera opinión, independentemente de estar de acordo con el, mais sei do seu compromiso real coa lingua galega, que é o que importa...
[29-12-2010 20:28] Andamolho comentou:
A miña dubida existencial basease na necesidade,que baixo o meu punto de vista leva implícito este
informe, da rebaixa que debemos facer os que apostamos por unha hexemonía social da nosa lingua
para deste xeito os que non teñen a ben o recoñecemento da lingua propia coma unha lingua nacional
poidan aceptar axudarnos a que os nosos dereitos sexan plenos,dito doutra maneira que nos perdoen a
vida.
Como se fora unha rabecha dunha crianza, así preséntanse as pretensións de quen esixe o dereito a
vivir na nosa lingua,de quen reclama para o noso idioma as medidas que garantan a recuperación que
séculos de escurantismo infrinxiron na lingua propia desta terra,e non pasa ren,debemos actualizar
o discurso e adaptalo os novos tempos,xa non somos todos galegos na lingua, Galiza o fin e
bilingüe, e debemos aceptalo sen chiar porque doutra maneira corremos o risco de desaparecer.
Grande novidade a de quen coma o camaleón mesturase co entorno para salvar a vida,e mañá cal vai
ser o seguinte chanzo que teremos que baixar?en serio,alguén acredita que este sexa o nivel no que
se permitira a supervivencia do idioma?E aínda que así fose,confórmanse cunha lingua
testemuñal,e esa a verdadeira finalidade do idioma da Galiza,ser testemuñal para sobrevivir?
O recoñecemento doutra lingua como lingua da Galiza e sinxelamente o pasaporte do entreguísimo a
claudicación o suicidio do noso idioma,é o que os verdadeiros inimigos da identidade da Galiza
desexan que ocorra,de aí a considerala legalmente lingua propia precisaranse poucos anos mais, e
ninguén se poderá opoñer a esa nova realidade se antes se admitiu o recoñecemento de lingua de
Galiza a esa outra lingua.Non se pon en dubida a necesidade de atraer falantes mais falantes
concienciados do que significa un pobo,unha cultura e unha lingua,porque ou Galiza se fai dende o
compromiso ou deixara de ser Galiza,aínda que soe unha gaita nalgún "sarao" ou un/ha pregoeiro/a
diga unhas verbas nesta lingua milenaria o dia da festa de calquera pobo da Galiza.
[29-12-2010 20:14] cartesiano comentou:
O tempo que algúns/has dedican a "dubidar" é directamente proporcional ao tempo precioso que perden (lamentabelmente, perdemos) no canto de actuaren (actuarmos) e axiren(axirmos). Se cadra, eles con máis responsabilidades ca nós, porque teñen medios, institucións e instrumentos que levan anos instalados na máis absoluta das escleroses e que ben farían en pór ao servizo do país neste intre de emerxencia nacional, de maré negra no lingüístico, que vivimos. Xa que sabemos que o non van facer, fagámolo cando menos nós.
[29-12-2010 15:24] Xosé Henrique comentou:
Usemos tamén a dúbida sobre a contrarreforma laboral, a rebaixa das pensións, a ampliación da idade de xubilación, a dictadura do Gran Capital, o imperialismo que asoballa aos pobos con ansia de liberdade, o xenocidio que están a sufrir os pobos palestino e saharauí, a corrupción político-xudicial que afecta ao Estado español, a revindicación das víctimas da dictadura franquista, o dereito de autodeterminación, etc. Apliquemos nós a dúbida sobre todas as reivindicacións que nos son propias como galegos e traballadores, con conciencia de selo, que os nosos enemigos téñeno moi claro, non dubidan nin por un instante en acabar co noso idioma, cos nosos dereitos como nazón e como clase traballadora, ca nosa idiosincrasia, ca nosa arte e cultura, en definitiva, non dubidan en acabar connosco.
Os campos marcados con* son obrigatorios.
© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#bautistaalvarez#code#org